Obradoiro CAB: Volta ao realismo

Tras un tempada cargada de soños no Multiusos Fontes do Sar, a vida do Obradoiro CAB volta á normalidade. O equipo de Moncho Fernández tocou o ceo coa clasificación para os playoffs hai uns meses, pero tras as baixas do verán e a reestructuración do equipo parece que a nova campaña non vai ser tan positiva. O obxectivo volta a ser a permanencia e unha soa vitoria en cinco partidos, sumada ás sensacións mostradas polo equipo, invitan a pensar que este ano parece complicado aspirar a máis.

Polo de pronto, en Compostimes chega o momento de analizar o novo Obradoiro coas súas fichaxes, así como de facer unha primeira valoración dun comezo de campaña algo decepcionante

Vassilis Xanthopoulos, unha das fichaxes máis destacable do equipo, xogando coa selección grega | ©Espacio Liga Endesa

Vassilis Xanthopoulos, unha das fichaxes máis destacables do equipo, xogando coa selección grega | ©Espacio Liga Endesa

Os cambios no equipo

Bases

Vasilis Xanthopoulos (29 anos): Chega a Sar para facer a esquecer a Andrés Rodríguez, algo que polo de pronto parece bastante complicado. É a súa primeira experiencia fóra do seu país, onde chegou a xogar no Panathinaikos aínda que fose de forma testemuñal. Non é un gran anotador, pero vén coa etiqueta de ser un defensor físico, algo necesario para un equipo que sitúa o seu punto de partida na intensidade defensiva.

Iñaki Sanz e Xanthopoulos chegan para substituír a Andrés Rodríguez e a Jorge Sanz

Rafa Luz (21 anos): Segunda tempada en Santiago para o base brasileiro. De momento está levando máis peso na dirección que o ano pasado, aínda que o seu papel en principio está reservado ó de segundo base do equipo.

Iñaki Sanz (29 anos): Vello coñecido da afección do Sar, xa que estivo en Santiago durante un mes e medio para cubrir a baixa de Andrés Rodríguez. En principio é un luxo como terceiro base, xa que é un xogador con grande experiencia e capacidade de adaptación. Ata o de agora disfrutou de moi poucos minutos.

Corbacho está chamado a ser o líder do equipo | ©Baleares Sport

Corbacho está chamado a ser o líder do equipo | ©Baleares Sport

Escoltas:

Alberto Corbacho (29 anos): Hai un ano, o mallorquín completou un campaña tan incrible como a do seu equipo. Debe ser un referente tras converterse nun dos mellores encestadores de longa distancia da liga Endesa no pasado ano, o cal o levou a ser chamado por Orenga para xogar con España. Porén, o seu acerto non está sendo excesivo neste comezo de tempada. Cando recupere o nivel, está chamado a ser o xogador referencia de Obradoiro.

Ben Dewar (32 anos): Experiencia, versatilidade e boa defensa. Dewar converteuse nun dos comodíns de Moncho Fernández durante a pasada campaña. O norteamericano quedouse en Sar por eses motivos e debe ser un xogador básico nas rotacións do alquimista de Pontepedriña. Ao igual que o resto de exteriores, non estivo moi acertado no comezo de liga

O Obradoiro mantén a todos os xogadores nesta posición coa excepción de Buford, un xogador sen demasiada sorte en Santiago. Scott debería mellorar os seus números

Pavel Pumprla (27 anos): Foi unha das sensacións na súa primeira experiencia en Santiago. Chegaba como un xogador de perfil baixo, pero converteuse en imprescindible pola súa intensidade e traballo defensivo. Non ten un gran tiro exterior, pero coa súa altura pode postear e aportar en ataque. Por todo iso, e tendo en conta o espírito do equipo do Obradoiro, ten que ser un xogador tan importante ao longo do ano.

Durand Scott (23 anos): Chega para ocupar un posto gafado nos últimos anos. Nin Ebi Ere, nin Buford renderon como se esperaba no Río Natura Monbús, polo que unha mínima aportación de Scott será moi ben recibida. Chega do baloncesto universitario norteamericano e é unha das incógnitas por despexar. Ata o de agora non se pode emitir un veredicto claro.

