Videoclips, premios, desmotivacións e outras lerias

Había unha vez, nunha pequena aldea d’A Mariña, un rapaz que medrou vendo A Galega. Como tantos outros de características semellantes neste pequeno recuncho da península, este rapaz merendaba co Xabarín e ceaba Pratos Combinados ao Luar da noite. A súa vida era sinxela e as súas ambicións máis oníricas relativamente alcanzables: non quería ser nin futbolista nin astronauta, chegáballe con ser policía ou profesor, que daquela, sen dúbida, eran as persoas máis sabias do mundo para el.

Co paso dos anos e coas medras no seu corpo e nos seus miolos foi criando outras ambicións. Tras mudarse á cidade pouco cambiou a súa forma de ser neses primeiros anos. A TVG seguía sendo a súa referencia televisiva e aínda hoxe se lle poñen os pelos de punta ao escoitar a melodía de Terra de Miranda, aínda fai que recorde aquela vida de aldea que, ao non ter, vía na televisión. Non é estrano, así, que o rapaz quedase abraiado coas capacidades narrativas e emotivas do audiovisual e da caixa boba. Por iso, tampouco é estraño que decidise encarreirar a súa vida cara a creación audiovisual. E como creador, o seu soño, a diferenza doutros, non pasaba por un Oscar ou un Goya… polo menos non de entrada. “Ponte metas alcanzables”, lin algún día. Iso mesmo fixo este rapaz, sen sabelo, desde pequeno. Con 20 anos estivo tres meses de prácticas na TVG e mantívose a un metro de Gayoso durante case 4 minutos seguidos: bo traballo, rapaz.

evolucion_logo_tvg

Algúns destes logos forman parte da nosa memoria | Fonte: El apasionante mundo de la empresa

Volvemos á adolescencia. Por casualidade (é causalidade) unha noite viu na televisión unha desas elegantes galas de premios. Todo lle soaba, e moito do que saía formaba parte indirectamente da súa vida. Da de seus pais, humildes emigrantes e traballadores rasos deste sistema, tamén (irse a 100 quilómetros non é marchar a Arxentina nin a Cuba, pero é deixar á familia atrás). Esa gala eran os Mestre Mateo, os premios ao audiovisual galego. Moitas caras coñecidas e pezas cómicas fixeron que se convertese nun deses programas que o rapaz gustaba ver ano tras ano, especialmente cando comezou a dirixir a súa profesión cara este eido. O noso amigo descubría asemade o funcionamento das cousas na vida e un dos praceres que despois amaría: a música (o sexo viría máis tarde). Música e audiovisual, dúas grandes paixóns deste rapaz. E cal é o cumio da conxugación destas dúas cousas? Efectivamente: os videoclips.

Este rapaz, ao que lle impos poñer o nome e apelidos de quen escribe declarouse dende hai un tempo fan dos vídeos musicais e da música galega en xeral, probablemente pola influencia do bravú e do Xabarín. Por iso, cando hai algo máis dun mes tiveron lugar os Mestre Mateo 2014 (que premian as mellores obras realizadas no ano anterior, neste caso 2013) levei un pau bastante gordo na categoría videoclips. A obra premiada, Canto de sirena, é unha canción que sinceramente me gusta, moi tranqui e melódica. Pero o seu vídeo non merece ser premiado (e descúlpeme o autor e quen discrepe) en ningún certame audiovisual de videoclips, porque esta obra ten traballo no audio, non no visual.

Videoclip gañador dos XII Premios mestre mateo

Non pretendo botar merda sobre o pobre Piti Sanz, que xa bastante tivo que aturar pola rede, aínda que si que vou tirarlle das orellas (e tamén sinalar algún acerto, por que non) polo seu discurso. E quero que conste, antes de nada e tal como sinalou o propio Piti nalgunha ocasión, que os culpables de outorgarlle o premio son os da Academia Galega do Audiovisual; el só presentou o seu vídeo ás candidaturas, e fixo ben. Sanz sinalaba cando recolleu o premio que el non fai videoclips, senón que fai cancións. ACERTO! Tamén afirmou que “rouba imaxes de internet” para colgar en Youtube a súa canción. ACERTO, novamente. Recoñecer, co termo “roubar” que as imaxes non son súas paréceme moi digno, aínda que non serve de escusa. O que non me gustou tanto é cando apunta que ao mellor, o que el fose o premiado é un toque de atención por centranos máis na tecnoloxía que na imaxinación. Porén, volve ser precavido e sálvase ao advertir ata en dúas ocasións que non todos os videoclips “son iguais“, senón “case todos”. En esencia isto foi o que comentou, pero analicémolo por partes (para quen queira ver o discurso completo, podédelo ver aquí a partir do 01:39:00).

