Quen é Matteo Renzi?

Desde que os camiños da política italiana se foron dirixindo cara a Matteo Renzi como primeiro ministro, moito se dixo sobre o que levaba apenas tres meses como secretario xeral do Partito Democratico (PD). Pouco tardaron os xornalistas de aquí e acolá en comparalo con Maquiavelo pola súa condición de fiorentino, con Mussolini pola súa xuventude no momento de chegada ao poder e con Berlusconi non se sabe aínda moi ben por que. Calquera destas tres analoxías poden facer pensar ao lector en que se atopa ante toda unha xoia de político pero, quen é realmente Matteo Renzi? Que separa a aquel case adolescente que participou na versión italiana de La Ruleta de la Fortuna do que é xa cabeza do executivo?

A traxectoria de Matteo Renzi está marcada pola ambición da que el mesmo fai gala e as súas ganas de enfrontarse a todo o mundo, mesmo ao seu propio partido. Comezou a desempeñar cargos políticos no 2004 sendo presidente da provincia de Florencia, cargo similar ao presidente da deputación polos nosos lares, cando aínda non contaba 30 anos, o PD non existía e el militaba nas filas do PPI (Partito Popolare Italiano). En 2008 decidiu facer fronte por primeira vez aos designios da súa organización, cando se propuxo como candidato ás primarias para a alcaldía da capital da Toscana en contra da dirección que lle encomendaba seguir á fronte da provincia. Cun atrevido slogan que rezaba “Ou cambio Florencia ou cambio de oficio e volvo traballar” gañou contra todo prognóstico tanto as primarias como a alcaldía, que xa non deixaría ata ser nomeado primeiro ministro.

A súa capacidade de xestión nos cargos que desempeñou levárono a querer dar un paso máis e en 2012 propoñerse para encabezar o PD contra Pier Luigi Bersani. Esta loita exemplificaba perfectamente o que Renzi quería: darlle a volta ao panorama italiano e mudar os rostros vellos do partido e do país por un goberno baseado na xuventude, no mérito e na forza para cambiar o xeito de facer política. Un discurso renovador, entusiasta e, sobre todo, sen medos nin complexos de ningún tipo, arroupado por unha oratoria de alto nivel colocaba ao fiorentino no centro de todas as miradas. Esta actitude valeulle a inimizade dos mandatarios clásicos da organización, os D’Alema, Bindi ou Fassina, que viron nel unha ameaza ao seu status de poder incontestable dentro do partido.

O cambio e o gusto polas novas teconoloxías, unha constante en Renzi

O cambio e o gusto polas novas teconoloxías, unha constante en Renzi

A pesar de ter perdido as primarias contra Bersani, despois das que Renzi pronunciou o que se di que é o discurso de derrota  máis bonito da historia de Italia, a incapacidade deste para formar goberno tras ser o candidato máis votado nas eleccións lexislativas de 2013 provocaron a súa dimisión como secretario do PD. Isto abriu un novo proceso electoral no que o alcalde fiorentino se enfrontou a Gianni Cuperlo e Pippo Civati, no que conseguiu contra eles unha aplastante victoria. Desde a cúpula do partido Renzi xa puido comezar a influír nas decisións do goberno de Enrico Letta e semella claro que foi el mesmo o que forzou a súa dimisión. Un “ragazzo”, precoz incluso para ser alcalde dunha cidade como Florencia, colocábase á fronte dun país tan difícil de gobernar coma Italia.

Un pensamento peculiar

Nun tempo e nun país no que ser de dereitas é ser amigo ben de Berlusconi, ben da Liga Norte (partido acusado en numerosas ocasións de actitudes racistas, clasistas e homófobas), non parece bo negocio para calquera persoa de ben participar en política definíndose como tal. É por isto polo que Matteo Renzi acabou nun partido coma o PD, de maioría socialdemócrata no que caben desde democristianos a antigos membros do Partito Comunista Italiano. Cun discurso fondamente liberal e de recoñecida militancia cristiana, a principal crítica ao fiorentino foi sempre que non era o suficientemente de esquerdas como para ser líder do PD. Propoñer unha pronunciada baixada de impostos, o radical adelgazamento do sector público (especialmente na partida de gasto político), a supresión das subvencións aos partidos, a redución e simplificación da burocracia, atracción de capital, a flexibilización do mercado laboral e confesar as súas dúbidas arredor da legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo (aínda que sen pecharlle as portas) semellan darlle a razón aos que o tachan de dereitista.

