Panteiras Negras: A revolución do Black Power

Creo que podo falar en nome de moitos dicindo que case todos os cibernautas somos moi fans das xoias que, en ocasións, un atopa en foros deseñados para consultar dúbidas. Hai uns días fixeime nunha pregunta sobre os mitos e símbolos existentes da panteira negra, ese felino tan belo e temido á vez. Para a miña curiosidade, resulta que pode representar a reclamación do poder que lle corresponde e mesmo é considerada un símbolo do feminino ou daqueles que avanzan máis que o resto; é dicir, a vangarda feita animal.

De súpeto, lembreime do Black Panther Party(BPP), coñecido na nosa lingua como Partido Panteira Negra, a organización política máis importante na loita contra o racismo nos Estados Unidos entre mediados dos anos sesenta e comezos dos oitenta. Será mellor que collan a laca, a boina e poñan All along the watchover de Jimi Hendrix, porque agora, sí que sí, comezamos.

Black Panther Party - 1960s

Membros do BPP en formación nun parque de Oakland do Oeste(fotografía: visionaryartistrymag.com)

É outubro de 1966; Huey Newton e Bobby Seale, dous pensadores influídos enormemente polas ideas do lendario Malcom X e polo panafricanista Frantz Fanon, toman a decisión de fundar un partido que reivindicase os dereitos reclamados polo pobo negro en EEUU naqueles intres. Vítima dun paro, dunha fame, dun racismo e dunha pobreza que non era nada máis e nada menos que a herdanza racista que lle quedou, tras a abolición da esclavitude, á poboación afroamericana; unha poboación literalmente segregada, pois mesmo nos servizos os negros debían empregar un lavabo diferente do utilizado polos brancos, así que xa poden imaxinar o resto de situacións de marxinación. Cómpre sinalar que estamos a falar dunha época moi longa, que abrangue desde 1870 ata aproximadamente o ano 1970. Todo un un século.

"O poder para o pobo", o lema dos panteiras negras(fotografía: innermichael.com)

“O poder para o pobo”, o lema dos panteiras negras(fotografía: innermichael.com)

A mediados dos sesenta, o BPP foi responsable de múltiples accións sociais como a loita contra as drogas.

Como ben lles dicía, Newton e Bobby Seale fundan o BPP no ano 1966 co obxectivo de mellorar as condicións da comunidade negra e a tamén a súa autodefensa, traducida esta no dereito constitucional ianqui de posuír armas. Ademais, entre as múltiples accións sociais que levou a cabo o BPP atopáronse: o programa de almorzo para nenos, a loita contra os estupefacientes e mesmo clases gratuitas de autodefensa, dereito, economía ou de primeiros auxilios. Todo en prol da comunidade negra.

A pesares disto, debido ó extremo racismo que sufrían daquela, o goberno estadounidense presidido por Lyndon Baines Johnson-sucesor de John F. Kennedy-  e o FBI consideraron ós panteiras negras toda unha ameaza para a nación. Concretamente, o Programa de Contraintelixencia do FBI foi o responsable de destruir a organización cunha morea de detencións, asasinatos e desterros á forza. Pero non soamente se viron intimidados e agredidos polas forzas de seguridade do país, xa que, por exemplo, a comezos de 1969, os responsables do Black Panther Party de Los Ángeles, John Huggins e Bunchy Carter, foron asasinados por membros do United Slaves, unha organización nacionalista negra rival do BPP fundada catro anos antes polo profesor e filósofo Maulana Karenga e por un primo de Malcom X, Hakim Jamal, quen ademais de ser coñecidas a súa drogadición e a súa facilidade de palabra, resultou ser unha personalidade crucial na expansión mediática do movemento black power e das ideas radicais do seu célebre familiar.

A mediados dese mesmo ano, as persecucións e as detencións a membros do Black Panther Party nas cidades nas que tiñan moita presencia incrementaronn considerablemente, polo que vinte e unha persoas foron levadas a prisión e aquelas que se resistiron a ser detidas foron asasinadas polas forzas da orde. O resultado final foi que, dous anos despois, os panteiras negras detidos foron postos en liberdade sen cargos, case un milagre tal e como eran aqueles tempos non tan lonxanos.

As brigadas policiais foron sinónimo de racismo e represión para os panteiras negras(fotografía: explorepahistory.com)

As brigadas policiais foron sinónimo de racismo e represión para os panteiras negras(fotografía: explorepahistory.com)

 O Programa dos Dez Puntos do BPP resumía á perfección a precaria situación na que vivía a maioría dos afroamericanos en EEUU.

Por culpa do martirio que levaban sufrindo os negros desde moitísimo antes da existencia do BPP, o partido estableceu un programa que amosase de xeito claro a ideoloxía dos seus membros-Programa dos Dez Puntos-. Cun discurso crítico ante o sistema establecido, o Programa dos Dez Puntos do Black Panther Party resumía a perfección a precaria situación na que vivía a maioría dos afroamericanos en EEUU. De entre ditos puntos, os máis notorios son os seguintes:

<<Queremos liberdade[...], o poder para determinar o destino das nosas comunidades negras oprimidas[...], pleno emprego para a nosa xente[...], sanidade gratuita para todos os negros e oprimidos[...], o fin inmediato da brutalidade policial e dos asasinatos a negros ou outra xente de cor[...]>>.

Acusado de suposto dogmatismo, de sexismo propio partido, de corrupción por parte dos seus líderes e, nalgúns casos, de pertenza parcial a operacións armadas por parte dalgúns membros, o BPP comezaría a agonizar unha vez iniciada a década dos setenta a partir dunha serie de escisións e conflictos internos ata a súa disolución en 1982. Destas escisións, naceu en 1989 o New Black Panther Party(NBPP), o cal remataría formando parte da unión panafricanista Nation of Islam en 1999; aínda que fai dez anos o NBPP formou a denominada National Alliance of Black Panthers xunto con antigos membros do Black Panther Party co obxectivo de facer rexurdir aquel movemento que cautivou a máis dun e que fixo tremer ós altos cargos daqueles Estados Unidos de América que observaban como a organización dunha comunidade oprimida puido cambiar paulatinamente o seu destino. De feito, tal foi a influenza do Black Panther Party a nivel nacional e mundial que numerosas celebridades afirmaron nalgún intre das súas vidas a súa empatía respecto a esta organización, tales como o falecido Tupac Shakur, toda unha lenda da música rap e fillo dunha importante militante do BPP-Afeni Shakur-, os actores James Cromwell e David Glover e mesmo Muhammad Ali.

Afeni Shakur, unha das militantes máis importantes do BPP

Afeni Shakur, unha das militantes máis célebres do BPP, nunha conferencia en homenaxe a Martin Luther King no 2008(fotografía: wikipedia.org)

Así pois, independentemente da opinión de cada un, déixolles un entretido vídeo en homenaxe ós panteiras negras subido á canle oficial de Youtube de Keith Carson, representante do Distrito 5 de Alameda Country(EEUU). Feliz martes a todos e que o soul lles acompañe!