José Antonio Vázquez Taín, Robin Hood superstar

“El guión le exigía cada vez más escenas de cama”
Joaquín Sabina, Barbie Superstar

Non existen probas concluíntes, pero podería aventurarme a que José Antonio Vázquez Taín, gran amante da música clásica, derramou una furtiva lagrima cando, en 2005, tivo que empaqueta-los seus enseres e sumarios e saír do Xulgado de Instrución nº 1 de Vilagacía de Arousa. Alí Taín, un xuíz de 37 anos, alcanzara a notoriedade que o seu expediente académico non lle permitira na universidade. Nas Rías Baixas gañárase a fama de martelo dos narcos e o apodo de “o Robin Hood de Vilagarcía” (tal como dilixentemente recolle Wikipedia), mais non puidera evita-la inexorable burocracia xudicial, que o obrigaba a ascender a maxistrado e ocupar un cargo acorde coa súa nova categoría. Vivía cómodo entre clans e planeadoras, pero o selo de lacre do Ministerio de Xustiza xa caera sobre o papel.

Despois de facerse un sitio nos corazóns de policías, fiscais e xornalistas, o da Merca tivo que partir ó exilio, a Mataró, un xulgado insulso onde non podía aprehender 20.000 toneladas de cocaína ó ano. Moitos pensaban que xa Taín era un apelido para a hemeroteca. Non podían estar máis confundidos. O maxistrado tomou aire e, como nunha competición de triplo salto, chimpou de Cataluña á Estrada, de aí á Coruña e, nun último e vigoroso impulso, a outro xulgado de instrución: o de Compostela. Nun barrio aburrido e presuntamente decadente como é Fontiñas, a José Antonio Vázquez Taín esperáballe a diversión.

| EFE

| EFE

Non pasaran aínda tres meses dende a súa chegada ó xulgado cando a Taín lle tocou investigar un dos delitos máis enxebres dos últimos tempos: o roubo do Códice Calixtino. Descoñezo como foi a escea na que o xuíz, despois de meses de investigar posibles ladróns de arte a nivel internacional ou Snowdens dentro da Catedral de Santiago, irrumpe no garaxe de Manolo “O Electricista” para descubrir a base de toda a lenda do Camiño dentro dunha bolsa de Gadis; pero a bo seguro merece pasar á historia da xudicatura. A visión da Historia Turpini repousando canda sacos de Fertimón significou para o maxistrado un punto de inflexión na súa carreira e o inicio dunha traxectoria, esperemos, gloriosa na literatura con La leyenda del santo oculto.

A visión da Historia Turpini repousando canda sacos de Fertimón significou para o maxistrado un punto de inflexión na súa carreira

Foi, non obstante, 2013 o ano da súa definitiva coroación neses altares que sempre hai a carón das rotativas. O misterioso asasinato da nena que “voaba” convertiu o plano de José Antonio Vázquez Taín entrando no seu coche ó xulgado de Fontiñas nun must dos informativos televisuais desta década. Ó igual que un dos candidatos á famosa lotería extraviada da Coruña aseguraba ter babado o boleto millonario, Taín afirmaba, unha vez levantou o segredo, que o sumario tiña unha marca de auga a proba de filtracións, para poñerlle o colofón a unha instrucción levada cunha maxistral e proverbial discreción.

Todo o mundo aposta a que, se Beatriz Sestayo ó volante non o impide, a próxima parada do “Robin Hood de Vilagarcía” está nese trepidante tribunal chamado Audiencia Nacional, nunha carreira xudicial (dende as Rías Baixas ata a arquicoñecida gaiola de cristal da Audiencia) na que todo parecido con outro maxistrado é mera coincidencia.