O “boom” das carreiras populares

Vivimos nunha sociedade cada vez máis acostumada a correr. Corremos para coller o bus, corremos (demasiado) co coche, corremos para chegar a clase, ao traballo, ás actividades, corremos porque non nos dá tempo a facer todo o que temos que facer. Cada vez paseamos menos para gozar do aire libre e corremos máis. E agora tamén corremos por afección, por deporte, por poñernos en forma, por baixar uns quiliños, por estar sans ou simplemente “por facer algo”.

Aínda así hai quen necesita ter retos para seguir correndo e animarse cada día a seguir. Co fin de poñer retos á xente, animalos a correr máis e premialos por un día competindo contra a xente que ve acotío nas rúas, no ximnasio ou polo monte naceron as carreiras populares. E estas, estanse a converter coma eses parques con aparatos para que a xente maior faga algo de deporte, que cada concello ten unha ou varias, e case non hai ningún que non teña. A Coruña, Compostela, Xermade, Vigo, Ourense, Padrón, Baiona, Camariñas, Ames, Teo, Ordes, Lugo, Xinzo, Ferrol, Mugardos, Tordoia… teñen todas a súa propia.

As carreiras populares son aquelas probas que xeralmente rondan os 10 km, cunha variación que oscila entre os 6 e os 15. A superficie na que se corre pode variar, xeralmente é na calzada da estrada da vila ou cidade, pero tamén poden ser campo a través, en chan empedrado, etc. Nelas a inscrición é universal, calquera persoa pode apuntarse e correr, e xeralmente o tempo (e que non se atalle) mídese co recoñecemento dun microchip que vai atado na zapatilla. Xeralmente cada carreira popular vai acompañada doutra de menor recorrido para rapaces. A gran motivación nestas carreiras é sen dúbida a gran cantidade de xente que anima aos corredores nas rúas, o cal favorece moito no apoio moral.

A inscrición nas carreiras populares é universal, pois calquera persoa pode apuntarse a correr

Quizais o feito da súa sinxeleza, xa que con ter unha roupa e un calzado axeitado é suficiente fan que este deporte cada vez teña máis seareiros. Conta disto, ademais de carreiras populares puntuais en moitas cidades están proliferando os circuítos das mesmas, coma o CorreSan de Compostela ou o Coruña Corre, onde cada certo tempo, xeralmente cada quince días, leva aos corredores a correr por diferentes barrios ou zonas da cidade.

Quen corre?

A lista de corredores dunha carreira popular pode ser do máis heteroxéneo. Xente de tódalas idades e de ambos sexos. Pero sen dúbida hai tres grupos diferenciados de xente que corre este tipo de carreiras:

-Os atletas profesionais: Xente coma Lolo Penas, Alejandro Fernández, Pedro Nimo, Patricia Mendes, Paula Mayobre ou Andreia Santos, que soen impoñerse nestas carreiras xa que están habituados a correr en probas de nivel nacional ou internacional. A súa simple presenza nestas carreiras populares tenta ser un reclamo para que acudan outros públicos.

Lolo Penas, gañando unha carreira popular | Foto: novomesoiro.es

Lolo Penas, gañando unha carreira popular | Foto: novomesoiro.es

-Atletas amateurs: nesta clasificación pode incluírse a xente que segue un ritmo medio de 4 minutos por quilómetro, sendo aqueles que teñen como divertimento diario o running e, debido a iso, están nun excelente estado de forma, o que lles permite obter grandes resultados nestas carreiras e non rematar moi por detrás dos profesionais.

-Corredores esporádicos: aquí sitúase a xente que realiza exercicio físico máis ou menos periodicamente e que ten como único obxectivo chegar vivo á meta. A pesar disto moitos son os que abandonan a metade de traxecto.

Que é necesario?

O único basicamente necesario para poder correr é ter unhas zapatillas de deporte e roupa deportiva. Dentro disto a gama é moi ampla, tanto dentro da roupa coma do calzado. Unhas zapatillas de deporte poden valer entre vinte ou máis de cen euros, mais son necesarias unhas que teñan certa calidade e que aseguren ben o chanzo, para evitar así lesións ou doenzas posteriores. Unhas desta calidade poden roldar os sesenta euros.

Despois na roupa está basicamente a comodidade de cada quen. Na maioría de carreiras populares o habitual é regalar coa inscrición unha camiseta para favorecer a vistosidade da proba, a cal soe ser bastante cómoda. Logo para gustos pintan cores, hai xente que prefire levar mallas, pantalóns curtos, etc. Imprescindible é tamén o microchip que vai atado nos cordóns da zapatilla. Na maioría de carreiras este é propiciado pola organización gratuitamente ou pagando un pequeno plus, pero pode mercarse un persoal co que acudir a tódalas carreiras.

Obxectivo?

Aparte de que moitos políticos o que buscan é unha foto máis para saír ao día seguinte no xornal entregando os trofeos, a intención teórica con estas carreiras é ofrecerlle ó cidadán espazos para fomentar unha vida san e saudable, aínda que tamén se acaban convertendo nun gran espazo publicitario para marcas de roupa deportiva, bebidas, etc.

O obxectivo teórico destas carreiras é ofrecer ao cidadán espazos para fomentar unha vida san e saudable

Pode que as carreiras populares sexan tan só unha moda, pero cando menos é unha moda bastante saudable e canta máis xente as siga máis se fomentará a vida san.

Foto de portada: Saída da Coruña10 2013, El Ideal Gallego