A Candeloria 2014: música, suor e lingua

 

Candeloria 2014

 

Cando lle preguntei a miña nai pola Candeloria só soubo falarme da Virxe da Candelaria, patroa dunha parroquia próxima a onde ela naceu. Pola contra, a min tíñanme falado dunha tradición de orixe pagá que servía de “chamamento” para a primavera. Realmente, ningún dos dous estabamos equivocados. O que na súa orixe foi un ritual xa do tempo dos celtas chamado festa da luz, pasou a ser unha data sinalada no calendario cristián. Nela, bendínse as candeas que serven para calmar o inverno e alumear o camiño das almas que deixan o mundo. Se tendes interese en coñecer máis polo miúdo o ritual, pola rede pódese atopar un feixe de información.

A Candeloria

Cartel definitivo desta edición

Pero imos ó que imos. Baixo o slogan Música e Tradición Galega, e en GALEGO 100% na cidade das murallas, chegaba o anuncio da celebración da Candeloria no Facebook creado para o evento. A cidade de Lugo (e a provincia enteira) están, en termos xerais e salvo honrosas excepcións, bastante desertos en canto a actividades culturais, especialmente deste tipo. A diferencia é notable, sobre todo se o comparamos con outras cidades ou vilas de Galicia. Por iso este festival en pleno inverno, non só serve para dar folgos e animar a coller con gañas o camiño cara á primavera, senón para reivindicar a necesidade de maior apoio á cultura propia neste lugar. A necesidade dos “Lugoslavos” de contar con música do país sen moverse da casa foi, sen dúbida, unha das claves do éxito da Candeloria.

Disque a idea de organizar o festival naceu, precisamente, desa necesidade de ter a festa na casa. O que comezou como unha broma, acabou sendo unha das troulas máis gordas da música en galego que se viu na capital lucense en bastante tempo. Para financiar o proxecto non o tiveron fácil. Amais de tirar de colegas, houbo que buscar colaboradores. Moitos. A incerteza que provoca un proxecto coma este (sen ningún tipo de aval de peso detrás), fixo que houbese que buscarse ben a vida para poder cubrir os gastos dunha festa cuxa entrada custaría, tan só, 1€. Tras chamar a moitas portas e conseguir apoio de diversas asociacións socioculturais, acabouse pechando un cartel no que actuarían: Ruxe-Ruxe, Xenderal, Bolboreta e c’O Leo i Arremecághona. Finalmente, e debido a problemas de saúde dun dos Ruxe-Ruxe, estes últimos foron sustituidos polos chantadinos Liviao de Marrao. A Candeloria contou, ademais, con dous concertos irmáns, realizados con anterioridade en Santiago de Compostela. Foron bautizados como “Pre-Candeloria” e contarán con algún próximo máis nesa mesma cidade.

Xenderal


Xenderal | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

“A cidade de Lugo e a propia provincia están, en termos xerais e salvo honrosas excepcións, bastante desertos en canto a actividades culturais, especialmente deste tipo”

Malia que o día da Candeloria é o 2 de febreiro, foi o 7 o día elixido por cadralo en domingo. Cando chegou o 7 os nervios eran latentes, pero fóronse disipando paseniño coa entrada de xente ó Clavicémbalo, mítico pub lugués que leva sendo durante anos o estandarte da cultura da cidade. Por desgraza, a dificultade de facer previsións de afluencia fixeron que o aforo se quedara curto e que houbese xente que quedou sen entrada. Isto supuxo dúas cousas: que quedaron coas gañas de gozar da gran festa que alí se viviu, (o cal é unha moi mala noticia) e que a xente de Lugo e arredores levaba tempo esperando a que alguén dese o paso e organizase algo como isto, (o cal é unha moi boa noticia).

