Morriña Celeste: “Vivir o Celta na distancia”

Sábado 30 de novembro.  Centos de celtistas baixan pola rúa de Fragoso cunha idea na cabeza: “despois de sete partidos, hoxe xa toca”.  Teñen tempo para saudar aos coñecidos, consultar a aliñación no móbil ou incluso para levarse a man ao peto buscando ese amuleto que nunca esquecen levar ao templo celeste.

A seiscentos quilómetros de distancia, en Madrid, decenas de celtistas collen o metro coa mesma idea na cabeza: “hoxe xa toca”. Non son moitos, pero non poden evitar sorrir cando ven unha camisola celeste como a súa no medio da multitude. Teñen tempo para consultar e comentar a aliñación mentres se dirixen ao “seu templo celeste” particular. Porque a Balaídos tamén se chega camiñando por Bravo Murillo.

©Morriña Celeste

Morriña Celeste no Calderón | ©Morriña Celeste

“Vivir o Celta na distancia”.  Ese podería ser o lema da peña Morriña Celeste cando animan e sofren no Galicia Importa, ese bar onde todas as semanas se reúnen decenas de celtistas que por algún motivo ou outro residen na capital de España. Minutos antes do partido ante o Almería falamos con Fernando Juncal, presidente e un dos fundadores da peña. Coa camisola celeste e a bufanda preparadas, como a ocasión o require, comezamos unha conversa que se xuntará cunha tarde propicia para o equipo vigués.

Como xurdiu a idea de formar unha peña celtista en Madrid?

Todo comezou a partir do foro Delcelta.com en 2011. Foi un comezo incerto, xa que non sabíamos canta xente íamos a xuntar, pero ao final fomos 13 fundadores máis Gonzo, o actor famoso. As nosas orixes estiveron no Bar Meiga, Pulpo & Friends e pouco a pouco fomos crecendo, xa que o boca a boca faite coñecido.

A parte do boca a boca, cal foi o papel das redes sociais?

Dende o primeiro momento tentamos ter perfís en todas as redes sociais (Tuenti, Facebook, Twitter) e ter unha páxina web que hoxe en día é importante. Despois tentamos ser activos, traballando varias persoas nese sentido. Así, somos capaces de mostrar todas as actividades que realizamos e que a xente vaia sabendo de nós.

A peña crece pouco a pouco. Foi iso o que propiciou os diversos cambios de sedes?

Claro. Primeiro estivemos no Meiga, que foi curiosamente o bar no que os seareiros do Depor fundaron a súa peña. Despois, chegou un momento onde tivemos que abandonalo e instalámonos no Finn’s Tavern, que é un bar irlandés onde nos trataron de luxo durante seis meses. O problema é que a peña creceu demasiado e necesitabamos un espazo moito máis grande para estar máis a gusto. Daquela, puxémonos a buscar e atopamos no Galicia Importa un lugar adecuado para o número de persoas que conseguimos reunir en cada partido.

“Estamos orgullosos de ter xente de todo tipo. Temos dende recén nacidos, porque aos pais lles fai gracia o de facer ao neno socio de Morriña, ata xente maior”

Tivestes algún problema nalgunha das sedes?

Para nada, tratáronnos de luxo nas dúas. De feito, na Finn’s Tavern aínda realizamos algunha festa de cando en vez. Aquí, no Galicia Importa, estamos coma na casa xa que nos tratan moi ben. Ademais que sexa un bar cargado de produtos galegos pois tamén axuda.

Cantos socios tedes actualmente?

Comezamos trece e agora somos 165, pero seguimos en crecemento constante. Ao comezo de curso sempre chegan moitos estudantes a Madrid e notamos como moita xente nova afíliase á peña.

Que tipo de xente se achega a Morriña Celeste?

Estamos orgullosos de ter xente de todo tipo. Temos dende recén nacidos, porque aos pais lles fai gracia o de facer ao neno socio de Morriña, ata xente maior. O bo é que temos un pouco de todo, así que cando nos reunimos para ver o Celta todos poden atopar persoas máis ou menos afíns.

Trofeo Interpeñas no que participaron as peñas de Celta, Deportivo, Athetic e Real Sociedade en Madrid ©Morriña Celeste

Trofeo Interpeñas no que participaron as peñas de Celta, Deportivo, Athetic e Real Sociedade en Madrid | ©Morriña Celeste

Cales son as vosas actividades máis relevantes?

