As peripecias de Garzón na USC

O efecto Streisand é o nome que se lle dá en internet as consecuncias contraproducentes da censura ou dunha tentativa de ocultar información. O nome do fenómeno naceu en 2003 cando a actriz americana Barbra Steisand solicitou a retirada dunhas imaxes, penduradas na rede por unha compañía de almacenamento de imaxes, nas que se podía admirar unha das súas magníficas propiedades inmobiliarias na cosa californiana. Axiña, as imaxes convertéronse nalgunhas das instantáneas máis procuradas e visualizadas na rede aquel ano.

O efecto Streisand non é ese bizarro brillar nos ollos.

O efecto Streisand non é ese bizarro brillar nos ollos.

Desde aquela, sucedéronse outros episodios que demostran a existencia e potencia do denominado efecto Streisand: a censura das caricaturas de Mahoma, o secuestro da revista española El Jueves pola súa capa sobre os Príncipes das Asturias ou a ocultación das fotografías das fillas góticas do ex-Presidente español Rodríguez Zapatero. En todos os casos, a ocultación e a prohibición ao público da información ou das instantáneas motivou un interese moitísimo maior do que nun principio terían inspirado. O público, guiado por ese atávico instinto humano de atracción cara o prohibido, correu a procurar aquilo que lle ocultaban.

Mais que ten a ver o ex-xuíz Garzón con este efecto Streisand? Para quen non saiba, semella que Garzón andou estes días por Compostela na súa tónica habitual, de picos pardos co protagonismo. Tal e como ben relatan aquí as compañeiras de Compostimes, o ex-maxistrado non puido falar nos dous actos que tiña previstos para onte martes, nas dependencias de distintas facultades da USC.

En resumo, os manifestantes contrarios a Garzón censuraron de facto as intevencións do togado nos distintos centros universitarios. O dereito fundamental á libre expresión que asiste a todos conforme o ordenamento constitucional español, incluído Garzón, viuse efectivamente violado. Alén diso, a actuación daqueles que protestaban furtou o dereito dos asistentes ao acto a sentir aquilo que o sevillano tiña que dicir. Por conseguinte, o seu dereito fundamental a informarse libremente viuse tamén pisoteado e esmagado pola intransixencia duns poucos. Todo iso no contexto dunha conferencia sobre dereitos humanos, situación tan irónica como triste.

O conseguinte enfado e indignación, manifestada através de varias redes sociais, dos asistentes que agardaban escoitar a Baltasar Garzón é, portanto, comprensible e razoable. Non é posible que nunha universidade se vete de maneira tan burda, e sen máis motivo que a censura pola censura, a libre exposición de ideas e puntos de vista, faga quen o faga. Precisamente é esa liberdade intelectual e de expresión a primeira característica da universidade democrática que tan frecuentemente reivindican os que onte se manifestaban. Tamén non é posible que unha minoría impida coactivamente o exercicio dos seus dereitos a un conxunto pacífico de persoas. Pode que Baltasar Garzón sexa fascista e hipócrita, como dicían aqueles que protestaban, mais do comportamento totalitario de quen non lle permitiu falar hoxe ninguén dubida.

Precisamente é esa liberdade intelectual e de expresión a primeira característica da universidade democrática que tan frecuentemente reivindican os que onte se manifestaban

No entanto, algo no que os manifestantes non repararon é no efecto Streisand que se explicaba a principios deste escrito. Impedindo que as conferencias de Garzón na USC se desenvolvesen con normalidade gañáronse, de seguro, a animadversión do público asistente. Pero é que, alén diso, deron a quen pretendían perxudicar moitísimo mais protagonismo do que este esperaba obter. Ese protagonismo vaise traducir en minutos de televisión e páxinas de xornal que van retratar un loitador incansable, pola xustiza e polos dereitos dos débiles, inxustamente acusado e perseguido polos malos modos dunha turba intolerante. O efecto Streisand vai entrar de novo en xogo e fai levar a que Garzón gañe a simpatía, atención e interese de milleiros de persoas que van saber do acontecido en Compostela grazas aos medios de comunicación sen reparar nas razóns da protesta.

