Baloncesto como agasallo de Nadal

Hai uns días soaba o asubío final nos estadios de Balaídos e Mestalla, pechando o pano do fútbol de elite en España ata 2014. Os afeccionados quedamos con ganas de máis, xa que o Nadal invita a comer e a disfrutar coa familia, pero tamén a ter tempo libre que se pode encher vivindo deporte do máis alto nivel. Porén, parece que Roures e Astiazarán seguen coa súa idea de espantar aos afeccionados dos estadios de fútbol. Por iso chega a hora de falar dunha competición que non para, e que tenta reflotar nestas datas o prestixio e o atractivo perdido nos últimos tempos: A Liga Endesa.

Dende hai uns anos, a Liga Endesa intenta aproveitar o baleiro que deixa o fútbol español durante a época do Nadal para recuperar o atractivo que perde cada fin de semana. A falta duns horarios fixos, e tendo en conta que o deporte rei remata acaparando todas as franxas horarias, paréceme unha iniciativa positiva que funcionou con maior ou menor éxito nos últimos anos. Con esta medida tamén se tenta enganchar a aqueles nostálxicos do Torneo de Nadal do Real Madrid, ese que se desputaba con algúns dos mellores equipos europeos. A ACB busca dende o ano pasado chamar máis a atención programando un clásico (Madrid-Barça) para estas datas. E este ano, para sumar emoción, haberá dúas xornadas.

A Liga Endesa ofrecerá dúas xornadas interesantes. Ademais, a cobertura televisiva de TVE parece que estará á altura.

Ademais da iniciativa da ACB, tamén podemos falar ben do dispositivo que a Televisión Pública porá en marchar para estas xornadas festivas de baloncesto. Televisión Española, na súa canle Teledeporte, prepara un especial que combina dous partidos en directo (o día 27 Joventut-Real Madrid e o 29 o clásico) xunto con varios partidos históricos de grande emoción. Así, TVE apostará con decisión por este deporte, nunhas datas onde a televisión se alimenta de reposicións e de programas propios do Nadal de calidade dubidosa. Por iso, e tendo en conta todos os bandazos que a televisión pública leva dando co baloncesto, debemos aplaudir esta iniciativa.

O clásico volverá a ser o prato forte da ACB neste Nadal - ©20 Minutos

O clásico volverá a ser o prato forte da ACB neste Nadal – ©20 Minutos

O problema é que no extremo contrario da balanza debemos colocar moitos argumentos que fan que o produto da ACB interese pouco. Por desgraza, a crise de patrocinadores e a falta de axudas lévannos a unha Liga Endesa con certa falta de competitividade e onde aparece un único favorito por enriba do resto: O Real Madrid. A perda de presuposto de grandes como Baskonia ou Unicaja, xunto coa mala confección do equipo do Barcelona, fan que os de Pablo Laso gañaran todos os encontros ata o día de hoxe. Quizais, o Valencia sexa a sorpresa e o único equipo que se mostrou preto do nivel dos merengues.

En certo modo estes son problemas comprensibles, pero hai outros que van un pouquiño máis alá do surrealismo. Sen ir máis lonxe, o domingo demostrouse que a ACB debe modernizarse e recorrer á tecnoloxía como fan outras grandes ligas como a NBA. Foi no partido da Fonteta entre o Valencia e o Madrid, nunha acción na que os árbitros non viron que Satoranský e Rudy Fernández fixeron méritos de sobra para ser expulsados. As cámaras de televisión mostraban unha ducia de repeticións diferentes onde se observaba claramente o incidente, pero como o árbitros non poden facer uso delas na mesa os dous continuaron xogando. E isto, tendo en conta que o público xa está acostumado a algo máis como na NBA, non axuda.

As xornadas no Nadal non poden agochar todos os problemas dunha liga que perdeu interese. Así, moitos preferirán desfrutar nestas datas da NBA ou do “Boxing Day”

Por todo isto a ACB ofrece unha alternativa interesante, pero quizais o espectador medio decídase pola NBA (con partidos a boas horas varios días) ou polo Boxing Day da Premier. Alí, no día de hoxe xóganse o liderado 5 equipos. E todos comezarán o encontro a mesma hora. Iso si que é emoción e non xogar un luns as dez da noite en Valladolid. Aínda así, a ACB é unha boa opción, pero só o tempo e as audiencias porán a realidade no seu sitio. De momento, seguimos no tempo da especulación. O que está claro é que o Nadal tamén é un bo momento para disfrutar do deporte en familia. Agora, que cada un que elixa o que máis lle apeteza.