Con certo retraso respecto á hora prevista de comezo (como é costume no rock and roll), comezou a festa naquel local que, dende os primeiros momentos, estaba xa abarrotado. Ir á barra para pedir unha consumición e volver ó lugar anterior, supoñía case unha odisea. Porén, o ambiente non era en absoluto tenso. Notábase a satisfacción dun traballo ben feito e de días de nervios e incerteza no ambiente. Quizais tamén axudaba o ragga de Xenderal (aka Gendebeat), claro. Pero tamén había rap e beatbox. A primeira imaxe que me veu á cabeza ó ver ó Xenderal foi a de Larvell Jones, ou o “negro dos ruídos” de Loca Academia de Policía… recordades? Pois igual: nunca vira facer beatbox tan de preto…e tan ben. A experiencia é brutal. Semella realmente imposible facer tantos sons diferentes soamente coa boca. Moito flow, moito xeito, dende Cerceda (“A Cochikeira”) para o mundo.

O Leo i Arremecághona

O Leo i Arremecághona | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Cando rematou o asunto, saíu O Leo i Arremecághona contar algún conto musical. Co seu ukelele acompañando, bourou as súas retranqueiras letras mentres tras el se estaban a preparar Lydia Botana e os seus. A Bolboreta puxo o punto máis doce da noite: co seu ecléctico estilo, moi próximo á fusión e ós ritmos latinos, puxo ritmo a base de cancións tamén eclécticas. Interpretaron clásicos como Túa nai e meiga ou, a preciosísima Irmaus (na que o Leo subiu a colaborar). Pero tamén deixaron pegada coas súas cancións propias. A experimentada banda que leva consigo a Bolboreta de Culleredo (Torroncho ó baixo, Paco Cerdeira á guitarra, Anxo Silveira á batería e Nuria Naya ó violín) quedou curta nalgunha que outra canción á que subiu a colaborar o Xenderal. Unha vez máis, todo un éxito.

No descanso saíu ó escenario, outra vez, O Leo i Arremecághona. E como a noite avanzaba, tocaba poñerse máis punki e reivindicativo (a crista do seu cabelo deu boa conta diso). Entre outros temas, O Leo fixo unha pequena homenaxe á Terra Chá a ritmo do coñecidísimo canto antifascista italiano Bella Ciao, xesto que o público agradeceu coreando o himno. Finalmente, chegaba o momento de pechar a noite cos máis cochos: Liviao de Marrao. Aínda que o local seguía bastante abarrotado, os das filas dianteiras conseguimos abrirnos un pequeno oco para poder bailar a gusto o que o corpo nos pedía. Malia case non caber no escenario os numerosos membros do grupo, non tiveron difícil crear pogos realmente divertidos e brutais no público a ritmo de guitarra, trompeta, saxofóns e violín. 9 de cada 10 médicos recomendan ir a un concerto dos neobravús para liberarse do estrés. Punk, moita crítica e historias locais é o que alberga o único CD deste grupo, Matança Eta Filhoak, ó que lle meteron un bo repaso no directo. En resumo: riffs e cancións potentes para reclamar e liberar o noso lado máis animal.

Ás 3, puntuais, tocaron a última canción, pois había que pechar. Esa noite a festa continuaba noutro pub do centro da cidade, pero eu xa dera todo o que o meu corpo aguantaba, e tiven que regresar para a casa. Ó saír do Clavicémbalo, chovía (para variar). Din que: “Se a Candeloria vén mal, o inverno está caroal”, mais tamén se di que: “Se a Candelaria chora, o inverno está fóra”, así que non podemos facer demasiadas previsións meteorolóxicas a conta disto. Os refráns é o que teñen, que ás veces mesmo se contradín. Mais, do que non cabe dúbida, é de que a Candeloria cumpriu a súa función á perfección: puxo un punto de ilusión e sementou a esperanza de que haxa moitos máis eventos coma este no aburrido inverno da comarca lucense.

“A necesidade dos «Lugoslavos» de contar con música do país sen moverse da casa foi, sen dúbida, unha das claves do éxito da Candeloria”