O fundamental son os partidos do Celta aquí no Galicia Importa. Despois, como actividades complementarias temos dous equipos de Fútbol 7 e iso é algo do que nos sentimos orgullosos, xa que trinta persoas cada semana están levando a cor celeste por Madrid. E por suposto organizamos viaxes, ceas, sorteos e incluso temos chegado a realizar concursos de videoxogos de fútbol. Un pouco depende das ideas que vaian xurdindo.

Tamén fixemos, por exemplo, un trofeo interpeñas que reunía as peñas do Celta, Depor, Real Sociedade e Athletic de Bilbao, o cal gañou o Athletic porque non se pode ter todo. En resumidas contas, tentamos que sexa unha peña variada e con moitas actividades para chamar a máis xente.

Como é a relación coa peña deportivista en Madrid?

Cando estivemos no Meiga e compartimos sede coa peña do Depor a relación foi cordial en todo momento.  De feito, ata algún fin de semana chegamos a saír xuntos por aí. Isto pasa porque ti en Madrid se ves a unha persoa galega non lle vas preguntar se é do Celta ou do Depor, como que da un pouco igual.

“Tentamos que sexa unha peña variada e con moitas actividades para chamar a máis xente. Ademais dos partidos no Galicia Importa e das viaxes, organizamos pachangas, temos equipos de fútbol sete, facemos sorteos e incluso chegamos a organizar unha competición de videoxogos”

A distancia axuda a que haxa unha especie de irmandade?

Non digamos irmandade, que quizais é unha palabra moi forte. Evidentemente, seguen existindo os típicos piques e algunha pequena lea dialéctica. Pero no fondo contactamos sen problemas, xogamos ao fútbol e non temos problemas entre nós, todo o contrario.

Falando xa do Celta, como ves ao equipo este ano?

Penso que fan falta un par de fichaxes na parte ofensiva. David Rodríguez non pode ser o dianteiro suplente e Bermejo regresará pero non vai ser o home que te saque as castañas do lume nun momento determinado. Tamén, Orellana que ía a ser o descarte non creo que poida ser un dos poucos revulsivos dende o banco. En resumo, creo que se necesita un pouco máis de fondo de armario nesas posicións.

De tódolos xeitos temos que ter claro que o obxectivo sería acadar a permanencia antes das dúas últimas xornadas, que serán contra o Real Madrid e o Valencia, xa que sería moi perigoso chegar a eses partidos sen estar salvados. Senón, imos sufrir e moito.

Cal é a túa opinión sobre a decisión de Luis Enrique de adestrar a porta pechada?

Eu penso que é algo que vos cabrea máis a vós, os xornalistas, que á afección en xeral. Se Luis Enrique decide pechar o adestramento complícalle a vida aos xornalistas que traballan cubrindo ó Celta, pero non tanto aos seareiros xa que como moito haberá dez ou quince nun adestramento normal. O problema igual está en facelo todas as semanas xa que nalgúns aspectos é bo que os xogadores sintan o cariño da afección, pero facelo de vez en cando non o vexo negativo.

©Morriña Celeste

Celebración da permanencia no Galicia Importa | ©Morriña Celeste

O reloxo marca as seis da tarde e o balón comeza a rodar en Balaidos. Entón, a distancia ráchase en mil anacos e todos os celtistas comezan a vivir unha historia paralela por igual. Cabréanse co gol de Suso e lamentan as ocasións desperdiciadas na primeira parte, xa que o obxectivo inicial complícase. De súpeto, aparece Orellana para sacar a todos o primeiro gran sorriso da tarde. Despois, chega o tempo para pedir o gol nun córner e que Borja Oubiña apareza da nada para concedelo. Por último, Charles redondea a festa celeste e aínda queda tempo para celebralo ata o asubío final. A Rianxeira sempre é marabillosa, xa sexa en Balaídos ou no Galicia Importa.

Vivir o celtismo na distancia é ir un luns a Xetafe e rematar perdendo, pero tamén é celebrar o ascenso con 200 persoas nunha fonte a seiscentos quilómetros da casa

É entón cando nos despedimos de Fernando cunha reflexión. “Vivir o celtismo na distancia é ir un luns a Xetafe, pasar un frío de mil demos podendo estar na casa quentiño, e rematar perdendo. Pero tamén é celebrar o ascenso con 200 persoas nunha fonte a seiscentos quilómetros da casa”. Iso é Morriña Celeste. Moitas historias individuais que se xuntan por un denominador común: un corazón celeste que non deixa de latexar.