O salón de actos durante a protesta | © Carlos Rey

O salón de actos durante a protesta | © Carlos Rey

Da mesma maneira que é condenable o que onte sucedeu na Facultade de Ciencias da Educación, hai que recoñecer que o feito de que, no seu día, Garzón fose afastado dos seus labores xudiciais constitúe un alivio. Non é moi difícil explicar que a Xustiza -esta si, con maiúsculas- gaña en eficacia, limpeza e credibilidade co sevillano fóra do estamento xudicial.

Entre os méritos do superxuíz destaca ser un dos maxistrados da Audiencia Nacional que gozou dun maior número de reproches por parte do tribunal ao seu labor de instrucción. Como sabe calquera estudante de Dereito, unha das funcións dos xuíces de instrucción é fiscalizar polo miúdo o labor investigador das actuacións policiais. Dito dunha maneira coloquial, debullar aquelas achegas da policía que son relevantes para a causa e aquelas que non. Baltasar Garzón foi, no seu tempo, o máximo expoñente que se estilaba moito no tribunal herdeiro do TOP: o copy&paste das indagacións e das conclusións do corpo policial nos seus autos. O papel de freo garantista contra os impulsos e dos excesos das forzas da orde, de filtro, estaba completamente ausente. Non é de extrañar que nos procesos ao seu cargo aflorasen ata denuncias de torturas.

O papel de freo garantista contra os impulsos e dos excesos das forzas da orde, de filtro, estaba completamente ausente. Non é de extrañar que nos procesos ao seu cargo aflorasen ata denuncias de torturas.

Son múltiples as críticas que lle teñen dirixido os seus colegas xuíces -conservadores, centristas ou progresistas- polas súas actuacións. Do mesmo xeito, tampouco pasa desapercibido o carácter profundamente mediático e sensacionalista das actuacións xudiciais que ordenaba. As ordes de detención a altas horas da madrugada, medidas cautelares inesperadas e sorprendentes son máis propias de alguén que pretende gañar notoriedade que de quen debe obrar coa prudencia que corresponde por estar en posición de decidir sobre a liberdade e os dereitos fundamentais das persoas.

En definitiva, que non era difícil explicar aos asistentes que Garzón é o que comunmente coñecemos como un chafalleiro. Era moi sinxelo expoñer que un señor que se afana demostrar nos seus autos unha suposta limpieza étnica (sic) na Biscaia dos 90 é ora un lunático, ora alguén que só quere chamar a atención. Tampouco era complicado lembrar ao público que quen agora se presenta como paladín do progresismo, foi apenas hai unha década o martelo máis implacable da dereita española máis reaccionaria. Explicar que cando as dubidosas teses de Garzón sobre o chamado entorno de ETA -criticadas por asociacións de xuristas progresistas a nivel internacional- eran subscritas polo aznarismo máis duro, os dereitos e liberdades civís e políticas retrocedían obscenamente, sobretodo en Euskadi entre aplausos  da sociedade española en xeral, como para que agora veña conferenciando sobre a súa importancia.

Pintadas nos muros da facultade de Ciencias da Educación | ©Carlos Rey

Pintadas nos muros da facultade de Ciencias da Educación | ©Carlos Rey

No canto diso, a actuación de quen hoxe, erronea e condenablemente, se manifestou diante do antigo maxistrado simplemente serviu para alimentar máis a súa figura e darlle máis protagonismo. Baltasar Garzón é un home que, co tempo, demostrou que semella moverse por interese persoal, para situarse no dos obxectivos das cámaras e desprazarse conforme o faga a actualidade política, antes do que por elevados ideais de xustiza. Apena profundamente o espectáculo vivido onte en Ciencias da Educación, tanto polo conferenciante como polo público asistente, porque é arrepiante que a vida universitaria poida estar condicionada por unha minoría exaltada. Nada o xustifica. Mais tamén apena que un home como Baltasar Garzón se pasee polos templos do saber falando de dereitos e xustiza.