Fai algo fermoso mentres poidas

It’s gotta be fate that’s doing it
a spocky witch in a sexy dress has been bugging me
with the story of the way it should be,
with the story of Sebastian and Belle the Singer.
I said my one man band is over
I hit the drum for the final time and walked away.
My wandering days are over, 1996


Todo comezou na noite que marcaba o tránsito entre 1995 e 1996. Stuart Murdoch oíra falar de Isobel Campbell a un amigo común que a coñecera nas aulas da Licenciatura en Música da universidade de Glasgow. Sen embargo, foi nesa data de final e inicio na que un simple “chámame Bel” daría paso a un novo capítulo na súa peculiar vida.

BS 1

Daquela, Stuart era xa un clásico en noites de micro aberto, cursos de música para desempregados  e actuacións de salón parroquial na cidade. Alternaba proxectos paralelos como Lisa Helps the Blind ou Le Pastie de le Bourgeoisie cunha primitiva versión de Belle and Sebastian, na que contaba cos membros Stuart David, Chris Geddes, Stevie Jackson e Mick Cooke.  E aquela  rapaza, que ademáis de tocar o violonchelo, compuña, era o ingrediente  definitivo. Como afirma o seu biógrafo Paul Whitelaw en Belle and Sebastian, una historia de rock moderna, “non importaba tanto se o grupo era capaz de tocar ou non de forma brillante, o simple feito de que tivera atopado a toda esa xente era suficiente para convencelo de que as cousas sucederan como tiñan que suceder”. Pouco despois, a incorporación de Sarah Martin pecharía o septeto inicial.

 “Non importaba tanto se o grupo era capaz de tocar ou non de forma brillante, o simple feito de que tivera atopado a toda esa xente era suficiente para convencelo de que as cousas sucederan como tiñan que suceder”

Malia o carácter crucial da chegada de Bel e o parecido do seu nome co de Belle, a correspondencia entre ambas queda en mans da imaxinación de seguidores e detractores. En realidade, o nome da formación débese a dúas personaxes literarias da francesa Cécile Aubry, coas que Murdoch adoitaba recrear historias na súa mente. Cando o proxecto comezou a tomar forma seria, pediuse permiso á autora para utilizar o nome, cousa que, por certo, non lle fixo demasiada gracia. En todo caso, é fácil atopar xente que pensa que a eses son os nomes dos integrantes do suposto dúo que está detrás de “I want the World to Stop”.

BS 2

E é que a creación da imaxe mediática da banda resultou tan caótica como a dinámica de funcionamento da mesma. Na era pre-Spotify, as revistas e a crítica xogaban un papel crucial na educación musical do público. A práctica ausencia de directos e as escasas entrevistas concedidas facían de Belle and Sebastian un obxectivo difícil para os responsables destas publicacións, polo que deron en encaixalos na etiqueta de cursis que aínda hoxe os acompaña. Sen embargo, tal afirmación só é unha pequena parte dun exquisito xogo de contrastes presente en todas as dimensións do grupo. Algo de esperar, cando o líder da formación vive nunha igrexa (na que traballou como bedel ata principios dos 2000), viste pantalóns de plástico e afirma ter serias influencias do Heavy Metal. Puro espírito de contradicción, tamén aplicable a outros membros da banda, coma Chris ou Stevie, que alternan un continuo  estado de timidez existencial cun tremendo carisma sobre as táboas. Alén do persoal, o son inconfundible de Belle and Sebastian escapa da cursilería de grupos como Primal Scream ou The Pastels,  encaixando máis ben na categoría da Velvet Underground ou dos Smiths.

Alén do persoal, o son inconfundible de Belle and Sebastian escapa da cursilería de grupos como Primal Scream ou The Pastels,  encaixando máis ben na categoría de da Velvet Underground ou dos Smiths.

Ah, sí, os Smiths. Aínda que os de Manchester botaran o peche case unha década antes da formación definitiva de Belle and Sebastian, a escena indie post-Smiths non tería sido o mesmo sen estes. Claro que o son da banda de Murdoch sen a influencia de Morrissey e os seus, tampouco. No verán daquel glorioso ano de 1996, o primeiro escribira unha carta a este último, na que se inclúen perlas como a seguinte: “O único que me gusta é tocar co grupo. Son moi bos, canto menos, cando se molestan en vir. Empezo a desfrutar de todo isto, aínda que a veces é inevitable que algún deles marche, ou morra, ou se convirta nun ionqui. E por iso os protexo coas miñas ás, coma se foran poliños”. Nunca se soubo de resposta por parte de Morrissey. O que sí atopamos, de xeito posterior, son unhas declaracións do outrora entusiasmado fan en referencia ao seu ídolo, nas que, cando lle preguntan pola influencia deste na súa música, responde preguntándose se acaso Eric Cantona pensaría en George Best ao xogar contra o Liverpool.

“O único que me gusta é tocar co grupo. Son moi bos, canto menos, cando se molestan en vir. Empezo a desfrutar de todo isto, aínda que a veces é inevitable que algún deles marche, ou morra, ou se convirta nun ionqui. E por iso os protexo coas miñas ás, coma se foran poliños”

Os temores dos que falaba Stuart Murdoch na súa carta a Morrissey non tardarían en atopar fundamento. A comezos de 1999, acadado o seu lugar nas listas de vendas, o Brit e o favor de público e crítica, o medo á ausencia de avances tras The boy with the Arab Strap motivou unha crise que remataría coa marcha amistosa de Stuart David. Superado o baixón inicial, os membros do grupo reinterpretarán o proxecto, incluíndo unha maior disciplina para ensaios e grabacións e o que é mellor, xiras en directo coa asesoría dun equipo de road managers. E este cambio de rumbo fará medrar ao grupo o ata o nivel actual. O custe da elección virá dado pola marcha de Isobel, nada partidaria dos directos, ao comprender Murdoch que, realmente, non lle debía nada como para privar de disfrutar ao resto do grupo nin a el mesmo.

BS 3

Vinte anos despois daquela noite, o proxecto de Murdoch e os seus mantense en bo estado de saúde, a base de xiras, novos álbumes, incorporacións e, sobre todo, moita música. Co seu son ecléctico e particular, os de Glasgow ocupan un lugar privilexiado no panorama independente actual. Nin tan tristes coma Dostoievsky, nin tal listos coma Mark Twain, facendo cousas fermosas mentres se poida. E o certo é que iso, concretamente, se lles dá bastante ben.

 

N.B: Todas as imaxes que acompañan a este perfil foron sacadas do libro citado, Belle and Sebastian, una historia de rock moderna, de Paul Whitelaw.