Familia Caamagno: sempre é tempo de rockanroll

A Familia Caamagno está de estrea. Novo disco, novos traxes, novo logo. Xa hai un tempo que o Charlie Peartree os entrevistou con motivo do Cantan polo Nadal. Desta volta e esperando con ansia que chegue o día 7 de febreiro, día da estrea oficial, os Caamagno desvélannos o que hai detrás do seu segundo ep. Como afirma o seu título: Hai que andar cos tempos! E a Familia anda cos tempos, carai se anda! Pero que é para eles Hai que andar cos tempos?

TONI: Xurdiu dun chiste privado que non se pode reproducir… ou que non se debe reproducir.

MANUELE: Un pouco dáse a entender na entrada do concerto, ten escrito a definición da palabra tempo segundo a RAG, que aparte e moi estraña no? Porque para definir o tempo din algo así como: o tempo é o período de tempo, ou sexa utilizan a mesma palabra para definir. Si, na RAG fan iso… Entón engadímoslle nós unha acepción mais. “Hai que andar cos tempos!” Pois é un pouco polos tempos que corren, eu enténdoo por varias cousas. Nós facemos tamén, como dicía o outro, música dos vellos, música doutro tempo non? “Hai que andar cos tempos!” non deixa de ser adaptarse un pouquiño ao que vén, aínda que nós o digamos dunha forma irónica.

Os Caamagno andan cos tempos! | Foto promocional

Os Caamagno andan cos tempos! | Foto promocional

Un disco gravado en dous días no Circo Perrotti, estudio ubicado en Asturias cuxo material é analóxico e a forma de gravar é a clásica dos anos 60, ao estilo da Chess Records ou da Motown, co grupo tocando en conxunto, a diferenza do sistema multipista, que é amplamente utilizado hoxe en día. Isto dota á Familia Caamagno dun son moi persoal, dunha textura propia, de roce do vinilo coa agulla, formato no que a Familia edita este álbum, xunto co cd, a cargo de Lixo Urbano. “É unha marca diferenciadora soar así” di Manuele, ao que engade Toni: “éramos o primeiro grupo galego que canta en galego que gravaba en Circo Perrotti. Gravar alí tamén foi unha posta persoal para obter o mellor resultado, ou polo menos o que nos queríamos en tódolos aspectos. Que igual hai cousas que se podían mellorar? Si, pero bueno, coma todo. A nós flípanos ese son. E despois que o tío, Jorge Explosión, implicouse tamén un pouquiño na gravación, deunos ideas e axudounos moitísimo, e iso vale moito”.

Fran, Lano, Manuele, Jess e Toni | Portada "Hai que andar dos tempos!"

Os Caamagno están listos para volver arrasar con todo e nas últimas semanas estiveron disparando unha canción tras outra, das seis que compoñen o ep. Un formato do que gostan e que ten tanto unha xustificación persoal coma histórica:

T: A principios dos ’60 sacaban edicións pequenas, por concentrar os mellores temas do grupo e eliminar a palla.

FRAN: É un formato que eu creo que nos gusta a todos. Quitas 6 e se che apetece, se estás moi creativo, ese mesmo ano podes quitar outras 6. Pero se tes un disco de 13 ou 14 cancións, pois xa sería excesivo.

M: Aparte, o formato LP creo que para nós non ten moito sentido a día de hoxe. Esa obsesión por quitar cancións e cancións, discos de 12, 13 ou 14 temas… A historia está en que no ep estás presente constantemente, é dicir, podes sacar material constantemente. Podes tamén cambiar, non tes que facer un “Hai que andar cos tempos!” de 12 temas, fas un de 6 e logo fas outro de “Voume meter a vena” ou como se chame e fas outros 6.

F: Un para o inverno e outro para o verao. La canción del verano, chaval.

Aínda que esa canción do verán xa a teñen. Surfistas Nazis, o tema que abre o disco, é unha oda á música surf feita co seu toque propio. A Familia Caamagno pensa que hai moitos surfistas nazis pululando polo mundo?

