Un vello dilema para Anova

“Metes catro nacionalistas de esquerdas nun taxi e sáenche cinco escisións”
Popular

Como debe concorrer Anova-Irmandade Nacionalista ás eleccións europeas?
1) integrada en coalición coa esquerda federal.
2) conformando unha coalición con forzas políticas da esquerda nacionalista das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturistas.
3) non debe concorrer ao proceso electoral.

Unha pregunta e tres respostas tan aparentemente neutras e directas como esta son o campo onde se loitará a primeira gran batalla interna a ceo aberto no seo desta formación política capitaneada por Xosé Manuel Beiras. Todos e cada un dos (estímase) 1.500 militantes de Anova saben perfectamente que o que está en xogo non é só un deputado en Estrasburgo, senón o mesmo futuro dunha organización que apenas conta ano e medio de vida.

A relevancia do referendo no que a militancia de Anova se decantará por unha das tres respostas de arriba non se pode entender sen coñecer a fonda división en dous sectores aparentemente irreconciliables que hoxe por hoxe afecta á máis numerosa das dúas escisións do BNG xurdidas trala sanguenta asemblea de Amio de febreiro do 2012. O asunto esencial que divide a estes dous bandos é a relación de Anova con Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a coalición electoral da que formou parte para as eleccións galegas de outubro do 2012 e que lle conseguiu catro deputados no Hórreo, agora reducidos a tres tralo affaire Carmen Iglesias. Un dos sectores entende AGE como nada máis ca unha unión circunstancial con Esquerda Unida/Izquierda Unida (ĖU), unha relación de usar e tirar coa que se entreter mentres os anovos non se reconcilian cos seus exmozos bloqueiros e viven felices, comendo perdices na irmandade do nacionalismo galego. O outro cre que a relación co BNG xa é pasado pisado e considera que, despois dos nove deputados de AGE en 2012, o futuro de Anova pasa por converti-la relación con ĖU en definitiva.

A nivel orgánico, ata agora o lado gañador foi, sen dúbida, o primeiro. Pilotado polo secretario de Comunicación, Mario López Rico e polo de Relacións Políticas, Luís Eyré “Palleiro” (ó que certos militantes de Anova alcuman “o noso Paco Rodríguez”), conseguiron que tódolos partidarios de afondar nas relacións con ĖU saísen dos postos de honra da organización. O primeiro foi o ex coordinador nacional e exdelfín de Beiras, Martiño Noriega, seguido de perto polos seus fieis. Tódolos postos de relevancia na cúpula quedan, pois, nas mans do sector de “Palleiro” e López Rico, as vellas glorias do Encontro Irmandiño: a secretaría de Organización, a Comisión de Ética e Garantías… O resto, pois, unha amálgama na que entran os que simpatizan coa Fronte Popular Galega, co Movemento pola Base e demais grupúsculos moi activos e cohesionados pero pouco numerosos, quedan forzados a formar parte dos “críticos”. Dentro do Parlamento, división absoluta: un deputado, o bergondés Antón Sánchez, está aliñado claramente cos críticos e unha deputada, Chelo Martínez, coa liña oficial.

anova

O referendo de hoxe deixa a Anova entre a espada e a parede. Se triunfa a opción 1, a cúpula da organización quedaría deslexitimada ó ser patente que a súa visión da situación non conta co apoio da militancia. Se triunfa a opción 2, reeditar AGE nas próximas eleccións galegas sería moi complicado e, así, practicamente se esvaecerían as opcións de Anova de repeti-lo seu éxito de hai ano e medio. As cabezas visibles da organización emprenderon nos últimos días, ó xeito das vangardas literarias de principios do século pasado, unha guerra de manifestos, un total de dez que se poden ler aquí. Os máis destacados, #NósQueremosAGE de Martiño Noriega e os seus seguidores e Queremos Anova, queremos Fronte Ampla dos fieis á dirección. Despois de meses de silencio, tamén tomou partido o sensei supremo Beiras Torrado, que se decantou pola opción 1 nun escrito redactado no seu estilo habitual, ese que tanto esperta fervorosos vítores como somnolentos bocexos. “A literalidade dese enunciado non se corresponde compridamente co enfoque que eu dou á nosa participación nestas eleicións”, avisou o voceiro nacional antes de decantarse polo enunciado 2. Tamén denunciaba Beiras o “obstrucionismo sectario” do BNG (“saboteounos”, clamaba) e citaba a Valle Inclán para cualifica-lo “ámbito do EE (Estado Español)” de “corral nublado“, descartando así a viabilidade da opción 2.

As cabezas visibles da organización emprenderon nos últimos días unha guerra de manifestos, un total de dez

Martiño Noriega, no seu escrito, era bastante menos sutil. Arroupado por varias ducias de asinantes (entre eles o exdeputado David F. Calviño dende a “diáspora” de Copenhague), afirmaba que esnaquizar AGE “implicaría inxectar frustración” na militancia, pero cargaba con furia contra a “tendenciosidade e a non concreción das preguntas” do referendo, amais das “dificultades para acceder ao censo do conxunto da militancia” (que opera nas mans do sector oficial, é dicir, dos defensores da opción 2), unhas acusacións máis ou menos encubertas de pucheirazo que recordaban ós tempos escuros de 2011 e 2012, cando as diversas organizacións nadas ó abeiro do BNG foron crebando.

Contraatacaron dende Blogger os aludidos, que aseguraban que reedita-la alianza co séquito de Yolanda Díaz sería “a opción máis afastada dos nosos principios e modelo organizativo de partido-movimento e impedirá a consolidación de Anova como a organización da esquerda nacionalista do século XXI”. Nos manifestos (entre os que se inclúe un que defende a opción 3, é dicir, non presentarse ás europeas porque “participar neste proceso electoral sería aceitar falsas democracias donde (sic) os cidadáns e cidadás non teñen dereito a aprobar as constitucións polas que se van rexir os seus dereitos e obrigacións”) había ben poucas alusións a Estrasburgo ou a Bruxelas, á PAC ou á cota leiteira. A loita que libran este domingo os dous sectores de Anova está moito máis lonxe dos enmoquetados chans das institucións comunitarias ca do chan cheo de estrume do mercado de gando de Amio.