A “revolução dos cravos” que veu das montañas

A Transcaucasia é unha rexión do mundo condenada a ser esquecida xa dende o seu propio nome. É difícil de pronuncialo sen caer na pedantería xeopolítica, polo que as discusións de cafetería de universidade e de taxi quedan relegadas a outras rexións de nome máis atraente coma Oriente Medio. Non obstante, a Transcaucasia foi unha das rexións que máis conflitos étnicos e políticos sufriron nos últimos 25 anos, en dura pugna cos Balcáns. Nun espazo xeográfico máis pequeno co que ocupa o actual Estado español xúntanse cen grupos étnicos, corenta linguas diferentes, tres Estados recoñecidos internacionalmente —Xeorxia, Azerbaiján e Armenia, con centenarios odios entre os seus habitantes—, outros tres que non recoñece case ninguén pero funcionan de facto como Estados independentes —Alto Karabaj, Abjasia e Osetia do Sur— e un trío de grandes potencias que flanquean a zona —Rusia, Irán e Turquía—. Un cóctel xeopoliticamente explosivo.

Quizais quen achegue o licor máis forte dese cóctel sexa Xeorxia. Un país cun odio ancestral á Nai Rusia, coa que guerreou en numerosas ocasiones, unha lingua milenaria e cunhas grafías bastante recoñecibles e uns problemas políticos que deixarían a división no seo de AGE coma un problema de guardería. Para resumirmos: coa independencia do país da antiga URSS, no ano 1991, chegou ó poder Zviad Gamsajurdia, antigo resistente e fillo dun recoñecidísimo literato local. Gamsajurdia durou pouco sen que se lle subisen os aires de grandeza, polo que ó pouco tempo foi desaloxado para poñer no seu lugar, en 1992, a Eduard Shevardnadze.

Seguramente este nome non achegue ó lector galego moito máis ca un certo dor de gorxa ó pronuncialo, mais Shevardnadze é unha das personalidades políticas máis destacadas dos últimos estertores do vello Imperio Soviético. Despois de pasar por varios postos de responsabilidade na administración colonial da súa Xeorxia natal, Shevardnadze chegou a Moscova en 1985 da man dun tal Mijaíl Gorbachov. Substituía no Ministerio de Asuntos Exteriores da URSS ó vello Andrei Gromiko, que levaba preto de 30 anos no cargo. O xeorxiano foi a cara internacional da revolución que Gorbachov levou a cabo no Kremlin. Traduciu a glásnost e a perestroika na que se deu en chamar a “doutrina Sinatra”: deixar que os países satélite fixesen as cousas á súa maneira. Durante a súa etapa na chancelería perderon forza tiranos coma o checo Husák, o polaco Jaruzelski e o alemán Honecker. “É o tempo de decatarse que nin o socialismo, nin a amizade, nin a boa veciñanza, nin o respecto poden obterse mediante as baionetas, os tanques e o sangue”, adoitaba dicir Shevardnadze ante un atónito Politburó.

A corrupción foi cada vez apodrecendo máis dos engranaxes da recén nada república

Pero en 1992 xa non había URSS e Shevardnadze dirixía unha Xeorxia independente. Valéndose da súa capacidade de traballo e dos seus importantes contactos a nivel internacional, conseguiu face-la transición na república caucásica. Pero pronto cambiaron os ventos. As empresas privatizadas recaeron nos seus amigos, familiares e socios políticos; as guerras de independencia de Abjasia e Osetia do Sur —ambas xenerosamente financiadas por Rusia— consumían os recursos, o sangue e a moral xeorxiana e a corrupción foi cada vez apodrecendo máis dos engranaxes da recén nada república.

Manifestación ante o Parlamento de Tbilisi. Nótense as bandeiras da OTAN

Manifestación ante o Parlamento de Tbilisi. Nótense as bandeiras da OTAN

A mediados de novembro de 2003, hai apenas unha década, o pobo de Xeorxia cansou. A revolución foise cociñando dende os medios, cunha televisión que moitos xornalistas deberiamos ter sempre en mente: Rustavi-2. Dende 1994, ano no que foi fundada, a primeira televisión independente do país foi un auténtico dor de moas para Eduard Shevardnadze, quen, coma bo dirixente soviético, non estaba afeito a lidiar con medios de comunicación críticos. Rustavi-2 emitía dous programas nocturnos, 60 minutos O correo nocturno, que destaparon como a filla do presidente controlaba a televisión pública, como se amañaban as privatizacións, como a policía participaba do tráfico de drogas e escravos… Como centos de miles de xeorxianos se congregaban cada noite ante o aparello para ver Rustavi-2 e cada programa de 60 minutos tiña a mesma audiencia ca sete días de telediarios estatais, dende o pazo presidencial da capital, Tbilisi, empezaron a preocuparse. As numerosas empresas dos amigos de Shevardnadze retiráronlle a publicidade, creouse unha comisión de investigación sobre as actividades da emisora, crearon media ducia de xornais para difundir sospeitas sobre os profesionais de Rustavi-2, que recibía inspeccións fiscais case cada día… Así ata que, en 2001, o presentador do Correo nocturno foi asasinado. Oficialmente, foi por un lío de saias.. Dous meses despois, Rustavi-2 foi clausurada por axentes gubernamentais.

O hemiciclo revolucionario xeorxiano

O hemiciclo revolucionario xeorxiano

Esa mesma tarde, na avenida principal de Tbilisi retumbou a palabra Kmara!: abonda. Con este mesmo nome naceu unha organización estudantil co obxectivo de leva-la verdadeira democracia a Xeorxia. Pero o vello aparatchik non estaba polo labor. O seu partido desgarrouse, e del saíron moitos dos seus membros máis novos, entre eles Mijaíl Saakashvili. Unha noite de novembro, hai xa unha década, os sucesos precipitáronse. Deceas de miles de xeorxianos, convocados por Kmara e os seguidores de Saakashvili, xuntáronse ante o Parlamento. Nas mans non levaban caraveis coma os nosos veciños portugueses, senón rosas, símbolo de San Xurxo, patrón do país. As súas rosas convenceron ós fusís dos policías e militares que flanqueaban as Cortes, polo que os manifestantes entraron na casa do pobo. Alí, na tribuna de oradores, se atopaba Shevardnadze. “Usurpadores!”, berraba por un megáfono Saakashvili, á cabeza dos que invadiran o hemiciclo. O presidente tentou continuar falando, pero a marea de bandeiras brancas e vermellas, rosas e indignados que tiña á súa fronte llo impediron. Tivo que saír en brazos da súa garda persoal. Subiu Mijaíl Saakashvili á tribuna, rematou o té que o exministro soviético deixara sen rematar e proclamou como presidenta a Nino Burdzhanadze.

Nas mans non levaban caraveis coma os nosos veciños portugueses, senón rosas, símbolo de San Xurxo, patrón do país

Ó día seguinte, 23 de novembro, un canso Eduard Shevardnadze, despois de 36 anos encaramado ininterrumpidamente a un cargo público, anunciou a súa dimisión. “Que fará vostede agora?”, preguntáronlle os xornalistas, perplexos. “Agora? Irme á miña casa”, respondeu o expresidente vencido por un mar de rosas.