O estatus de Galicia, un paso ao centro

Cando analizamos a realidade galega non nos podemos esquecer de ollar un pouco máis aló das nosas fronteiras e tentar analizar a realidade española. Os problemas que lle afectan a Galicia son, en moitos casos, os mesmos que lle afectan a España e que lle impiden a ambas as dúas poder desenvolverse como debería de ser. No caso galego non podemos esquecer o marco de convivencia con outras autonomías, e polo tanto, con outras realidades económicas, culturais e sociais diferentes. Nesta proposta que presentamos a continuación co fin  de facer reflexión sobre a situación de Galicia tomaremos coma referencia o exposto polo prestixioso catedrático de dereito administrativo Tomás Ramón Fernández, no documento La España de las autonomías: un Estado débil devorado por diecisiete “estaditos”. A intención de presentar esta referencia non é outra que tentar ofrecer unha proposta sustentada en algo máis que meros razoamentos e boas palabras para estimular un debate que debería estar presente nas casas galegas. Polo tanto, presentámosvos un paso cara o centro a varios niveis, tanto dentro coma fóra de Galicia, que non está confrontado co respecto e mantemento da nosa cultura e o recoñecemento da nosa historia.

Que mellor forma de defender este paso cara o centro como é baixo a racionalidade desta postura. Unha racionalidade ausente no Estado Español, o cal reflicte unha sociedade heteroxénea e diversa, pero tamén burocratizada e necesitada de coherencia nas estruturas que a compoñen. Este cambio pasa por aclarear o actual Estado das Autonomías que dende 1978 está a amosar claros síntomas de esgotamento. Máis ca meros parches precísase dunha clara delimitación das competencias que lle foron concedidas ás autonomías. O caso galego é, polo tanto, extensíbel ao resto do Estado. Non se trata dunha perda de competencias en materia de servizos esenciais coma a educación ou sanidade, senón na capacidade de creación de organismos e institucións públicas que se están a duplicar co Estado central. Estas institucións non dan un servizo tan directo á cidadanía pero ao final están a consumir uns recursos públicos que poderían ser adicados, precisamente, a un Sergas cunha importante limitación nos recursos financeiros.

Polo tanto, presentámosvos un paso cara o centro a varios niveis, tanto dentro coma fóra de Galicia, que non está confrontado co respecto e mantemento da nosa cultura e o recoñecemento da nosa historia.

Actualmente Galicia dispón de numerosos organismos coma observatorios, consellos e de máis, duplicados cos do resto Estado Español. Estas institucións, mantidas polos galegos, non se coordinan en moitos casos coas do resto do Estado o que implica por un lado o descoñecemento das informacións que en teoría tiñan que ofrecer e unha duplicación de servizos que medra continuamente. Un exemplo moi sinxelo é a duplicación dos numerosos institutos de estatística ao longo do Estado e como contamos á vez cun Instituto Galego de Estatística (IGE) e Instituto Nacional de Estadística (INE) que, en varios casos, desempeñan unha mesma función. Nun Estado onde os recursos económicos repártense acorde a un principio de compensación entre as autonomías con maior e menor riqueza, sería máis coherente que o mantemento de institucións que prestan en moitos casos servizos non directos á cidadanía dependa dun Estado central que poida estruturarse ao longo das diferentes autonomías. Outro claro exemplo é a recente creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero cando existe un Observatorio Estatal de Violencia sobre la Mujer. Non sería acaso máis eficiente  contar cunha única institución que puidera traballar nos distintos territorios do Estado, de forma coordinada coas autonomías, pero con financiamento do Goberno de España?

Un exemplo moi sinxelo é a duplicación dos numerosos institutos [...] que, en varios casos, desempeñan unha mesma función.

Este mare magnum de institucións desvía recursos públicos esenciais para os galegos que poderían ser reinvestidos polos propios galegos en servizos máis esenciais, mellorando o funcionamento da nosa estrutura pública ao tempo que se que se racionaliza a española. Polo tanto, o feito de contar con Consello de Contas, Valedor do Pobo, Consello Consultivo de Galicia, Consello Galego da Competencia e outras figuras coma estas que de facto teñen un escaso papel para os galegos e reproducen organismos xa existente a nivel Estatal é prexudicial para os galegos.

Outro punto importante se atendemos á realidade galega é o esparexemento da poboación e a gran cantidade de concellos pequenos e pouco poboados. Isto complica a prestación de servizos e da lugar a complexos acordos entre municipios que en moitas ocasións rematan en acusacións entre alcaldes polo non cumprimento do acordo e cos veciños afectados pola mala prestación dun servizo público. A escasa poboación de Galicia, 2.747.559 segundo o INE, e o gran número de concellos existentes dificulta que moitos poidan ter os recursos que precisan para cubrir as necesidades dos veciños. Isto implica dar outro paso cara o centro pero nesta ocasión dentro de Galicia.

Se os concellos carecen de recursos para prestar servizos, o lóxico será dar o paso á seguinte estrutura que atopamos ao mirar cara arriba. Neste caso a provincia. Un número axeitado para falar de capacidade de prestación de servizos son 20000 habitantes, e para iso non todos os que se poderían prestar, que segundo o INE son 15 concellos en toda Galicia. Os concellos restantes cederían a prestación de servizos municipais ás provincias coa intención de garantir servizos máis igualitarios, mellor financiados e máis estruturados. Sen embargo, ben certo é que compre delimitar de que servizos se tratan e como se estruturaría a representación municipal dos concellos no ámbito provincial. Finalmente, non estaría mal recordar que a día de hoxe 102 dos 315 concellos galegos teñen ata 2000 habitantes e non sería raro que varios precisaran dunha fusión como fixeron outros países da Unión Europea recentemente.

Se os concellos carecen de recursos para prestar servizos, o lóxico será dar o paso á seguinte estrutura que atopamos ao mirar cara arriba. Neste caso a provincia.

A idea que propugnamos neste artigo é a de definir un Estado Español dende abaixo e dende arriba, atendendo a criterios de eficacia, eficiencia e calidade. Por un lado Galicia goza do seu recoñecemento cultural e histórico, o cal non está confrontado co que estamos a defender; e por outro lado, alixeiramos a carga dos galegos e garantimos servizos máis homoxéneos entre a nosa poboación.

A descentralización é un proceso positivo en canto a cidadanía poida coñecer os servizos que se lle están a prestar e quen llos está a prestar. No momento no cal estes servizos están duplicados e descoordinados cómpre racionalizalos e delimitalos. En lugar de cargar aos galegos co seu mantemento, permitámoslles reinvestir o seu custo doutra forma. Este pequeno paso ao centro non nos resta verdadeira autonomía e mantense dentro dun sistema político que propiciou os anos de maior benestar para Galicia e pon coherencia ao proceso de descentralización vivido nas últimas décadas e que rematou durante a os noventa. O importante é que dita descentralización sexa coherente cunha mellora do funcionamento das organizacións públicas e non chegue aos extremos que estamos a ver a día de hoxe. Se queremos unha Galicia centrada no verdadeiramente importante para os galegos, que atenda de maneira igual as nosas necesidades e careza de lastres innecesarios e duplicados, apostaremos por dar un paso ao centro.

Imaxe destacada: larazon.es