O ocaso do emporio das residencias

Eu fun cliente de Casa Román. Recordo a lotería dos compañeiros que che podían tocar nun piso, recordo o camareiro venezolano que che traía exactamente o oposto do que pedías e tamén esa insoportable dicotomía á hora de escoller o segundo prato entre bistec ou chuleta, que eran produtos absolutamente diferentes segundo foses comer a primeira hora, a hora punta ou cando a cociña estaba a punto de pechar. Tamén lembro aquel Yogurmet que Clesa debía producir exclusivamente para eles. Mais a lembranza que predomina sobre todas elas é a do día que cheguei ás oficinas centrais de Residencias Román e se me ocurriu preguntar á muller que me abriu se estaba “Marcial”. Os seus ollos abríronse coma pratos e, nun ricto de terror, preguntoume se me estaba referindo quizais “ó señor Román”. Como era a el a quen buscaba, conduciume a un despacho no que se repartían o espazo libros sobre Santiago, o Novo Testamento e as obras de Alfredo Urdaci e José María Aznar (asinada, esta última, polo autor). Sobre o escritorio ocupaba unha posición central un luxoso abrecartas coa forma do Sagrado Corazón de Xesús, e tralo escritorio se atopaba, impoñente, Marcial Román, o home que levantara da nada hai 32 anos aquel emporio da hostalería estudantil.

© Adrián Lijó

O Marcial Román que falaba onte sobre o concurso voluntario de acredores que fará desaparece-la súa empresa era un home moi diferente. De 66 anos, canso, apenado por ter que pechar un histórico negocio e tamén polos “erros empresariais” que admite ter cometido. “Tiña que ter pechado hai seis anos —lamenta— ou que ter reducido persoal daquela”. Román marca como inicio desa trepidante costa abaixo nos seus ingresos “o último Ano Santo”, aínda que a tendencia xa se comezara a notar “en 2005 ou mesmo 2004”. “Baixou estrepitosamente o volume de estudiantes en Santiago”, apunta, paralelamente a un “cambio nos seus hábitos”: cada vez máis estudantes optaban por ir e vir cada día das súas vilas de orixe e, os que quedaban en Compostela, preferían comer “un bocadillo” nas súas casas.  “Casa Román gañaba cartos no restaurante, con estudiantes que xantaban e ceaban alí, pois as residencias eran dos seus propietarios”, comenta. Os ingresos reducíanse e os gastos se mantiñan, unha combinación que faría tremer ó máis avezado dos contables: “en 2010, por exemplo, gastaba 34.000 euros en nóminas dos meus 32 empregados e 11.000 máis para a Seguridade Social, o que suma 45.000 euros de gasto só en persoal que nos daba pena botar”. Un ERE que se levou a cabo o ano pasado deixou a plantilla en tan só 19 empregados, pero non foi suficiente: “isto era insostible”.

Cabería preguntarse se non é, quizais, que a competencia lle foi levando residentes a Casa Román. “Non, non, iso si que non —descarta Marcial Román—. Aínda onte ou antonte nos chamaron para ofrecernos unha residencia clásica de Santiago da que non direi o nome. De setenta prazas, tiña ocupadas vinte”. A resposta foi unha negativa tallante: “nin a miña muller, que traballou como unha leoa ó meu carón, nin eu témo-la forza ou o empuxe para seguir adiante”. Fóronse desmotivando, en parte, por fracasos de proxectos emprendidos polo histórico hostaleiro compostelán á marxe de Residencias Román. Un deles é Casa Rosalía, unha residencia da Rúa do Franco con restaurante e praza para quince homes que pechou en outubro de 2012 e na que Román investira 500.000 euros en reformas, maquinaria e mobiliario. Hoxe está, amais, enfangado nunha causa xudicial contra o propietario do inmoble, ó que acusa de telo alugado de novo (nesta ocasión, á empresa propietaria da Taberna do Bispo) con todo o equipamento de Román no seu interior.

Un grupo de empregados da casa amosou a súa disposición para toma-las rendas do negocio

Porén, no horizonte de Casa Román aínda asoma unha raíña de luz. O seu dono revela que un grupo de empregados da casa amosou a súa disposición para toma-las rendas do negocio unha vez se solucionen os trámites do concurso de acredores. O tempo dirá se os Yogurmets de Clesa todavía poden ter unha razón de ser ou se os estudiantes do futuro van seguir pasando minutos, á hora de comer, estrullando os sesos para decidir entre bistec ou chuleta.