Juan Viaño: “Non me atrevería a xulgar o que fixo ben e mal Casares Long”

A tarde do 9 de abril un sol pegañento acompañounos na nosa cita con Juan Viaño, candidato á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela. O catedrático en Matemática Aplicada recibiunos nunha aula do labiríntico edificio que alberga a Facultade de Ciencias da Educación. O candidato a reitor, que se presenta co apoio de +Ideas, ten estes días unha axenda de campaña complicada, pero atopou un oco para a nosa entrevista. Como aval trae a súa experiencia xestora na USC, xa que foi decano da Facultade de Matemáticas entre 2001 e 2009 e vicerreitor de Profesorado e Organización académica entre 2009 e 2010. Na actualidade, o seu proxecto máis ambicioso é coordinar Estalmat-Galicia, unha iniciativa para potenciar o talento matemático de nenos de entre 12 e 13 anos. Chega acalorado uns minutos máis tarde do previsto e explícanos que despois de nós, atenderá a máis xornalistas. Non cabe dúbida de que a campaña está a ser intensa. Tomamos asento e o candidato abre unha libreta de follas cuadriculadas na que escribe ideas e garabatea mentres lle facemos as preguntas pertinentes. Concentrado na folla de papel, parece buscar nela a palabra xusta, a resposta adecuada para explicar que faría se consigue a cadeira de Juan Casares, o reitor saínte. Unha candidatura que se presenta no contexto de crise económica, que tanto afecta á Universidade, ben merece ser explicada coa súa propia voz nesta entrevista. 

Juan Viaño

© Darío Domínguez

Queremos comezar valorando o estado da Universidade, cales son os maiores problemas que ten hoxendía a Universidade de Santiago?

A Universidade de Santiago está atravesando un momento verdadeiramente difícil. Creo que ten problemas como as outras universidades, pero os da de Santiago son moi considerables. Ten un problema que afecta transversalmente a todas as actividades docentes, investigadoras, de reposición de materiais, a todas as prácticas de alumnos, a todas as actividades de mantemento, de reforma, etcétera. O problema é principalmente económico polos recortes que estamos a soportar. De aí se derivan case todas as dificultades que temos e que afectan á estabilización dos nosos investigadores, á promoción dos nosos profesores, á renovación de plantillas, ós títulos, á calidade da docencia… todo se resinte por ese problema.

Primeiro, por suposto, como universidade pública que somos, imos demandar o financiamento público maior que a sociedade poida poñer

Se gaña vostede as próximas eleccións, como solucionaría ese problema, que, como vostede mesmo dixo, é principalmente de financiamento?

Temos no noso programa unha proposta moi concreta de resolver o problema. Primeiro, por suposto, como universidade pública que somos, imos demandar o financiamento público maior que a sociedade poida poñer. A Universidade é un servizo que a sociedade necesita para formar ós seus fillos, para formar os mellores mestres, os mellores médicos, os mellores enxeñeiros…  e polo tanto ten que facer o máximo esforzo en poñer o financiamento que se necesita.

Vimos que un dos piares do seu programa é unha renegociación dos orzamentos coa Xunta.

En efecto, é necesario renegociar o plan de financiamento. Neste momento  é necesario, non só porque o financiamento é escaso, senón porque a Universidade de Santiago está penalizada polos criterios de reparto actuais. Hai uns criterios  que non nos favorecen, que foron negociados no ano 2010 e que nos penalizan nalgúns puntos. Debido a isto, non se ten en conta o tamaño da nosa Universidade, o feito de termos un profesorado cualificado, con maior número de doutores, unha oferta moi diversificada ou unha produción científica moi importante. Polo tanto, un obxectivo fundamental é renegociar o plan, para que eses criterios sexan o máis favorecedores posibles á nosa Universidade. Despois, temos que executar moito mellor, é dicir, mellorar os nosos procedementos de ingresos e os nosos procedementos para gastar dunha maneira máis eficaz e máis produtiva. Ao mesmo tempo temos que intentar compensar a falta de recursos coas actividade que nós mellor sabemos facer e que nos poden supoñer achega de recursos. Con isto me estou a referir a ter unha oferta docente que permita captar alumnos internacionais, diversificar a formación xeralista e dirixila a colectivos que hoxe non alcanza e que permitan achegar recursos adicionais. Aquí están os mellores especialistas que podemos ter, e polo tanto debemos ofrecerlles posibilidades de obter contratos en convocatorias públicas, en convocatorias internacionais. Debemos captar recursos para compensar o que a sociedade non nos pode dar neste momento difícil.

