Vota un caudillo o 25 de maio

No voy a hablarles de un hombre común 
haré la historia de un ser 
de otro mundo de un animal de galaxias. 
Es una historia que tiene que ver 
con el curso de la Vía Láctea.
Es una historia enterrada 
es sobre un ser de la nada.”
Silvio Rodríguez, La canción del elegido

Galicia nunca foi país para salvapatrias. A célebre desconfianza que caracteriza ós habitantes deste recuncho da península afastouna da adoración esaxerada de grandes ídolos políticos, máis alá de caciques “tradicionais” de menor (José Luis Baltar) ou maior (Manuel Fraga) ámbito de actuación, pero que baseaban a credibilidade que inspiraban nos seus votantes máis en razóns de familiaridade (ir a tódolos enterros da comarca) ou beneficio económico directo (un postiño á conta do contribuínte) ca no carisma.

O caudillismo é unha centenaria técnica de comunicación política que existe dende antes mesmo de que se concibise a política como tal, pois ten orixes indubidablemente relixiosas. Prima nela o carisma do líder máis cás súas propostas ou ideas concretas, a emoción fronte á razón, o individual fronte ó colectivo, aínda que este individuo adoite identificarse coa vontade dese abstracto chamado “pobo”. As súas orixes se poderían situar en Occidente na época da construcción do Estado moderno (o Rei Sol e os seus sucesores, coa máxima “todo para o pobo mais sen o pobo”) e o seu perfeccionamento no século XIX con Napoleon Bonaparte como máximo expoñente do caudillo decimonónico, avalado polo seu heroísmo militar.

O caudillo adoita identificarse coa vontade dese abstracto chamado “pobo”

Non obstante, a Idade de Ouro dos caudillos chegou nos anos 20 e 30 coa auxe dos fascismos e o comunismo soviético. Lenin, Mussolini, Franco e, sobre todo, Stalin e Hitler convertiron a súa propia persoa no meirande símbolo e imán do sistema que representaban. Co seu indiscutible carisma conseguiron pilota-los seus pobos cara á esquizofrenia ou o xenocidio coa naturalidade coa que certas mozas ou mozos levan ós seus namorados ó bordo da loucura paixonal. Líderes de países sen tradición democrática presentáronse con fervor como caudillos destinados a salva-lo seu pobo das garras dun ou varios inimigos non demasiado concretos, coma Fidel Castro ou o mesmo Hugo Chávez. No berce da comunicación política, os Estados Unidos, tomaron boa nota de que “o líder é a mensaxe” para lanzar á presidencia a políticos tan carismáticos coma Ronald Reagan ou Barack Obama.

En Galicia, non obstante, coa discutible paréntese de Francisco Franco (que non espertou aquí as mesmas paixóns ca noutros puntos da península, malia ser da terra) e deixando á marxe a política local, o persoalismo electoral nunca terminou de callar. Recordemos: nos últimos vinte anos foron representantes das principais forzas políticas figuras tan anodinas coma Antolín Sánchez Presedo, Francisco Jorquera, “Pachi” e Guillerme Vázquez e como presidentes a Emilio Pérez Touriño ou o Feijóo dos primeiros anos.

 

Estas eleccións europeas están deixando entrever unha nova auxe do caudillismo e este 25 de maio pode sentenciar se este xeito de facer política, o vender ó candidato como encarnación de tódolos valores que se queren transmitir, é flor dun día ou o seu éxito se convirte en garante da súa continuidade. O exemplo máis evidente (imaxino, querido lector, que levarás varias liñas con el na cabeza) é Pablo Iglesias, un politólogo indiscutiblemente culto, que fala ben e pode resultar ata guapo. E o que é máis importante: que está ata na sopa. Iglesias deulle a volta á ruta clásica dos líderes políticos españois: medrar nun partido, chegar ás súas altas esferas e por último darse a coñecer ó gran público. El, nunha traxectoria que moi poucos inxenuos verán casual, saltou en poucos meses dunha televisión de barrio de Vallecas á iraní HispanTV e de aí a Intereconomía e a tódalas tertulias do grupo Mediaset. Só unha vez acadado o estrellato mediático montou un partido á súa imaxe e semellanza, Podemos (que algúns, con malicia, alcuman Pablemos), que o leva de logo, de bandeira e de candidato. Descoñécese que pasará con esta nova forza política unha vez o seu amado líder estea (se acaba estando) nunha cómoda butaca en Estrasburgo, de cuxas confortables moquetas moi poucos políticos volven.

Pablo Iglesias, nunha traxectoria que moi poucos inxenuos verán casual, saltou en poucos meses dunha televisión de Vallecas a tódalas tertulias do grupo Mediaset

O reverso esperpéntico do politólogo madrileño é o xuíz canario Elpidio Silva. Saltou á area pública metendo na cadea a Miguel Blesa e ascendeu ó martiroloxio cando foi expedientado por unha instrucción supostamente desastrosa. A consabida xira televisual levou a Elpidio a petar en case tódalas portas dos partidos políticos chamados “rexeneracionistas”. Cando lle deron as costas ata no Partido X, o agonizante maxistrado montou o seu propio partido, o Movimiento RED. As caricaturescas irregularidades nas “primarias abertas” que convocou e Llegará, a impagable sintonía electoral con aires de canción protesta na que Elpidio se transmuta nun mesías que “como un león ha irrumpido a mostrarnos el camino”, son xa historia.

Nun plano inferior en intensidade pero idéntico no intento de vender á candidata polo que é e non polo que defende sitúase a candidata da Esquerda Plural en Galicia, Lidia Senra. Alternativa Galega de Esquerda ten como líder ó político, hoxe por hoxe, máis carismático de España, Xosé Manuel Beiras, quen lle valeu á coalición boa parte dos 200.000 votos que colleitaron. Esta sindicalista e labrega ecolóxica non é Beiras, mais xa foi presentada polos seus como “a entrañábel voz do pobo” ou “a Maricastaña do século XXI”.

 

Lidia Senra, no seu posto ecolóxico no mercado da Praza de Lugo da Coruña | Jorge Pan

Lidia Senra, no seu posto ecolóxico no mercado da Praza de Lugo da Coruña | Jorge Pan

Este agromar de políticos-mensaxe, de caudillos cuxo rostro é o único detrás dun voto co seu nome, pode que sexa unha resposta natural ante o descrédito da clase política, corrupta, na que xa case ninguén confía e á que eles din opoñerse para darlle a volta a todo. Pero ó peor significan a volta onde o cidadán non quere asinar ese contrato con condicións que é o voto meditado e argumentado, senón que prefire o concede-lo cheque sen fondos que supón lanzarse nos brazos dun mesías rexeneracionista. Veremos.