Mártires

Toda ideoloxía ou loita social necesita de referentes poderosos sobre os que construír un discurso convincente e persuasivo. Se este, ademais, consegue tocar as fibras humanas máis sensibles, o camiño está máis ca andado. É por isto polo que non hai mellor referente cá persoa que morre por unha causa determinada para convertila en símbolo desta a perpetuidade. É así como se deixa de ser unha persoa máis para pasar a ser un mártir que entregou a súa vida para alcanzar un mundo mellor para os seus semellantes.

Esta mesma semana, sen ir máis lonxe e sen que moitos fosen conscientes, asistimos á creación dun novo mito planetario, cuxa historia é xa imborrable do imaxinario colectivo. Este non é outro có chino que se suicidou logo de ir de compras durante máis de cinco horas coa súa moza. Aínda que nos pareza unha noticia que roza a brincadeira, este home tamén dou a súa vida por unha causa xusta: a de liberar a todas as parellas da opresión case tiránica ás que se ven sometidas por todo tipo de rarezas e manías.

Lembras o chino aquel?

Esta pobre vítima é o mártir total, pois morreu encadrado nunha escena fatalmente cotidiana, e servirá de exemplo para que calquera persoa que se queira librar dun plan aburrido e fastidioso lle poida dicir á súa parella: “Lembras o chino aquel? Non quererás que me pase o mesmo a min, non?”. É por isto polo que non só o poderá aproveitar quen non queira ir de compras, senón que tamén o poderán facer os que non lles apeteza acompañar ao mozo ao fútbol, ou quen deteste ir xantar á casa dos sogros.

Coma todo bo mártir, ao converterse en lenda deturparáse a súa historia e transformaráse naquilo que os seus seguidores queiran que se transforme. Dá igual que dentro de pouco saibamos que o paisano tanto puido ter feito iso como se puido ter tirado ás vías do tren despois dunhas vacacións coa súa moza ou, simplemente, que estaba coma un cencerro e vía os mesmos anxos có falso intérprete para xordos do funeral de Mandela. O realmente importante é que agora todos poderemos acabar unha discusión con iso de “Lembras o chino aquel…?”.