Edward Snowden, o home que sabía demasiado

“Eu xa gañei. No momento no que os xornalistas se puideron poñer a traballar, todo o que tentei facer pasou a ser válido.”

Edward Snowden

O curso dos ríos de tinta confirma as sospeitas. Snowden pode darse por satisfeito. Catro ordenadores portátiles e unha memoria USB bastaron para destapar a caixa dos tronos e desatar en todo o mundo unha auténtica cicloxénese explosiva a nivel diplomático, mediático, institucional e social.

Alá polo 2004, o mozo Snowden ingresaba no exército do seu país co ánimo de chegar a formar parte das Forzas Especiais. A fractura de ambas pernas durante un adestramento afastaríao do seu propósito e levaríao a un emprego como garda de seguridade nunhas instalación secretas da intelixencia estadounidense na universidade de Maryland. Finalmente pasaría a traballar para a CIA como experto en seguridade informática. É aquí cando, durante a era Bush, Snowden comeza a observar prácticas irregulares por parte da NSA. Estas siglas, ata agora descoñecias para o común dos mortais, corresponden á Axencia Nacional de Seguridade estadounidense. Tal institución, creada polo expresidente Truman en tempos da Guerra Fría, encárgase de salvagardar a información vencellada aos servizos de intelixencia do país, toda ela de alto segredo.

Daquela calou. Coma tantos outros. Coa chegada de Obama (ola Barack! Mellor non nos leas…), confiaba nas promesas de cambio. Coma tantos outros. Pero ao velas frustradas, a diferenza dos demais, decidiu erguerse. Escolleu como base de operacións unha habitación de hotel en Hong Kong. Alí dedicou o pasado mes de maio a preparar movementos e manter contactos con xornalistas. Finalmente, o pasado 7 de xuño, o británico The Guardian e o estadounidense Washington Post revelaban o escándalo.

Estados Unidos leva a cabo unha espionaxe masiva a nivel global. Todo isto, coa colaboración de Google, Facebook, Apple , Skype e tantas outras. Estamos atrapados nunha rede de control da que non podemos escapar. Temos o inimigo na casa e nin nos demos conta.

E no medio da escea, coa poboación mundial no papel de Winston e O’Brien mentres Snowden declara en vídeo dende Hong Kong, Estados Unidos inicia a persecución. O novo inimigo público desaparece do mapa, non sen a inestimable axuda de Wikileaks e da xornalista Sarah Harrison. O 25 de xuño, Vladimir Putin confirma a súa presencia na zona internacional do aeroporto de Moscú. A efectos legais, en ningures.

Dende entón, son varios os Estados que recibiron peticións de asilo político. Entre eles, o español, que a denegou por considerala “xurídicamente inadmisible”. Malia todo, a principios de agosto, saltan as alarmas pola suposta presenza de Snowden no avión do presidente boliviano Evo Morales. Isto desata unha crise diplomática que da boa fe da influencia na actitude dos países europeos dos intereses do Goberno dos Gobernos. E, o mellor de todo, Snowden nin sequera estaba alí. O día 1 daquel mesmo mes abandoara o seu refuxio aeroportuario e entrara en territorio ruso. Está autorizado a permanecer alí por tempo dun ano. Despois, deberá procurar asilo nalgún outro país que garanta a súa non-extradición. No caso contrario, o seu regreso a Estados Unidos viría acompañado de serias consecuencias.

edward-snowden-9

Cales son as verdadeiras consecuencias de que Snowden abrise a caixa dos tronos? A efectos prácticos, que cambiou? Agora o mundo enteiro está máis concienciado, pero esto é útil máis aló de para vivir asustados e sentíndose un personaxe de 1984? Podemos diferenciar dúas clases de consecuencias: as relacionadas co mundo empresarial e as xurídicas.

No mundo empresarial, as principais compañías tecnolóxicas están algo enfadadas. Por que? Porque esto é mala publicidade para elas. Que a cibervixilancia sexa ou non legal e moral tráelles sen coidado, pero agora que isto se sabe teñen un verdadeiro problema de imaxe. Tan grande que xa perderon o 10% dos clientes do estranxeiro. Case nada. Por todo isto están creando un lobby (ou iso queren facer crer) para protestar en conxunto contra estas prácticas.

Por outra banda, en xullo xa apareceron as primeiras acusacións populares contra este sistema de cibervixilancia, e foi este mes (hai menos de 15 días) que dous xuíces se pronunciaron ao respecto:

Richard Leon dictaminou hai dúas semanas que a espionaxe da NSA é ilegal. Esta sentencia é unha boa sinal de esperanza. Pero no lado negativo, hai tres días un xuíz de New York declarou legal “con matices” a cibervixilancia. Este desacordo é un paso cara o Tribunal Supremo americano, que será en última instancia o que decida. O resultado proximamente nos vosos ordenadores, e actualmente nas vosas mans.

Artigo escrito por Aida González e Adrián Lijó