Tractor Troy: “No concerto liberas todo, é o mellor do mundo”

No verán do 2011 Pontevedra protagonizou un parto deses que marcan a certas persoas. Non sabemos se foi entre dores infernais ou por cesárea, pero sabemos que a criatura levou por nome Tractor Troy. Tras un primeiro aviso no 2012 co seu Texas Food (EP), non foi ata esta primeira metade do 2014 cando deron un golpe na mesa co seu primeiro longa duración reafirmando que son a caña, e que viñeron para quedar. Contan cunha formación que quizais non é a máis típica do rock’n'roll, pero que convence a veciños do 4º e a granxeiros borrachos. Non é de estrañar: as 3 guitarras, a batería, o baixo e o saxofón están comandados por músicos de bagaxe, ós que se non fora pola idade se lles podería chamar “Vellos rockeiros”.

De todos eles, falamos con Gonzalo, Iñaki, Rafa e Roberto. A escusa foi o novo (e primeiro) LP, PerroMandril, pero a charla deu para moito máis: dende repasar o presente e futuro da música ata coñecer algúns dos seus políticos favoritos. As conclusión están aquí embaixo. Un consello: se tedes oportunidade de velos en directo, non a deixedes escapar. E se ese día hai outro compromiso, marcade prioridades. Axúdovos: Disco No, Tractor Troy si. E por certo, se podedes, levade chicas, que eles sábenas tratar.

Como, onde e por que nace Tractor Troy?

Gonzalo Maceira

Gonzalo Maceira | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Maceira: Comezou hai 3 anos cando estabamos perdidos e non sabíamos que facer da nosa vida. A nosa mente estaba invadida por un nubarrón, por auroras. Rober e máis eu xa tocaramos xuntos en Fervellasverzas e apetecíanos volver a tocar xuntos e facer un proxecto novo. Aquí tes o xerme de Tractor Troy: falamos con Rafa e entre os tres comezamos a facer algunhas cancións e a facer o loco. E si, nos emborrachabamos para compoñer. Aí comezou a movida.

Non sabíamos moi ben cara onde tirar… nun principio queríamos facer algo máis electrónico pola forma en que estabamos compoñendo, que era a partir de bases electrónicas e con guitarras. Pola tendencia de Rober e o seu gusto especial por tocar con slide queriamos, ó mellor, tirar un pouco cara a Big Soul, Fat Boy Slim e cousas destas, das versións que teñen de slide, e tal. Fomos engadindo compoñentes: un guitarrista (Iñaki), despois un saxo, chegou Pedro… e cambiamos o rollo, tirando un pouco máis cara a formación clásica de banda de rock… bueno, con tres guitarras. Pouco a pouco apareceu a formación así, un pouco máis rock, pero respetando a idea das cancións e o beat bailable que Rafa adoptou da base electrónica á percusión dura indeterminada. Así naceu Tractor Troy.

De onde saiu o nome do grupo?

M: Aí estivo Rober fino: eu caín dun tractor en marcha un día pola mañá, e partín o cranio por tres sitios. Estiven inconsciente…foi unha locura, case quedo no sitio. Non se pode subir ás 10 da mañá co tractor en marcha pola carretera xeral, non se pode.

Roberto: Aínda que vaia a 10 quilómetros por hora, non se pode.

M: Non, pero ía rápido, créeme. Moi rápido. Pois iso, eu estaba buscando nome para outra banda e Rober dicíame que tiña que buscar algo cun tractor. Facendo unha mezcla entre un xogador de basket que lle chamaban Tractor Traylor… de falar, tal, caña para aquí… “Tractor Troy, chámalle Tractor Troy”. E quedounos aí, así que veña, somos Tractor Troy.

Cando busquei Tractor Troy aparecíame en Google unha tenda de cortacéspedes…

R: Si, si, incluso hai un libro para nenos pequenos.

M: Concretamente “Motorcitos: Tractor Troy”.

Pégavos moito, si. De que falan Tractor Troy nos seus temas?

