Rosalía en coiros explícache a historia do galego

Nesta History X non hai violentos neonazis que empregan os bordos das beirarrúas para algo máis que para ata-los zapatos ou caer neles coa bici. Porque non é American, senón Galician, coa amabilidade e o humor retranqueiro consubstanciais a este recuncho da península. Coa parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas, como pano de fondo, un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual en Pontevedra liderado por Miguel Grandío decidiuse a trazar unha panorámica da historia do galego de xeito moi diferente ó que se ten feito ata o de agora. Fronte ós xa lidos e relidos libriños editados na súa maioría pola malograda editorial A Nosa Terra, os tediosos apartados do manual de Lingua Galega da ESO e o Bacharelato e ó delicioso romance Historia da Lingua Galega de Darío Xohán Cabana, os rapaces da produtora O Galiñeiro Escuro decidiron facer algo en celuloide. E así naceu Galician History X.

Aínda que Grandío admite “carencias técnicas”, que foron “moi pillados de tempo” e a unha acuciante “falta de recursos”, o certo é que o enxeño e o humor enxebre que trufa a cinta compensan con creces calquera pequeno defecto formal (que este lucense, coa humildade propia dun director novel, esaxera). Aínda non nos recuperamos do momento no que o galego se separa do latín a traverso das cordas vocais dun cura que fala a lingua de Virxilio coma Mamá Ladilla, cando quedamos abraiados por descubrir que a separación entre os reinos de Galicia e Portugal produciuse, en realidade, cambiando os marcos con nocturnidade e alevosía. Non aptos para emitirse en horario infantil son os momentos nos que descubrimos con fascinación que Rosalía de Castro foi, nunha ocasión, portada dunha revista Nós de papel cuché. E nin tan sequera tiña a man unhas follas novas para tapa-las partes pudendas. Centos de anos de lingua, Séculos Escuros incluídos, comprimidos en apenas 19 minutos de metraxe.

“A mellor campaña é a que non se percibe directamente que ten o obxectivo de venderche o galego —asegura Grandío, que subiu a curta a Youtube no día das Letras Galegas de 2012, tras algúns inquedantes teasersNon te limites a dicir «fala galego», fálao ti tamén e eu aprendereino porque terei referente e vereino normalizado“. El teno moi claro: “o humor é un dos vehículos de comunicación máis agradecidos que hai”, algo que parecen refrendar as máis de 7.000 visitas coas que contaba, no momento de escribir estas liñas, Galician History X. Esta non é máis ca unha das múltiples iniciativas audiovisuais que pretender darlle a volta á situación da lingua nun terreo que, de principio lle é hostil. O ano pasado, de 60 alumnos que cursaban primeiro de Comunicación Audiovisual na UVigo, só 16 escolleron a materia de galego. Quen sabe cantos serán no futuro, cando gocen desta curta como material didáctico.