M: Non sei se coñeces esa foto de Louzán… Hai unha foto de Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, surfeando na praia da Lanzada, desto que fan os políticos de que se vea donde metemos los dineros –unha versión de Fraga moderno, suxírolle recordando o incidente de Palomares–, si, efectivamente –ao que engade Jess que iso é un andar cos tempos – Si ese anda cos tempos, ves? Ahí a frase tamén se pode aplicar: Louzán anda cos tempos. Pero bueno, a canción xa a tiñamos feita de antes. A historia está en que hai unha película que se chama Los surfistas nazis deben morir que é unha frikallada do copón que mola porque os yankees non saben moi ben como son os neonazis, non? Entón póñenos con estética punk e con esvásticas, e van surfeando e facendo o saúdo nazi. É unha cousa super friki. Nós estivemos hai un tempo de chea na praia da Lanzada, e foi así que unindo cousas saíu esa canción. Supoño que haberá surfistas nazis… e que claro, a cousa dos surfistas agora e que por un lado está a xente que fai surf e a xente que escoita música surf. Eu creo que a xente que escoita música surf a día de hoxe non ten nada que ver con rock ‘n’ roll. Agora e que… onde van con esas rastas?– “e os pelos teñidos, rubios, por favor”, engade Toni– eses pelos rubios efectivamente. Acórdaste do rapaz do anuncio de colacao? Ese que non sabía falar… claro, surfistas nazis.

De esquerda a dereita: Toni, Lano, Jess, Fran e Manuele | Foto promocional

De esquerda a dereita: Toni, Lano, Jess, Fran e Manuele | Foto promocional

Hai que andar cos tempos! E son tempos de cambio para a banda, nos que se queren desprender un pouco desa primeira imaxe de rollo mafioso, retocando o logo e con novo atuendo; pero seguir mantendo as raíces, vestindo os traxes e as novas camisas chorreras:

F: As camisas son porque nos mola todo o rollo este sixty.

T: Si, é polo rollo así, a tradición rockanroleira… é un punto decadente de puta madre.

F: E o traballo que nos deu conseguilas, iso coidao!

Bromean co cambio estilístico, “agora somos mafiosos mais de casino, da peli “Casino” sabes?“, di Manuele. Ao que Fran lle contesta que no próximo van xa con chándal.

M: Si, no seguinte imos de chándal como Los Soprano, con chándales de equipos italianos. E que claro, é a evolución máis lóxica: de gangsters dos anos 30-40 ao rollo 60-70 ata acabar co chándal do Nápoles e coa camisa semiaberta petada de ouros nos pelos.

novo logo Familia Caamagno

Se lle preguntamos a Familia Caamagno polo rol de cada un dos membros, Fran destaca que Manuele fixo o deseño do disco e que aparte de ser un gran cantante e compositor é o encargado do aparato loxístico do grupo. “No home no, loxístico no” replícalle Manuele. “Loxístico, armamentístico e o que faga falta. E que se meteu un currazo… e despois o resto dedicámonos a tocar. Eu paso a aspiradora no garito tamén” engade Fran. “Lano é avogado; aínda non nos denunciaron, pero cando nos denuncien Lano vai traballar a dios!” afirma Manuele. “E Jess é o hacker” continúa Fran.

JESS: Eu vou as entrevistas e non falo, o Johnny Labios-sellados dos Simpsons.

A tan só uns días do concerto amósanse nerviosos e a tope cos últimos detalles. Comparten cartel con eles os Yakuzas, un grupo madrileño de rock, co que gardan amizade e que foron invitados a esta ocasión especial. Manuele xa os trouxera ao Psicotroita (festival que se celebra en Sigüeiro): “Faloume unha colega deles, díxome que había un grupo que molaba a saco e boteille unha orella e me cundiron. Falei con eles para que viñeran ao Psicotroita e entón resulta que os chavales, que son do barrio de Chamberí,  tocaban a dios e andaban a tirarse a rolos borrachos, eran uns cabaliños coma nós. Creo que fixemos moi boas migas, e agora na presentación do disco queríamos traerlle a xente que nos vai a ver algo diferente que non se ve moito por aquí”.

Porque como din, bailar raro é o mellor, e o venres tocará bailar ao ritmo dese “Hai que andar cos tempos!”. “Que estamos ata os collóns! E por favor que pase xa o día e que veña moita xente. Levamos un ano traballando para este día case; todo o que fixemos: gravación, tocar por aí, aforrar, ensaiar, preparar as cancións… o día 7 creo que para nós é o día máis importante dende que levamos xuntos”, conta Fran, ao que lle respaldan os demais “sen dúbida”, “que veñan aínda que sexa por compasión” bromean.

M: Creo que a maioría da xente que ven aos nosos concertos sempre o pasou ben (se algún día estábamos con moita resaca que nos perdoen). E cos Yakuzas van levar un sorpresón…

Toni – Efectivamente.

Manuele – De feito é unha temeridade pola nosa parte traelos e tocar con eles o día da nosa presentación.

Jess – Somos machirrimos así que…

Manuele – Como era? Que nos chamen locos pero non temerarios, non?

Cartaz do concerto