Roberto

Roberto Fernández | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

R: A maioría dos temas están escritos por Maceira e por min, pero todos teñen cousas de todos. Nós traemos ao estudio unha idea que se vai traballando, e cada un vai aportando o seu concepto ou o que quere. De que falan os temas? Pois xa che dixo antes Maceira… cando empezamos a facer os temas igual non estamos moi conscientes. Espiritualmente si que o estamos, pero non estamos centrados. Vamos xuntando frases, palabras que nos gustan, ata que escollemos o que nos parece mellor. Pero as letras non saen porque si: saen e ímolas traballando, moldeando ata que queda un estribillo potente, cunha estrofa que nos gusta. Tamén hai algún tema que si nos toca persoalmente, pero non todos falan de historias persoais.

M: Tamén vén dado dependendo do tema. Algúns son traballados a partir dunha melodía chingona á que lle engadimos unha idea loca. Por exemplo, “Conexión infernal” fala dunha viaxe polo deserto, dunha conexión espiritual despois de ter jalado un pouquiño de peyote… algo así. Outras por exemplo, e sobre todo temas que trae Rober, teñen xa unha mensaxe clara, como é Salvación, onde se fai un recorrido de como un indesexable vai truncando a súa vida e ao final dase conta de o que quere é buscar a palabra do señor, converterse en predicador e predicar.

R: Non somos un grupo católico, eh.

Din que cagas o que comes, así que contádeme cales son as vosas influencias.

R: Pois aí tes un variado. A min ZZ Top e tódolos Missisipis: Missisipi John Hurt, Mississippi Fred McDowel… pero sobre todo ZZ Top. Maceira ten outros.

M: É unha mezcla… bastante ecléctico todo. A min o que me pilla máis forte é o rollo alegre porque son bastante cantarín. De feito se estou triste non me saen cancións e se estou guai sáenme un montón de rollos. Iso combinámolo. Por exemplo, Rober trae un riff de guitarra, a partir diso traballamos unha melodía… supoño que é unha cousa bastante normal con grupos que traballan, sobre todo, a voz.

R: Pero cales son as túas influencias? Canta, canta claro!

M: A ver, eu realmente empecei a escoitar música a partir do punk, do hardcore californiano, este tipo de cousas. Pero non vou negar que tamén encántame a poperada ambiental e todos os palos. Eu penso que saber disfrutar de moitos estilos musicais é a clave para non estar estancado. Moita xente non é capaz, e ás veces incluso me din que é un defecto, pero eu creo que é o truco. Hai un cantautor que morreu hai uns dous anos, que non lembro o nome, e o tío dicía que el intentaba meter dentro do seu propio estilo influencias, porque se non quédaste facendo sempre o mesmo, e precisas información. É como a ciencia: isto avanza. Se non, fas sempre o mesmo: o estándar de blues, o estándar de jazz, o mítico rock’n’roll de tres notas, quédaste niso. Por iso está guai empaparte e remexerte con toda a porquería que atopes.

Para compoñer algúns temas partimos dunha melodía chingona e engadímoslle unha idea loca

De feito chamoume a atención que en Amazon estades clasificados como folk rock…

R: Nin idea… pero bueno, tamén se considera folk o folk americano, non?

Algúns dos Tractor Troy

Algúns dos Tractor Troy | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Sodes bastantes músicos… non foi un pouco cristo ó principio encaixar tres guitarras e tódolos instrumentos?

Rafa: Foi cristo, foi…

R: Si… o problema principal é que nos xuntamos tres guitarristas, non éramos cantantes ningún dos tres. Tanto Iñaki como Maceira coma min fóramos guitarristas noutros grupos. Quizais por sorteo ou por ter a voz máis desquiciada ou máis loca, por así dicilo, tocoume a min cantar, xunto con Maceira. O difícil era quitar unha guitarra, así que tivemos que acoplarnos: eu dedícome máis aos adornos con slide, Iñaki pode ser a base rítmica potente e Maceira fai os arreglos e os cambios.