En primeiro lugar falemos do feito de “roubar” as imaxes coas que monta o seu videoclip. Se é certo o que apuntan en Sermos Galiza sobre que Piti Sanz é coñecido por ser un defensor dos dereitos de autor, o feito de que fixera este vídeo non deixa de ser unha mostra máis da hipocrisía humana. Como non o sei nin atopei a confirmación noutro lugar, tampouco lle imos colgar ese sambenito. Pero, sexa como sexa, é de moi mal gusto. E el, como creador, deberíao saber. Hoxe en día existen recursos suficientes como para ser respectuosos cos autores e conseguir aínda así produtos de calidade. Os que nos dedicamos a isto, sabemos que as licenzas Creative Commons son as nosas mellores aliadas. Tamén as obras de dominio público que, contra o que moitos poidan pensar, existen á esgalla e incluso nos permiten facer uso comercial. Así que non ten perdón usar imaxes con dereitos de autor (e incluso con marcas de auga) para crear un produto que vendes como teu. A min, señores da Academia, paréceme unha falta grave pasar isto por alto, porque é tirar pedras contra o seu propio tellado.

En segundo lugar, falemos da suposta falta de imaxinación no mundo dos vídeos musicais e da imposición da tecnoloxía. Ou, como dicía Piti, o dominio do “plano secuencia do grupo tocando, plano secuencia do que conta a canción”. É iso moito menos orixinal que buscar en google imaxes palabras que coinciden con ese momento da canción, meterlles un filtro (algo hortera, por certo) e metelas no vídeo? Iso é, acaso, orixinal? Porque sei de centos e centos de vídeos que seguen esa premisa. Iso si, adoitan facelos fans e non concorren a certames audiovisuais.

Que a imaxinación debe prevalecer sobre a tecnoloxía é algo que todos os profesores de audiovisual apuntan dende o primeiro ano de clase unha e outra vez. E non lles falta razón, pero tampouco lles sobra. E é que unha das frases feitas máis verdadeiras que escoito decote é “xa está todo inventado”. A priori, parece unha barbaridade pensar isto, pero sete mil millóns de persoas distintas durante miles de séculos probablemente xa o pensaron case todo, non credes? O problema é que non temos coñecemento de todo o que acontece no mundo; non é a primeira vez que vexo algo innovador e orixinal que me abraia e, tempo máis tarde, descubro que xa estaba feito antes por alguén na China, nos EEUU ou en Bangladesh. E videoclips? Videoclips hainos a miles. De aquí e de alá. Son máis sinxelos que a ficción e é por onde comezan moitos dos creadores que se queren dedicar a isto. De verdade, hai moitos, e hainos moi bos: non todos son o grupo tocando, ou unha narración simple da historia da canción. E se así foran, pois tamén poderían ser bos, ou é que o clásico non é bo? Porque a maioría os instrumentos que usan os músicos tamén os hai dende hai centos de anos e seguen dando xogo. Hai videoclips divertidos, románticos, de terror, paranoicos, sensuais, agresivos, experimentais, críticos… en fin, para todos os gustos, señora. E que diga isto non quere dicir que os creadores nos durmamos nos laureis e que non exista xa lugar para a innovación (porque a imaxinación é infinita e hai cara onde innovar, abofé). O que quero dicir que non por facer algo “alternativo” e supostamente “innovador” quedará necesariamente un traballo mellor que algo feito de xeito clásico; hai máis factores.

Da mesma forma que un mestre de primaria ou infantil é o máximo expoñente da intelixencia para os seus alumnos, o seu mestre, don Mateo, é referencia para os novos creadores galegos. Soñamos con algún día poder compartir gala con vostedes e sentirnos orgullosos do que alí dentro se decide.

Nin os malos son tan malos, nin os bos son tan bos, e penso que a Academia debería ter máis coidado á hora de dar os premios. A falta de motivación é un problema xeneralizado nesta e noutras profesións, pero cousas como estas tan só conseguen agravalo. Somos uns cantos os que vemos os Mestre Mateo como un premio alcanzable se facemos ben as cousas, pero estas cousas non axudan. De feito, nalgúns casos nin sequera representan o audiovisual que aquí se fai… e iso non é positivo. A min non me gusta que o vídeo de Canto de sirena sexa a máxima expresión dos videoclips galegos cara ó exterior, porque non o sinto así. Penso que temos grandes traballos audiovisuais que son moito máis representativos que ese. Pero, por desgraza, este ano teremos que conformarnos con velos en festivais independentes como no Festival de Cans ou no Festival Primavera do Cine, que ademais nos quedan próximos no tempo. Está claro que todos os premios teñen certa subxectividade, pero neste caso somos moitos os que pensamos que o premio deste ano do Mestre Mate ao mellor videoclip non estivo acertado. Por favor, señores da Academia, non interpreten isto como unha mensaxe hostil, véxano como unha crítica construtiva. Da mesma forma que un mestre de primaria ou infantil é o máximo expoñente da intelixencia para os seus alumnos, o seu mestre, don Mateo, é referencia para os novos creadores galegos. Soñamos con algún día poder compartir gala con vostedes e sentirnos orgullosos do que alí dentro se decide.

Por certo, falando de audiovisual galego, desmotivación e rapaces de aldea, permitídeme pechar esta reflexión compartindo con vós esta curtametraxe coa que tan identificado se sentiu o rapaz do que falaba ao comezo do artigo. Porque ao final, de todo isto, A culpa é dos pais.