O Mundial primeiro, as consecuencias despois

Dúas noticias relacionadas co mundo do fútbol sacudiron Brasil nos últimos quince días. O pasado domingo asistimos atónitos aos lamentables incidentes durante o partido Atlético Paranaense-Vasco da Gama. Unha batalla campal entre afeccións que se resolveu con catro feridos, pero cunha imaxe de inseguridade para un país que ten que acoller un mundial este verán. Sete días máis tarde, este domingo, a xustiza decidía paralizar as obras do estadio Arena Amazonia de Manao (unha das sedes mundialistas) tras coñecer a morte dun empregado que traballaba nelas. O problema é que por desgraza non é a primeira vítima das obras de Manao, nin da construción do resto dos estadios de Brasil. Tras coñecerse estes sucesos, a maioría pregúntanse se o Mundial de Brasil será seguro. Un servidor prefire preguntarse directamente se todo vale co único obxectivo de albergar Mundial.

A maioría pregúntase se o Mundial de Brasil será seguro. Un servidor prefiere preguntarse directamente se todo vale co único obxectivo de albergar un Mundial

En 2004, Brasil foi elixida sede para o Mundial de 2014. O país recibiu a noticia con ledicia e coa ambición de por fin levantar unha Copa do Mundo no estadio de Maracaná. Quedaba moito por facer, pero como en todos estes casos a atención mediática centrouse no presente. Pasou o mundial de Alemaña e todas as miradas centráronse en Sudáfrica, ese primeiro mundial en África co que existían moitas dúbidas. Ao final, a experiencia africana foi un éxito durante ese verán, pero o problema do Mundial é o que pode deixar detrás. Ter estadios como o Soccer City de Johannesburgo en desuso é un claro exemplo disto.

Derrumbe estadio Brasil

Imaxes do derrumbe das obras do Arena Corinthians ©RTVE.es

Parece difícil que as imaxes de violencia de Paraná se repitan durante o mundial. O despregue da FIFA xerará unha zona de seguridade onde os “ultras” non terán opcións de entrar, pero o problema é que despois do Mundial a situación será a mesma. As imaxes de violencia causaron arrepíos, pero máis o fixeron algunhas declaracións que puidemos escoitar ese mesmo día. Os xogadores do Vasco de Gama non quixeron falar despois dos incidentes “por ter medo polas súas vidas”. Marcelo Bechler, xornalista de Globo Esporte, declarou nunha radio española que Brasil “é o país onde máis mortes se rexistran a causa do fútbol”. A pregunta é polo tanto por que a FIFA decide facer un Mundial nun país onde sucede isto. E, por suposto, por que non se loita con man dura fronte aos ultras do fútbol en todos os países do mundo.

“Brasil é o país onde máis mortes se rexistran a causa do fútbol” – Marcelo Bechler, xornalista de Globo Esporte

Porén, paréceme aínda máis preocupante que está sucedendo na construción das infraestruturas do Mundial. En Manao rexistráronse os incidentes máis graves e máis estraños, pero noutras sedes como São Paulo ou Brasilia tamén se viviron traxedias. Na capital do Amazonas rexistráronse tres mortes, dúas nos últimos días, polo que a xustiza decidiu parar as obras. No Arena Corinthians, o estadio elixido para o partido inaugural, a caída dun guindastre causou a morte de dous traballadores. Mentres que en Brasilia outro obreiro perdeu a vida no mes de xuño de 2012. En total seis mortes, algo inadmisible nunhas obras que deberían ser seguras.

No caso de São Paulo, o Ministerio Público de Traballo afirmou que o condutor do guindastre traballara sen descanso durante dezaoito días. Despois do accidente, a FIFA emitiu un comunicado no que afirmaba que “a seguridade dos traballadores” tiña que ser a “prioridade máxima das obras”. Por desgraza, parece que non lle fixeron demasiado caso xa que parece difícil crer que todos estes accidentes sexan feitos illados. As présas son malas conselleiras, e máis nestas ocasións.

A FIFA avogou pola “seguridade dos traballadores” como a “prioridade máxima das obras”. Porén, parece que as presas voltan a ser malas conselleiras.

Todo isto, sumado as dúbidas dalgunhas seleccións pola calor ou polos enormes traslados nun país con grandes distancias, fixo que o mundo do fútbol comezara a preguntarse se de verdade Brasil ten a capacidade de celebrar un Mundial. Porén, eu creo que a reflexión á que nos debería levar isto sería outra: ¿é necesario antepoñer todo por un Mundial?. Podo comprender o que significa para un país, pero as présas, as inseguridades e todo o que iso conleva na vida das persoas ten que pesar moito máis que un evento deportivo. O fútbol pode chegar a ser importante, pero as persoas deberían estar sempre por riba.