M: Non hai un patrón establecido de como actuar. Intentamos facelo a través da diplomacia, aínda que ás veces dentro das bandas custa bastante saber repartir os papeis: a todos nos custa un pouquiño deixar de facer algo, pero bueno.

R: X levamos dous anos e máis ou menos xa sabemos o que ten que facer cada un.

M: Ímonos adaptando, claro.

E agora xa vos sentides cómodos totalmente?

M: Como é un proxecto medio raro e nos quedamos sen baixista hai catro meses estamos adaptándonos outra vez. Gravamos un disco con cancións antigas, gravámolo acelerados…

R: Sen baixista, practicamente…

M: Sen baixista, foi así. Estamos curándonos dunha pequena enfermidade interna e volver a saír adiante, pensando na maneira, e con cantos collóns temos que saír.

Pero bueno, o día 22 de marzo destes o concerto presentación do novo disco na Sala Karma de Pontevedra e a sensación foi boa, non?

Rafa

Rafa Darrosa | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

M: Si, si, foi boa.

R: Moi boa, tanto a nivel musical como a nivel de xente. É a terceira ou cuarta vez que tocamos na Sala Karma e pasar de cerca de 150 persoas é un éxito, algo do que estar moi contento.

M: Si… pero tiñamos tantas gañas de sacar adiante o disco que parece ser que tocamos bastante rápido, con bastante ansia. Pero a sensación foi moi boa e moi divertido. A xente respondeu xenial…

R: E seguro que non te deches conta de que na primeira canción rompemos un amplificador.

Non… (risas)

R: Fixémolo moi ben, rompeu un.

M: E cambiouno súper rápido.

R: Nada, en trinta segundos. Non se deu conta ninguén. Iso é un síntoma de que se fixo ben o traballo. Había moita tensión entre nós, pero é normal: os discos chegaron o día anterior, levamos un traballo de moitos meses encima… é como unha olla a presión. No concerto é onde liberas todo, e se sae ben, é o mellor do mundo.

M: Era necesario.

E máis datas, unha pequena xira… tedes algo?

M: Estamos pechando agora a axenda, pero pola dificultade de mobilidade da banda, de todos os que somos, probablemente non fagamos xira de salas en verán, senón que a deixaremos para inverno…

R: Festivais…

M: Imos intentar entrar en festis e o de sempre. Traballar no inverno, prepararte na primavera para chegar ó verán e…

R: Traballar, pero tocando.

Respecto ó nome do disco, de onde saiu o de PerroMandril?

R: Está claro… (risas)

M: Eu teño unha paixón moi grande polos primates, en xeral, e gústame meterlle un mono a todas as cousas que fago. Son unha paixón que levo dentro dende hai moitos anos, e foi Rober quen decidiu combinar, dado que temos unha canción que se chama “Sabuesos”, eses dous mamíferos e convertelos nun só mamífero adicto ás pastillas.

Iñaki no concerto presentación

Iñaki no concerto presentación | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

R: Prozac… ansiolíticos…

Si, ese vicio vese claramente na portada do disco. Quen se encargou de darlle forma ó aspecto visual?

M: Guillotina Estudio, son Diego e Adri, tamén músicos e colegas. Xa traballaramos noutros proxectos xuntos. Portáronse guai e fixérono con moito cariño… a min puxéronme unha polla debaixo da cara, non me fai moita gracia, pero é o que hai.

A min paréceme bastante peculiar e característica, e nese sentido penso que é un acerto, porque se vos recoñece bastante e…

(risas)

Non, non o digo polo da polla!!

M: Me cago en la puta… (risas)

Refírome á caráctula!!

R: Eu sei do que me río… (risas)

Regalastes unha edición física do disco na súa presentación aos 100 primeiros asistentes. Hai moitas bandas ás que nin se lles pasa pola cabeza facer edición física. Hai pouco oía tamén que o que nos vindeiros anos se vai tirar máis polos EPs que polos discos de longa duración. Que opinades deste tema?

