Contos de fadas con verdugo incluído

Nacemos entre a década final do século XX e os albores do século XXI. Medramos nunha suposta igualdade. Tivemos compañeiros e compañeiras nas aulas. Escasas limitacións á hora de case calquera cousa por mor do noso sexo. Aínda así, continuamos a repetir actitudes e comportamentos machistas máis propios doutras épocas. A violencia contra a muller, unha das peores lacras sociais do noso tempo, perpetúase nas xeracións máis novas.

Datos estarrecedores para o século XXI

violencia contra a muller imaxe-6

No 2011, a Universidade Complutense realizaba en colaboración co xa desaparecido Ministerio de Igualdade, un estudo co título de Igualdad y prevención de la violencia de género en la adolescencia y juventud. Os resultados son aterradores. Un 32,1% dos adolescentes, o que supón un de cada tres, corre o risco de se converter nun maltratador. Un 4,9% das adolescentes menores de 17 anos, xa foi vítima dalgún tipo de violencia, ben física ou psicolóxica, por parte das súas parellas e un 18,9% podería sufrir unha situación de maltrato por parte de alguén do sexo oposto, xa que xustifica o sexismo e a agresión como forma de enfrontarse aos conflitos.

No 2012 decidiuse realizar o mesmo estudo, esta vez, a universitarios e universitarias. Os datos non foron mellores. Un 11% dos estudantes universitarios admitiu ter exercido  malos tratos (insultos, humillación, control ou agresión) e, desta porcentaxe, outro 11% afirmou telos realizado en máis dunha relación. Nas mulleres, como era de esperar, os datos son semellantes, mais á inversa. Un 12% das rapazas sentiuse obrigada a condutas sexuais nas que non quería participar. Un 10% viu como a súa parella a afastaba das súas amizadas. Un 8% viviu nalgún momento unha situación de control ata o mínimo detalle. Un 6% foi insultada con frecuencia e un 4% recoñeceu que a súa parella chegou a agredila. Porén, só un escaso 1,5% das chamadas que recibe o 016 – o teléfono do ministerio de atención a mulleres maltratadas e que non deixa rastro na factura- son de estudantes.

Outros estudos reflicten como os adolescentes e as adolescentes non son quen de recoñecer os síntomas propios dunha relación enfermiza. Incapaces de  recoñecer a violencia de xénero, os ciumes son vistos por moitas adolescentes como mostras de amor incondicionais. A miúdo, dependencia e  control son confundidos con amor. A secretaria nacional de Muller e Mocidade da CIG, Margarida Corral Sánchez,  comenta que  “as adolescentes non son quen de detectar as actitudes da violencia de xénero, non falan dela como tal, senón que creen que son problemas coa súa parella”. Non podemos esquecer que a violencia contra a muller adopta na adolescencia formas máis sutís ás habituais. Un feito que a fai máis difícil de detectar.

Formas máis típicas de violencia contra a muller na adolescencia.

Nesta etapa da vida, os golpes non son tan comúns como si o son as descualificacións, humillacións, ameazas, chantaxes e o terríbel control. Neste sentido, as novas tecnoloxías xogan un papel moi relevante. Non só facilitan, coma é de supor,  o  propio control, senón que ademais son unha vía extraordinaria para as demais formas de violencia. Deste xeito, na maioría dos casos as agresións limítanse ao psicolóxico. Mais non se debe relegar a un segundo plano a aquelas adolescentes que foron asasinadas polas súas parellas. Poucas, mais importantes. O ano pasado, unha nena de trece anos morría a mans da súa parella, moito maior que ela. Este mesmo ano, catro foron os casos. Unha estudante de León foi esganada polo seu mozo. Outra de 26  anos foi acoitelada en Álava. Unha terceira, que conseguiu sobrevivir, acudiu ao hospital con cortes no torso realizados pola súa parella, a quen tentou encubrir en todo momento. A cuarta coñeciámola hai só uns días, unha rapaza de catorce anos era asasinada polo seu noivo en Tárrega (Lleida).

A causa máis social.

A violencia contra a muller, como pandemia que é, afecta de xeito transversal a toda a sociedade. Os máis novos e novas, malia recibir unha educación diferente á de xeracións  pasadas, repiten de xeito sistematizado roles e actitudes que reflicten un grao de machismo demasiado elevado para o século XXI. Unha das causas a ter en conta é a  existencia de numerosos referentes na nosa sociedade que transmiten valores machistas. Cancións, anuncios publicitarios, libros como “Crepúsculo” ou “50 sombras de Grey” reflicten unha visión do amor nociva demais para calquera persoa. Margarida Corral  non dubida en afirmar que “son moitas as mensaxes da sociedade que empregan referentes con mensaxes machistas: desde as letras de cancións, pasando por anuncios publicitarios, películas, programas da televisión, até as imaxes das revistas, seguen amosando mulleres obxecto, controladas e sometidas polos homes”.

A adolescencia é unha idade especialmente vulnerábel. A personalidade aínda se está a formar, polo que os rapaces e as rapazas están na procura constante de referentes. Infelizmente, tanto eles coma elas continúan a se guiar por roles machistas.

violencia contra a muller - imaxe 7

Tres fases dun (non) amor.

