Obituario

Quevedo el putero
y Góngora el lameculos
Garcilaso el usurero
y Rosalía la ludópata
Astrud, Nuestros poetas

Vibrou o móbil do xornalista 2.0 e o seu Google Talk vomitoulle un encargo: “Tes que facer un obituario dun señor. Douche despois máis detalles”. Os destinos do finado e do xornalista quedaban unidos post mortem por un textiño de non máis de 150 palabras e pola casualidade de ter vivido na mesma cidade. O primeiro paso de cara a esta sentida loa fúnebre non era outro ca googlear o nome do señor en cuestión. Aquel que dixo que a morte nos igualaba a todos mentiu coma un bellaco: uns poucos privilexiados teñen, ó espichala, dez ducias de adxectivos eloxiosos con titular e foto; o vulgo ten que merca-las verbas ó peso para, total, restregarlles ós demais cantísimo o recordan viúva, fillos, sobriños, sobriños-netos e netos.

Este exseñor pertencía ó primeiro grupo. “Escultor de brillantísima traxectoria”, revolucionara o mundo das artes esculpindo unhas mulleres cuxa voluptuosidade facía estremecerse ata ó mármore do que estaban feitas. O home tivera a mala sorte de nacer no século XX, porque podería ter sido unha especie de Hugh Hefner do Renacemento, sempre e cando conseguise evitar que unha tormenta de follas eclesiais tapasen as partes pudendas das súas Venus. O xornalista ardía en orgullo patrio mentres tallaba no seu procesador de textos que as esculturas do finado pasearan o nome de Galicia acunado entre seos marmóreos. Consultou na Real Academia de Belas Artes o día exacto de nacemento do escultor para compartir unha porción do seu orgullo con aqueles que tiveran a sorte de amencer ó mundo o mesmo día ca el. Despois, deulle a enviar e seguiu contando as cousas do mundo dos vivos.

Nun país tan dado á impuntualidade coma este, as informacións nunca dan chegado á hora do peche da edición. Días máis tarde, chegaron a oídos do xornalista algunhas informacións que non atopara en ningún dos 43 tomos da Gran Enciclopedia Gallega. Ars gratia artis, o venerable escultor gustaba de pasea-lo cincel tanto polos bloques de pedra como polas alumnas que pasaban pola súa clase de Historia da Arte. A maioría daquelas musas, que engrandeceran a súa obra desinteresadamente, denunciárano tamén por acoso sexual. E nunha noite de decembro, mentres a sarabia rebotaba nos seus cristais coma bólas de mármore, o xornalista 2.0 abrazábase ó seu peluxe de Kapuściński e dáballe voltas á cantidade de principios éticos daquelas kilométricas listaxes da carreira que acabara de violar en 150 palabras. “Tanta metáfora y tan poca vergüenza…