M: Iso ten varios puntos de vista. Teño escoitado que é moi difícil que empresas de management queiran moverte se non tés un disco que presentar no mercado. Eu tampouco creo que sexa necesario ter un disco físico para mover en cada concerto, porque ti o que estás movendo ao mellor é un show, un espectáculo. Ti con ter as cancións colgadas en internet, que é onde moitos escoitan realmente a música, chega. O CD a xente o quere para escoitar no coche como moito.

R: O problema é que os discos non se venden. O formato EP é un formato máis barato para os grupos, xa que o sacan á venda por menos cartos. Eu creo que o importante agora é o multimedia: ter o CD en internet, o maior número posible de vídeos, de videoclips…

M: Tamén hai unha cousa que mola, ter o CD. Chámalle romanticismo ou o que queiras, pero mola ter os teus traballos reflexados nun formato como o CD. Moitos de aquí somos fans da música dos 90 e todos temos mogollón de CDs. O rollo de sacar o teu CD e tal… que tamén ten o seu romanticismo o vinilo e todas estas cousas, pero nós, polo noso estilo de música… non sei, non creo que haxa moita xente que nos vaia comprar en vinilo.

Iñaki: O CD é o novo vinilo, é o vinilo dos 2000. Está nese plan, non? O obxecto ten unha historia, o obxecto en si.

R: Quizais a decisión do que sacas ti depende do que ti viviras. A maioría de nós temos nas nosas casas máis de 200 CDs. Quizais o vinilo pillounos un pouco tarde, somos xeración de CD.

M: Na miña casa hai miles de vinilos, pero polo meu pai, por exemplo.

R: Claro, como nós temos o CD, pois decidimos sacar o CD. Somos aficionados ao CD. Aínda que tamén nos gusta o vinilo, por suposto.

M: Precisamente polos vinilos vese moito a influencia de Iñaki, con Chopin, con Brahms, toda esa xente… (risas)

I: Si, bueno… eu son un pouco máis do século XX, da música dodecafónica de Schönberg, por exemplo.

 

Tres guitarras Tractor Troy

As tres contundentes guitarras de Tractor Troy | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

E volvendo ao tema da edición física do CD, como vai poder a xente facerse con el?

R: Facebook, mail ao noso correo

I: Todas as chavalas que teñen o noso número de teléfono…

R: O CD está a 8 euros, que se poñan en contacto con nós e enviariámolo.

I: Pódese comprar a edición dixital, tamén. Está en iTunes e por aí.

Como foi a gravación? Polo que dixestes antes imaxino que algo atropelada…

R: Quedamos sen baixista a unha semana de gravar o baixo, así que imaxina.

M: Pero bueno, saímos para adiante entre todos e… hai que pelexar!

Hai unha cousa que mola, ter o CD. Chámalle romanticismo ou o que queiras, pero mola ter os teus traballos reflexados nun formato como o CD

E como van polo de agora as escoitas e as críticas?

M: Á xente igual lles da un pouco de medo dicirnos que o disco non lles gusta, porque somos todos grandes. Iñaki ten unha espalda moi grande.

I: A min non me din iso, eh. Se non, que se preparen.

M: Claro, non teñen huevos. Pero, de momento, as opinións que temos son boas.

R: Tamén recibimos críticas, eh. Xa che dixemos que tocamos a cen quilómetros por hora na presentación e déronnos o toque.

I: Pero bueno, ben. A min por exemplo xente que podería non dicirme nada do CD, amigos de meus irmáns, amigos meus, xente… pois dinme “hostia, escoiteino, lévoo no coche, está moi guai…”, así que guai.

Non é estraño que en Pontevedra haxa grupos tan potentes. Hai uns días asistimos ó nacemento de Pontevedra Ferve, asociación de músicos pontevedreses. Rulou tamén por aí recentemente un vídeo de catro rapaciños dando leccións de interpretación ó mundo (Furious Monkey House). Que acontece nesta cidade? É casualidade ou hai factores que propician isto?

