Co número 5, Paulo Carlos

Son varias as interpretacións asociadas normalmente ás siglas PC. Non obstante, o electorado galego irá, nas semanas que nos separan de Maio, afacéndose a outro PC, Paulo Carlos López, que será o candidato de Compormiso por Galicia (CxG) ás eleccións europeas.  O pasado sábado, o coruñés alzábase á cabeza da candidatura cun 47.9% dun total de 710 votos, tras un proceso de primarias abertas ao conxunto da cidadanía. Coa iniciativa pretendíase combater a desafección popular e colocar o primeiro bloque dunha nova cultura política máis alá das furnas. Ao longo de dúas semanas, os catro candidatos, Xosé Mosquera, Teba Conde, Pablo Penedo e o propio Paulo Carlos percorreron as sete cidades galegas, celebrando xuntanzas de debate durante as cales se producían as votacións. En palabras do ex senador Xosé Manuel Pérez Bouza, cabeza de lista por Ourense nas pasadas autonómicas, “falamos dun proceso absolutamente innovador, que dá contido á política mediante a apertura ao cidadán.”

Pérez Bouza: “Falamos dun proceso absolutamente innovador, que dá contido á política mediante a apertura ao cidadán.”

A pesar do novidoso da iniciativa, o certo é que as primarias están a cobrar notable presenza entre as novas formacións. No estado, outros movementos coma Podemos ou o Partido X basean a súa aposta democrática en procedementos similares, propios do modelo americano, que podemos atopar en forzas maioritarias europeas coma os socialistas franceses de Hollande. No caso de CxG, as votacións estiveron abertas a todo cidadán maior de dezaséis anos interesando en participar, sen falta de figurar como militante ou simpatizante. O único requisito para formar parte do censo era encher un formulario, físico ou vía web, sen rexistro a maiores nin presentación de documento ningún. Para ser candidato, o afiliado ou simpatizante, previo rexistro no censo, debía presentar o aval dun mínimo de dez afiliados. Foi este punto o que motivou a Pablo Penedo, alleo á formación, a presentar a súa candidatura, xesto benvido con abraio dende as filas de CxG. En palabras da súa rival e compañeira Teba Conde,”a ambición de representar a Galicia non se limita ao partido, polo que o enriquecemento do proceso pasa por eliminar todo tipo de cortapisas”.

Teba Conde: “A ambición de representar a Galicia non se limita ao partido, polo que o enriquecemento do proceso pasa por eliminar todo tipo de cortapisas”.

De cara ás eleccións á Eurocámara,  CxG aposta por un discurso europeísta que vai máis alá da Unión Europea dos Estados. Conscientes da baixa representatividade ostentada por Galicia e outras Nacións sen Estado dentro do conxunto europeo, os socialdemócratas apostan pola participación directa das persoas. Alén das acusacións de europeísmo adoutrinario, o que se defende dende CxG é fuxir do rol de “europapanatas” dende a certeza de que, canto máis Galicia e máis Europa, menos España. Para isto, compartindo filas cos tamén nacionalistas de Convergència, Unió, o Partido Nacionalista Vasco e con Coalición Canaria, intégranse na chamada Coalición por Europa. Dacordo co establecido na reunión celebrada en Madrid o pasado 20 de Febreiro, a candidatura de CxG, xa en mans de Paulo Carlos, ocupará o quinto posto na lista, encabezada por CDC, seguido do PNV, Unió e CC.

Os candidatos, durante o debate celebrado o venres 21 en Compostela.

Malia este quinto posto, dende CxG insisten en remarcar a utilidade de cada voto recibido o vindeiro 25 de maio. Conscientes da dificultade de obter un escano fixo na Eurocámara, apelan ao acordo co PNV como clave da representación dos intereses dos seus votantes. Alén disto, un técnico enviado á sé da coalición no Parlamento será o garante da presencia do programa electoral de Compromiso na institución.

Debate e coloquio en troques do mitin tradicional

Concluídas as primarias, os socialdemócratas galegos preparan xa a campaña de cara ás Europeas. Cun oitavo posto nas autonómicas, sen escano tras obter 14.500 votos, a incipiente formación afronta o desafío con realismo, pero sen desánimo. Europeísmo, galeguismo, transparencia, garantías sociais e democracia cidadá centrarán un programa autónomo, que posteriormente será integrado no conxunto da coalición. O vindeiro 25 de maio, os votantes farán falar ás furnas.