730

Compañeros de Historia,
tomando en cuenta lo implacable
que debe ser la verdad,
quisiera preguntar —me urge tanto—
¿qué debiera decir, qué fronteras debo respetar?
Silvio Rodríguez, Playa Girón

Hai 730 días nos auguraron que non iamos durar 60. Hai 730 días, o capítulo diario da Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela non acabou coma Esperando a Godot (—”Que, facemos algo?”, —”Si, fagámolo” —E quedan no sitio). Hai 730 días naceu Compostimes. O correcto hoxe sería escribir unha reseña deseñada expresamente para que nun futuro alguén a poña como relacionada ó artigo en Wikipedia desta revista. Esta entrada, sen dúbida, levaría un disclaimer por estar falta de fontes ou da obxectividade necesaria. Sentíndoo moito polas campañas de recadación de Jimmy Wales, vexo imposible escribir sobre Compostimes se non é sacándoo das entrañas.

Recordo as caras da xente corda cando explicabamos que si, que eramos unha vintena de mozos que queriamos escribir sobre o que nos petase, sen un modelo de negocio claro, sen unha estrutura ben definida, sen unha liña editorial, sen cobrar e sen unha idea elevada á que consagrar todo o proxecto. Estabamos tolos porque sabiamos que a revolución do xornalismo non empezaría por nós, que posiblemente non achegariamos nada ó proceso de liberación nacional nin fariamos o mundo máis xusto e equitativo. Queriamos só facer o que nos gustaba e, inda por riba, pretendiamos que a alguén lle gustase.

Dous anos despois, non acadamos ningún deses obxectivos que non nos marcamos. Non chegamos a ningunha meta, pero si nos divertimos e aprendemos polo camiño. Ós vinte tarados do principio sumóusenos pouco a pouco máis xente. Hoxe a páxina asegura que pasaron por Compostimes 147 autores. A rede de relacións entre redactores, lectores e non-lectores, a constelación de alegrías, tensións, erros e momentos de euforia que vivimos é o que realmente dá forma á revista, alén dos 1.815 artigos que, con este, recollen os nosos servidores.

O do artigo en Wikipedia é mellor deixalo para cando a tecnoloxía nos permita plasmar dixitalmente o conxunto de experiencias vivido por 147 persoas nos últimos dous anos. Nese momento poderá verse Compostimes en perspectiva. Porque, volvendo a Silvio, “lo más terrible se aprende enseguida y lo hermoso nos cuesta la vida“.