Rober concerto

Rober no concerto presentación | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

I: Eu creo que ter un sitio coma Litium –estudio de gravación onde estabamos a ter a entrevista– é moi importante e fai bastante, noutras cidades non o tes. Un estudio profesional, con mogollón de salas… xente que ven de estudios de Vigo e me din “joder, o rollo que hai aquí, non o hai”. Iso fai piña. É unha das cousas que se me ocorre.

R: Pontevedra é unha cidade en que gusta moito a música. Ti vas a calquera festival de Galicia, Portugal, do norte de España, e encóntraste con xente de Pontevedra. Á xente de Pontevedra gústalle moito ir a concertos, gústalle moito a música. Quizais a cercanía con Vigo tamén inflúe moito en Pontevedra: Vigo é, ou foi na súa época, unha das tres cidades máis importantes musicalmente.

M: É importante tamén para Pontevedra, unha cidade pequena, que exista unha programación musical como a ofrecida por Sala Karma, ou a programación tan grande que ten o Liceo Mutante, que trae artistas internacionais todas as semanas. Hai moita oferta, tamén. Eu penso que a cidade, a onda que está collendo cultural e social, e incluso cómo está construída, favorece a que a xente saía á rúa e compoña.

Claro, ten lóxica o que comentades. Por exemplo, o de Vigo que nunca o pensara…

R: Home, eu dígoche o de Vigo porque nós fomos a Vigo a ver concertos. Está ao lado. Á Iguana, á Fábrica, cando en Pontevedra non se podía facer iso. Cando non existía a Sala Karma, que existía a Sala Camagüey, pero non ofertaba o que oferta hoxe a Sala Karma. Ofertaba moi pouco. Entón que facíamos a xente de Pontevedra? Marchaba para Vigo e marchaba de festivais.

I: Eu penso que pasa unha cousa, e é que Pontevedra crece. Crece e está máis aberta ao mundo. Pasou de pensarse sempre dunha cidade de burgueses e agora non penso que a imaxe de Pontevedra sexa esa. Supoño que será un conxunto de todo. Pero non teño nin puta idea, vaia. (risas)

E, nun nivel máis amplo e xeral, que botades en falta no eido musical? Cal credes que é hoxe en día un problema para grupos como o voso?

R: Un problema sempre é a economía do grupo. Non por gañar cartos, senón por sobrevivir á hora de, por exemplo, desprazarse. Nós somos 6, e necesitamos unha furgoneta moi grande, ou varios coches. Iso son moitos cartos para un grupo, ademais do material, arreglalo cando se estropea…

M: Eu creo que son un conxunto de tantas cousas… o momento, que hai que profesionalizarse para poder pedir pasta polo teu traballo…

I: Claro, tampouco é cuestión de “pasta para tódolos músicos” ou collo un ukelele e tamén son músico…

M: Se queres traballar é necesario ter un respaldo económico para poder facer moitas cousas como, simplemente, desprazarte. Se non tes algo realmente profesional que poidas mover por aí, e para iso hai que traballar como perras, non podemos adicarnos todo o que quixeramos a esta movida. E máis cousas, ter unha persoa, que agora é moi necesario, que saiba moverte polas redes sociais, un community manager, unha persoa que te mova pola carretera… Todas esas cousas custan cartos. Para calquera movemento que queiras facer para facer crecer o teu proxecto tes que moverte moitísimo e tes que traballalo. E para traballalo tes que ter unha axuda económica, e tes que ter máis xente. Normalmente nós tiramos de nós mesmos e se precisamos, por exemplo, un fotógrafo, chamamos ó noso irmán Jorge Vidal, que nos vén axudar sempre, tiramos de Violeta…

 

Concerto Tractor Troy (2)

Tractor Troy na presentación de PerroMandril | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Algunha outra cousa así a nivel xeral? Moitos grupos quéixanse, por exemplo, de falta de sitios onde tocar…

R: Creo que o problema non é falta de sitios onde tocar, senón que hai moita oferta.