Nick Minerath é o recén chegado que mellor está funcionando ata o día de hoxe | ©Twitter persoal do xogador

Nick Minerath chega tras unha longa historia de superación | ©Twitter persoal do xogador

Pívots:

Mike Muscala (22 anos): Ten que ser o referente interior. Chega despois de ser un dos destacados na liga universitaria norteamericana. Elixido no draft polos Mavericks no posto 44 (aínda que os seus dereitos pasaran aos Hawks) parece que ten que erixirse como o dono da pintura no Sar. En ataque ninguén dubida do seu rendemento, pero quizais debe aplicarse algo máis en defensa. Aínda así, quizais sexa o xogador máis importante neste comezo de tempada.

Nick Minnerath (24 anos): Chega cunha historia moi particular detrás. Primeiro, superou unha adicción ás drogas durante a adolescencia e despois tivo que superar unha grave lesión de xeonllo. Pívot intenso e de gran capacidade atlética, pero que ten que demostrar algo máis de continuidade e de cabeza nos momentos clave.

Mario Delas (23 anos): Internacional croata que chega cun gran bagaxe no baloncesto europeo. De feito, ata xogou minutos na Euroliga. Foi unha gran promesa en categorías inferiores, pero necesita un gran ano para reflotar a súa carreira. Santiago podería ser ese trampolín.

O xogo interior de equipo sufriu unha profunda revolución. E polo de pronto parece que os novos non fan esquecer a Hummel, Mejri e Kendall

Oriol Junyent (37 anos): Experiencia e fiabilidade, iso é o que pode aportar Oriol. É o capitán do equipo e o gran buque insignia de vestiario. Leva en Obradoiro dende que regresou a elite e a súa labor é importante no campo (aportar minutos de calidade) pero tamén fóra de el (axudar no crecemento e na adaptación de dous pívots novos que teñen que ser decisivos).

Miki García Stobart (27 anos): É o último na rotación pero sempre estará disposto a saír. É do agrado do corpo técnico entre outras cousas pola súa intensidade na pista e nos adestramentos.

Moncho Fernández terá que realizar novos axustes para que o equipo non pase apuros | ©Deportes Online

Moncho Fernández terá que realizar novos axustes para que o equipo non pase apuros | ©Deportes Online

Cinco partidos, catro derrotas

As sensacións no comezo da campaña de Obradoiro son de todos menos positivas. O equipo de Moncho Fernández é un equipo en construción, e iso nótase nos momentos claves de xestión do encontro e en que o equipo parece que perde a intensidade por momentos.

En xeral, dende que Moncho Fernández ocupa o banco do Obradoiro, as análises dos partidos acostuman a comezar pola defensa. E esa intensidade defensiva que tanto lle deu o ano pasado ao equipo, parece que desaparece en certas fases dos encontros. Un exemplo claro foi en Tenerife, onde o Río Natura Monbús chegou a perder de vinte puntos a falta de oito minutos. Axustando a defensa, os galegos quedáronse a unha canastra de levarse o encontro.

Os problemas fundamentais atópanse na falta de continuidade da intensidade defensiva, así como na mala xestións dos minutos importantes do encontro

O outro problema está na adaptación das fichaxes. Quizais o Obradoiro perdeu calidade, pero non pode depender única e exclusivamente da antiga garda para levarse os partidos. En Fuenlabrada, na única vitoria, o éxito cimentouse neles e iso pode dar para vencer un día, pero non todos como se observou neste comezo de tempada. Do mesmo xeito, tamén é destacable que os santiagueses non sumaran ningunha vitoria nalgún dos partidos nos que tiveron un final axustado.

Por último, un dos aspectos máis preocupantes é que ningún dos rivais cos que perdeu Obradoiro era de gran entidade. De feito, algúns son equipos que estarán abaixo na clasificación como Obradoiro. Polo tanto, urxe un cambio de chip e unha aceleración do período de adaptación para que o equipo de Moncho Fernández comece a carburar. Senón, a tempada vai ser moi longa e a permanencia pode poñerse moi costa arriba.