Debemos captar recursos para compensar o que a sociedade non nos pode dar neste momento difícil

No seu programa recoñecen que o maior problema da Universidade é a financiación, pero á vez é un programa ambicioso en canto a inversión, cómo pode casar todo isto?

A ver, realmente hai moitas melloras que se poden alcanzar e que non precisan necesariamente inversión económica. Hai posibilidades de mellorar a xestión, de limitar a burocracia, de aumentar a eficacia, de fomentar a captación de alumnos, de internacionalizar a Universidade e ofrecer unha comunicación máis coherente, que chegue máis á sociedade. Nunha palabra, temos que vender mellor o que facemos ben para poder ter éxito e poder crecer. Evidentemente, cantos máis recursos teñamos mellor, pero hai posibilidades de mellorar sen invertir máis. Reorganizando mellor o que temos e aproveitando as nosas potencialidades, hai posibilidade de ofertar docencia online, por exemplo. Temos un mercado extraordinario en Latinoamérica e iso, sen ter máis recursos, pódenos vir ben.

A Universidade que vostede pode herdar se sae elixido é a que deixou Casares Long, que cre que se fixo ben e que se fixo mal nesta lexislatura?

En xeral as universidades e a educación están a atravesar un momento moi difícil que lle tocou ao rector saínte. Non me atrevería a xulgar que é o que fixo mal e que é o que fixo ben. Voume permitir non respostar de maneira directa, simplemente insistir en que lle tocou un momento difícil e que é hora de mirar máis cara adiante que cara atrás. Temos que saír deste outono no que estamos metidos onde non se ve máis que invernía ao noso redor e intentar traer primavera. Hai que saír desta situación e reactivarnos, crear ilusión.

Aínda que non sexa como candidato a reitor, como profesor desta Universidade terá vostede unha opinión respecto á lexislatura de Casares Long.

Si, podo ter a miña valoración pero prefiro non opinar. Casares Long non é un candidato ás eleccións, que nese caso si que opinaría, pero agora penso que é mellor mirar cara adiante e non cara atrás.

Que faría se se atopara no mesmo caso que o reitor saínte, se non fora capaz de aprobar uns orzamentos por non ter suficientes apoios?

Eu creo que é unha obriga dotar á institución duns orzamentos e vou a loitar para conseguir aprobalos. Para iso teño que contar coa negociación previa, ofrecer pactos e buscar o consenso para conseguir aprobalos. Evidentemente se non o fago ben, me castigarán, porque esa é a obriga do claustro.  Se non o consigo merecerei o castigo, pero vou tratar de elaborar uns orzamentos creíbles, uns orzamentos posibles e uns orzamentos consensuados.

O caso é sempre crecer, intentar crecer

Fala vostede de renegociar coa Xunta como a solución para os problemas no orzamento, que medidas tomaría se non o consegue?

Entendo que nós imos ter todos os canles de entendemento institucional abertos e temos que ser reivindicativos para conseguir o que consideramos xusto. Se non conseguimos esa renegociación teremos que seguir funcionando da mellor forma que poidamos pero, nese caso, a sociedade debe ter presente que o servizo que a Universidade vai prestar ao mellor non reúne todos os requisitos de calidade que a todos nos gustaría. Iso non quita que nós traballemos na procura doutro financiamento, das posibilidades que mencionei antes: aumentar a oferta, obter mecenado por parte de empresas, patrocinios… e todas estas accións van encamiñadas a aumentar os nosos recursos. O caso é sempre crecer, intentar crecer.

Juan Viaño

© Darío Domínguez

Outro dos piares da súa campaña é unha Universidade, ademais de pública, unha Universidade en galego, que medidas vai tomar con respecto á normalización lingüística?