I: Claro, é que iso dos sitios onde tocar hai que reflexionalo ben, porque entón os que xogan ao fútbol non terán campos para xogar… isto xa é meu, pero claro, xúntase a xente a un carro da hostia, de repente todo o mundo quere tocar. E que queres? Estar tocando sempre en Pontevedra, ademais? É complicado. O que falta é diñeiro, pero non para a música, senón para todo. Se houbese diñeiro o tío dun bar ou dunha sala poderíase permitir que vaia unha banda e pagarlle un caché. Agora non, pero é que ás veces non cobra o camareiro… o problema é o diñeiro.

R: Problema das salas non hai, porque podes ver que hai salas que cerran, pero aos 3 ou 4 meses hai unha nova sala. Vas a calquera cidade e sala que cerra, sala que abre.

M: Ti, por exemplo, estás empezando a tocar e móveste. Vale, palmas 20 pavos, non pasa nada: vas a tocar, pásalo ben e de puta nai. Segues palmando. Palmas, palmas, palmas… chega un momento que non podes seguir palmando. E pasa. Se fose todo sempre un campo de flores estaríamos con transfusións como os Rolling, correndo pola praia, tocando e rascando o carallo. Pero claro, non é así. É cansino, hai que facer un esforzo mental e ter un respaldo. O cariño é necesario para manter a cabeza no sitio para poder seguir traballando.

R: Tamén é bonito que as cousas sexan difíciles. Se fora todo máis fácil, igual non lle tiñas tanto cariño.

M: Claro…

É bonito que as cousas sexan difíciles. Se fora todo máis fácil, igual non lle tiñas tanto cariño

Algún concerto que derades todos xuntos que sexa mítico?

M: Un de Vilagarcía, guapísimo. (risas)

I: E hai documento gráfico…

R: Non estivemos de acordo coa produción e Maceira decidiu espirse de arriba a abaixo durante a actuación. Tocamos para tres persoas, e dous eran amigos.

M: Unha produción vergonzosa, tocaron mogollón de grupos, non lle pagaron a nin dios…

R: Que case nos pegamos co dono… pero bueno. A ver, de calidade musical eu creo que o mellor concerto que demos foi na sala Mardi Gras. Compartimos cartel con Lost Acapulco, un grupo mexicano. De repente chamáronnos dun día para outro para ir a tocar, apenas ensaiáramos, íamos tranquilos. Lost Acapulco encheu a sala, non nós, e tocamos moi ben. Estivemos moi cómodos, e o encanto que ten a Mardi Gras axudou moito. Despois, anécdotas, miles. Miles de millóns.

I: O Surfing the Lerez estivo guai tamén, foi o concerto para o que máis peña tocamos.

R: E ademais non un festival a cinco quilómetros, senón un festival na túa propia casa.

E xa para rematar, unha tanda de preguntas rápidas: se Tractor Troy fose un color, que color sería?

Verde caca.

Se fósedes un animal? Esta é fácil…

Iñaki

Iñaki Jáuregui | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

PerroMandril.

Se fósedes unha bebida?

Zarparrilla.

Se fose un vicio?

Gérard Depardieu.

E se fose un debuxo animado?

Boo, de Dragon Ball.

Que odia Tractor Troy?

A Tractor Troy.

E que ama?

A Tractor Troy e ás chavalitas. Pero sobre todo ás chavalitas.

Cáenvos ben os franceses?

Si, especialmente os franceses rusos.

Que pasou en Bastrop, Texas?

Cometeron un asesinato dunhas chicas. Despois de ter a canción, mirando por internet, descubrímolo.

O tema “Son mis amigos” buscaba ese simil con Amaral?

M: O tema de Amaral non se chama “Son mis amigos”. Chámase “Marta, Sebas, Guille y los demás”.

I: É que este é bastante fan de Amaral.

R: O obxectivo é chegar a Amaral.

Se tivesedes que pasar unha noite cerrados no mesmo cuarto cun político?

Con María Lapiedra, Margaret Thatcher (como está agora) ou Clinton e Yeltsin, pero xuntos e cunha botella de whisky.

Esa era a última. Gracias polo voso tempo!

Parte dos Tractor Troy, desorientados | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío