Aprendendo da aldea… global

A mediados do século XVII, era frecuente que os mozos británicos de familia acomodada completasen a súa formación co que entonces se coñecía como “Grand Tour”. Precursora do turismo tal e coma se coñece a día de hoxe, a didáctica viaxe percorría diversos lugares do vello continente. Prestando especial atención a Francia e Italia, o trazado podía prolongarse por países coma Bélxica, Austria, Holanda ou Suíza, completando así un catálogo de diversos escenarios culturais e xeográficos. Durante a extensión da mesma —variable dende cuestión de meses ata incluso varios anos— os protagonistas familiarizábanse coa historia da Arte, a filosofía, os diferentes idiomas, a xeografía e a cultura clásica. Asemade, ampliaban a súa visión global ao entraren en contacto coas diferentes sociedades e costumes. Tal experiencia era moi positivamente valorada e aceptada dado o nivel de aprendizaxe que chegaba a proporcionar.

Fotografía -Elena Sardiña.

Yes, we’re open! | ©Elena Sardiña.

Cinco séculos despois, é curioso contemplar como cambiou a nosa visión do asunto. Atopámonos xusto no momento histórico no que máis se evidencia a necesidade de formar cidadáns do mundo. Porén, as apreciacións ao respecto non se adoitan elevar máis alá da categoría de tópicos típicos. “Esa bolsa é unha excusa para prolongar a festa todo un ano”, “se non queren estudar, ben están en Inglaterra fregando pratos”, “se marchan é para salvaren asignaturas que aquí non aprobarían na vida”…

Vaiamos por partes. Por unha banda, as universidades europeas adscritas a certos programas teñen a posibilidade de proporcionar ao estudante novos métodos e enfoques diferentes aos dunha España fiel ao seu posto na retagarda do informe PISA. O mesmo acontece con determinados postos de traballo cara ao público máis alá da fronteira, capaces de deixar en evidencia aos resultados do máis intensivo dos cursos intensivos de aprendizaxe de tal ou tal outro idioma. Pero non só é iso.  Viaxar é vivir, e a vivir apréndese vivindo. A integración nunha nova cultura, o ter que se apañar nun idioma alleo e a convivencia diaria con persoas de diferentes nacionalidades e costumes son competencias clave á hora de formar a verdadeiros protagonistas dun futuro para esta Aldea Global á altura das circunstancias. E isto non se reduce a unha mera hipótese. Abonda retroceder un século para topar co exemplo daqueles estudantes que saían dos territorios colonizados para efectuar os seus estudos na metrópole. Si, eses mesmos aos que a un novo enfoque lles redescubriu os valores de seu, permitíndolles encabezar o proceso de descolonización. Sería un erro reducirmos un concepto tan amplo coma o da formación ao requisito de cumplir cun deseño curricular X deseñado ao gusto do capricho aleccionador da lexislatura de turno. Elaborar pouco a pouco o propio rumbo recorrendo á experiencia adquirida e aos estímulos da curiosidade e do instinto de supervivencia pode resultar bastante máis produtivo para a persoa que a acumulación de créditos a base de quentar o asento en seminarios e interactivas.

Elaborar pouco a pouco o propio rumbo recurrindo á experiencia adquirida e aos estímulos da curiosidade e do instinto de supervivencia pode resultar bastante máis produtivo para a persoa que a acumulación de créditos a base de quentar o asento en seminarios e interactivas.

 Fotografía: Elena Sardiña.

Vista do río Main dende un dos tranvías de Frankfurt. | © Elena Sardiña.

Voltemos ao exemplo do Grand Tour. Daquela, acadado un determinado momento da viaxe, o mentor acompañante abandoaba ao seu pupilo nalgunha gran cidade, tal coma París ou Nápoles, para que el mesmo continuase o seu percorrido pola súa conta, coma mostra de confianza nos preceptos ensinados previamente.  O mesmo debería suceder con nós. Chegados a un certo punto, tras anos bailando ao compás da interminable sucesión de leis educativas ultraeficaz-galáctico-supremas, convén deixar atrás os parámetros restrictivos das mesmas e abrir as ás. Deixar de planear e comezar a voar. Que para algo están feitas.