As medidas son as que xa temos no Plan de Normalización Lingüística. Pero temos que ser perseverantes, non decaer en todo o relacionado co uso xeralizado da lingua para insertala na nosa sociedade. Como lingua oficial que é, queremos que sexa de uso corriente nas nosas actividades, nas nosas aulas e na Universidade en xeral.  Non contemplo ningunha medida específicamente nova, pero si a perseverancia en que se normalice o seu uso.

Como lingua oficial que é, queremos que sexa de uso corriente nas nosas actividades, nas nosas aulas e na Universidade en xeral

Respecto á internacionalización da USC, vostede propón un calendario de eventos internacionais nos que a Universidade debe estar ou a captación de alumnos internacionais da que vostede falaba, cales son as propostas concretas en canto a esa internacionalización?

Cando nós falamos de internacionalizar a USC estamos a falar dun concepto global para colocar á Universidade na posición que merece pola súa produción cienfítica e pola súa calidade docente. A USC ten alcanzado niveis de prestixio en moitos eidos. Internacionalizar supón, primeiro, facerse ver, polo que precisamos un plan de comunicación importante a nivel externo e interno. Queremos alcanzar unha imaxe de marca que venda unha idea de Universidade completa situada en dúas cidades históricas e cun gran potencial. Temos que aproveitar o atractivo internacional que temos. Por outra parte debemos internacionalizar tamén a investigación, no sentido de intentar que o que facemos aquí se coñeza a nivel internacional. Hai que axudar aos grupos de investigación a ter maior repercusión nos foros internacionais e ter maior éxito en convocatorias públicas europeas, por exemplo. Todo iso sería responsabilidade dunha Vicerreitoría de Internacionalización.

Para internacionalizar hai que facerse ver, polo que necesitamos un plan de comunicación interno e externo

Vostede fala de prestixio internacional e da calidade da Universidade, pero os datos que temos agora mesmo son que a Universidade de Santiago caeu do ránking de Shangai das 500 mellores universidades. Isto supón un problema na reputación da USC, como se soluciona isto?

Evidentemente esa caída ten moito que ver coa caída de recursos do sistema público de I+D que afecta ás universidades. Se nós non captamos investigadores, se non somos capaces de reter o talento, iso repercute na nosa produtividade. Iso é o que temos que loitar por recuperar. Temos que loitar por ter verdadeiros programas de captación de investigadores e por estabilizar os que temos para fidelizalos. Temos que manter o noso nivel e recuperar o prestixio perdido, esa é a vontade. O prestixio que se ten alcanzado non temos porque seguilo perdendo.

No útlimo informe do valedor da comunidade universitaria unha das queixas máis recorrentes era debido á escaseza de prazas para obter o B1. Vostede, que avoga pola internacionalización da USC, que ten pensado para resolver este problema?

Este problema o coñezo, non de forma moi concreta, pero teño entendido que o problema está na parte de speaking, que hai menos plazas que para o resto das destrezas que se miden. Creo que, efectivamente, haberá que aumentar todos os recursos necesarios para que os alumnos non deixen de irse simplemente porque non poidan obter o título. Nós levamos unha proposta encamiñada a facer todos os esforzos posibles para aumentar esas plazas. Ademais, isto sería unha línea de apoio para internacionalizar a Universidade.

Que medidas concretas propón para a simplificación administrativa?

Nós temos moitos procesos na organización académica, nos procesos de matrícula dos estudantes, nos sistemas de persoal… moitos procesos en distintas unidades que non sempre se coordinan dunha maneira existosa. Por exemplo os estudantes desde que entran ata que saen pasan por diversos sitios nos que a información se duplica ou se lles da de distinta maneira. É necesaria a boa coordinación das unidades de servizos. Todo este descontrol que temos agora é froito de ir crecendo de forma anárquica, sen a coordinación necesaria para simplificar os procesos. Non hai unha medida concreta, senón que habería unha Vicerreitoría de Coordinación que estaría a cargo de facer máis eficientes todos eses trámites. Hai que eliminar certa burocracia. O sistema interno de garantía de calidade das titulacións ou de coordinación de másteres e de organización académica teñen unhas complicacións que eu creo que si que se poden simplificar coas posibilidades que temos coas TIC. Queremos que haxa unha oficina centralizada de datos con información actualizada para todas as unidades.

Hai que eliminar certa burocracia

Unha das dificultades que atopan moitos estudiantes para realizar todos estes trámites son os horarios. Hai moitos estudantes que teñen clase en horario de mañá e a UXA (Unidade de Xestión Académica) non abre nunca pola tarde, valoraría vostede abrila en horario de tarde?

Deberíamos valorar se realmente a apertura das UXA pola tarde é unha necesidade. Se o entendemos así, teríamos que pensar que isto xa ten outras implicacións porque o PAS ten unha distribución asignada. Sería unha cuestión a estudar porque igual que hai biliotecarios de tarde, conserxes de tarde… pois ao mellor debería haber persoal na UXA pola tarde, non sei. Fágome cargo e sería cuestión de estudalo.

Seguindo co PAS, a principal proposta do seu programa  para este colectivo era a mellora na conciliación e na igualdade no acceso a estes postos, en que se traduciría en concreto?

En realidade a Universidade aprobou recentemente un II Plan de Igualdade de Xénero, que viña a ser unha prolongación revisada do primeiro plan. Esa primeira fase tivo boa acollida e unha porcentaxe de aplicación alta. Ademais, había un gran consenso neste tema cando se implantou. Hai que seguir atentos en todo o que se refire á igualdade de xénero e á conciliación. Nós levamos no programa a posibilidade de estudar, porque sería un tema complexo no momento de recortes actual, a creación dun centro de día para as persoas maiores a cargo de persoal da USC.

No seu programa fálase á vez de estabilizar os horarios de PAS e PDI para unha mellor conciliación laboral, pero no apartado de financiamento faise alusión á racionalización de recursos humanos. É isto compatible?

Non creo que sexa contradictorio. Estabilizar é estabilizar. Temos que intentar que o persoal teña contratos estables, que non estean en precario, que non teñan contratos temporais… Conciliar é intentar que teñan uns horarios axeitados para poder compaxinar vida persoal e laboral e racionalizar significa distribuír dunha mellor maneira eses postos. A propia actividade e o paso do tempo fan que se xeneren unhas necesidades que antes non existían e que outras, en cambio, perdan sentido. Por poñer un exemplo, neste momento o préstamo bibliotecario non ten as mesmas necesidades hoxe que hai dez anos, polo que algún dos efectivos que se dedicaban a iso se poden empregar, ao mellor, para outro tipo de cometidos. Penso, por exemplo, nas aulas de videoconferencia, que se están impoñendo a moitísima velocidade e que van ser o futuro. Poder impartir docencia online, gravar os cursos… Son cousas para as que fai falta ter unha tecnoloxía a punto e un persoal específico, que poden ser os de sempre pero cunha nova formación adaptada.

A propia actividade e o paso do tempo fan que se xeneren unhas necesidades que antes non existían e que outras, en cambio, perdan sentido

Respecto a aqueles graos como Filoloxía Galega,  aos que a baixa demanda sitúa en risco de desaparición, avoga por unha extinción definitiva ou por unha inversión en mellora?

Existe unha serie de títulos e graos que non se poden nin deben extinguir, porque son formacións cun carácter singular. Estas titulacións forman parte do acervo cultural humano, e hainas que conservar aínda que nun determinado momento a demanda sexa baixa. A extinción definitiva só tería sentido se se vise ao longo do tempo que non se pode seguir adiante, porque apenas se reclaman… En todo caso, non barallamos esta posibilidade, a non ser que teñamos outras imposicións dadas polo Sistema Universitario Galego. Aínda así, cómpre defender a singularidade deses estudos.

 Temos uns egresados de alto nivel, e cómpre informar ao empresario de que eles poden ter a solución ás súas necesidades

Que mecanismos levará a cabo para achegar a Universidade e a vida laboral, agora disociadas pola crise e o auxe do paro xuvenil?

Isto garda relación co que falabamos antes da importancia dun bo plan de comunicación, de saber venderse ben. É algo fundamental informar dun xeito claro das competencias dos nosos egresados , así coma das súas potencialidades de emprego. Impulsar ese acceso á vida laboral, tanto dende a oficina de información e inserción laboral como mediante contratos con empresas, foros de emprego, oficinas de alto emprego ou impulsando o emprendemento entra no noso programa como unha aposta. Temos uns egresados de alto nivel, e cómpre informar ao empresario de que eles poden ter a solución ás súas necesidades. Trátase dunha preocupación fundamental, pois é algo que a longo prazo se reflicte nun maior reclamo dos nosos estudos.

Nun momento no que a meirande parte das institucións públicas se ven envoltas ou salpicadas por casos de corrupción, a Universidade escapa a esta tendencia. A que se debe?Débese á opacidade do sistema universitario ou a unha encomiable labor de xestión dos seus órganos de goberno?

O sistema de xestión da Universidade é moi transparente. Ten un sistema de controis que non se limita ao que poda ter unha empresa, como empresa que é, senón tamén na parte académica. Fanse controis dos órganos colexiados, do Consello de Goberno, dos órganos académicos… É realmente difícil que neste contexto se dean casos de corrupción, non hai outro segredo.

Prodúceme unha gran preocupación a apatía dos estudantes con respecto a estas eleccións

Que opinión lle merece a desafección do estudantado respecto das próximas eleccións a Reitor?

Faime plantexarme se realmente somos capaces de chegar a eles. Nós facemos todos os esforzos para interesar, para motivar, e non sei exactamente en que non estamos a acertar. Todo o que se fai dende a Universidade é para os estudantes, sexan de grao, doutoramento ou master, porque eles son para nós a principal prioridade. Resúltame difícil ver por que, nun momento no que se pode un expresar e se poden analizar as propostas, hai unha apatía tan xeralizada.  Quizáis sexa un reflexo da apatía que amosa a sociedade polos procesos electorais, que se comeza a manifestar tamén neste ámbito, o cal me produce unha gran preocupación.

Non cre que parte do problema pode estar no sistema electoral ao que se acollen as eleccións a Reitor? Non será que os estudantes sinten que o seu voto non tén voz?

Ben, quizais sexa un dos motivos… Pero non podemos dicir que o voto do alumnado non intervén para nada.  É unha pequena porcentaxe, pero a suficiente para poder quitar ou poñer reitor. Non creo que ese sexa o motivo, pero pode ser parte da explicación. Penso  que ten máis que ver co descrédito que sofren os cargos electos e de xestión pública neste momento.

Ten coñecemento dalgún apoio á súa candidatura por parte dalgún dos principais colectivos estudantís?

Nós temos contacto cos estudantes. Tratamos de motivalos, de ter propostas, de atender ás súas demandas, sexan relativas a residencias, prácticas externas, potenciando o debate, actividades culturais de todo tipo… Considero que tratamos de responder ás súas demandas, polo que, efectivamente, espero contar co seu apoio.

Espero contar co apoio dos colectivos estudantís

Dixo anteriormente que únicamente opinaría sobre Juan Casares Long se fose actualmente candidato. Nese caso… Que opinión lle merece Antonio López?

Antonio López é un compañerio da Universidade ao que  considero  e coñezo de moitos anos e teño a mellor das opinións.

O programa de Antonio López paréceme un pouco máis de mínimos, de subsistencia, feito un pouco máis dende a distancia

E respecto ao seu programa?

Digamos que o noso obedece a un programa feito por persoas que estamos aquí traballando dende fai moitos anos, no Consello de Goberno, no Claustro. Somos persoas que dedicamos os últimos anos da nosa vida ao Espazo Europeo de Educación Superior, a resolver os problemas de implementación e adaptación dos estudos, dos docentes que remataban contrato, dos investigadores… Facemos un programa dende o recoñecemento, dende a experiencia total do noso equipo. Nese sentido apostamos máis por crecer, por diversificar as nosas actividades, por levantar a Universidade dende o que sabemos facer. O seu programa paréceme un pouco máis de mínimos, de subsistencia, feito un pouco máis dende a distancia.

Entrevista feita por Aida González, Darío Domínguez e Marta R. Suárez.

Fotografía de portada: Darío Domínguez