“No momento no que Italia deixe de ter os peores políticos de Europa, nada impedirá que se poña á cabeza continente”

En canto á explicación das súas ideas e propostas políticas, Renzi constrúe habilmente o seu discurso baseándose en referentes de aplicación en outros países. Utiliza indistintamente a inspiración Tony Blair e Gerhard Schröder coa de Ronald Reagan e Margaret Thatcher. É o seu xeito de transmitirlle á cidadanía a necesidade de recuperar o entusiasmo pola política como vía para cambiar Italia mediante grandes liderados e cambios radicais. Unido isto á paixón polo país levárono a realizar en numerosas ocasións afirmacións como a de que “En Italia hai traballadores que saben traballar, profesores que saben ensinar e bos emprendedores. Sendo o país máis bonito do mundo, no momento no que deixe de ter os peores políticos de Europa non haberá ningún obstáculo para poñerse á cabeza do continente”.

Premier sen eleccións

O mandato de Renzi comeza, incluso para os seus máis férreos adeptos, cun sabor agridoce. Por unha banda, a ilusión do liderado dun político novo, dos mellor valorados polos italianos e cun programa de reformas que conta con apoio popular, que semella colocar ao país en disposición de saír con forza da crise. Pola outra, a desconfianza de afrontar un cargo ao que dixo que non chegaría sen gañar uns comicios despois de proclamar que con el na secretaría do PD Letta (tamén membro do partido) sería “máis forte”.

Italia leva catro primeiros ministros en tres anos

Logo de recibir o encargo de formar goberno por parte do presidente da república, Giorgio Napolitano, Renzi comezou as xestións para reunirse cos líderes de todos os partidos con representación no Parlamento e así conseguir os apoios necesarios. Desta rolda de contactos ben vale a pena destacar o seu encontro con Beppe Grillo, o exhumorista reconvertido a unha sorte de Beiras á italiana, na que o líder do Movimento 5 Stelle volveu dar o seu habitual espectáculo trufado de slógans semirrevolucionarios e un punto de mala educación. En calquera caso, impagable.

Tras presentar o venres 21 o seu equipo de ministros, hoxe mesmo xuraron os seus cargos. A simboloxía é case idéntica á que se produciu á súa chegada á dirección do PD. Moitas caras novas, o goberno con menor idade da historia de Italia con apenas 48 anos de media, paridade de homes e mulleres e menos variedade nos partidos representados có de Letta. A prioridade inmediata de Renzi será acometer unha serie de políticas que permitan chegar ao país transalpino á presidencia da Unión Europea en xullo “en condicións de contarlle a Europa o que quere Italia, e non só que digan eles o que temos que facer”. As máis urxentes son a redución de gasto político, así como a reforma laboral, fiscal e administrativa. A súa labor non será doada, pois deberá intentar dotar de estabilidade a un país que leva catro primeiros ministros diferentes en tres anos e cunha situación económica comparable á española.

As mulleres do goberno Renzi / La Repubblica

As mulleres do goberno Renzi / La Repubblica

É curioso pensar que hai pouco máis dun ano que falabamos neste mesmo espazo de Renzi como unha das alternativas a suceder a Mario Monti xusto despois de perder as primeiras primarias do PD. Neste tempo xa houbo eleccións, formación de novo goberno con Letta á cabeza, unhas novas primarias que gañou e a caída do goberno. Pouco máis dun ano no que o alcalde de Florencia pasou de pintar pouco na primeira liña da política italiana a ser o seu líder. Cousas veredes.