Neste tipo de relacións sempre se dan tres fases que pasan por unha idílica, que sería a primeira, outra tormentosa con agresión físicas e verbais e, finalmente, unha terceira na que a relación volve ao inicio, á primeira etapa.

Así, a primeira fase é a da sedución, seguida doutra na que se dá unha acumulación de tensión moi forte. Neste punto é cando xorden unha serie de conflitos, comentarios e actitudes hostís que se canalizan por medio da violencia verbal. A muller síntese insegura e confundida. Habitualmente tenta tapar ao agresor. Xustifícao e négao. Coa negación aparece a culpabilidade. A segunda fase iníciase coas primeiras agresións moi fortes psicoloxicamente e que poden chegar a ser físicas. A muller adoita ser plenamente consciente do que está a acontecer. Porén, non sabe pedir axuda. Os seus sentimentos oscilan entre a vergoña e a culpabilidade. A terceira fase é coñecida como a “lúa de mel”. Ten lugar cando o maltratador se decata de que chegaron a un punto no que a súa parella pode abandonalo. Comeza entón un suposto arrepentimento, pide axuda á súa parella, volven ao primeiro momento e ela síntese na obriga de axudalo. Nestas relacións, sempre se dá unha manipulación moi forte da linguaxe por parte do agresor.

Luces e sombras da lei penal que protexe ás mulleres maltratadas.

No tocante á  lei penal que protexe ás mulleres maltratadas, esta ten tanto aspectos positivos coma negativos.  Estes últimos derivados principalmente da falta de medios. Faltan casas de acollida, persoal tanto na policía coma nos operadores xurídicos, axudas económicas para as mulleres que se ven forzadas a abandonar as súas casas e que non teñen ingresos para se manteren elas mesmas, e faltan tamén psicólogos e psiquiatras que as axuden a recuperar a conciencia da dignidade que como persoas teñen e que perderon. Faltan moitos medios e continuarán faltando. O goberno estatal recortou un 21% en programas de prevención e un 18% en políticas de igualdade, mais pretende que non se note de cara á sociedade. A partir de agora, non contabilizarán nas estatísticas de violencia de xénero aquelas mulleres que non pasen un mínimo de 24 horas no hospital.

Alén diso, a avogada  Sara Carou asegura ademais que “ás veces o propio proceso penal pode resultar intimidatorio para a vítima, pois debe relatar ante estraños (xuíz, avogados, fiscal…) vivencias moi íntimas e dolorosas. Moitas veces están nun estado psicolóxico que non lles permite dar un relato coherente do acontecido: mesturan episodios pasados con feitos acontecidos recentemente, culpabilízanse da agresión (empregan frases do estilo `eu non tiña feita a cea cando chegou e golpeoume por iso´). Os tempos e os modos procesuais que empregamos non axudan a que a vítima poida ordenar na súa cabeza os recordos e os detalles”.

A educación, unha das mellores fórmulas para a súa erradicación.

machismo

A chave para poñer fin á violencia contra a muller é a educación. É preciso que este tema estea incluído de xeito transversal en todas as materias e que, cando menos, nunha delas sexa tratado de xeito específico. Aínda así, a realidade dista moito deste ideal. Coa LOMCE, a nova reforma educativa do Partido Popular, a materia de Educación para a Cidadanía desaparece dos institutos. Esfúmase. Non obstante, os colexios que segregan por sexos manterán os seus concertos. E, deste xeito, o machismo seguirá a afondar as súas raíces nunha sociedade xa de por si suficientemente machista.

A presidenta de Teenses pola Igualdade, Rosa Gómez Limia, teno moi claro. Defende que “os pais deberían aprender a educar dende o berce en igualdade, esquecerse da cor rosa para nena e azul para neno, facer que compartan a partes iguais os traballos da unidade familiar, non permitir que se faga distinción na escola entre sexos… Ademais, as administracións deberían empregarse a fondo na reeducación en igualdade, investir cartos e difundir programas de axuda á igualdade, premiar aos medios de comunicación que tratan de forma ben diferente as novas referentes a homes e a mulleres”.

A violencia contra a muller no rural.

Neste punto, non debemos esquecernos das mulleres do rural. As sempre esquecidas mulleres do rural. Mozas e maiores son as grandes desamparadas neste tema. Os centros de servizos sociais quédanlles lonxe e determinados programa e proxectos dificilmente chegan a elas. Débese, por este motivo, crear unha rede de centros e persoal con vínculos co rural e no rural, co suficiente orzamento para que sexa viábel e funcione de xeito adecuado.

… que non nos vendan contos de fadas con verdugo incluído.

A violencia contra a muller, unha das peores lacras socias desta sociedade, debe ser erradicada. Para isto, é preciso educar a aqueles e aquelas que están por vir e reeducar os e as que xa están aquí. Mudar de mentalidade ao tempo que mudamos a sociedade patriarcal e fondamente machista na que vivimos.  Non permitir máis, nin na adolescencia nin en calquera outra etapa da vida, que nos vendan contos de fadas con verdugo incluído.