O perfil: Diego Costa

Tempada 2007/2008. Corren malos tempos pola Ría de Vigo tras dúas tempadas de ledicia na máxima categoría do fútbol español. Os vigueses comezan a primeira das cinco campañas de penitencia que terán que superar na Liga Adelante. Ese verán, o Celta ponse en mans de Ramón Martínez para construír un equipo cargado de xogadores cedidos de maior ou menor experiencia. Entre todos, destacan dous talentos que aínda teñen moito que demostrar: Diego Costa e Quincy. Os dous combinan calidade, inexperiencia e unha cabeza un tanto difícil. Ningún dos dous triunfou en Vigo, pero deixaron mostras do que podería ser o comezo dunha carreira prometedora. O holandés quedouse no camiño, pero Diego Costa converteuse en seis anos nun dos xogadores de moda do fútbol español. E eses seis anos foron tan duros como intensos.

Diego Costa celebra un gol en Balaídos  | ©Vavel

Diego Costa celebra un gol en Balaídos | ©Vavel

Os inicios

Diego Costa é un caso estraño no mundo do fútbol. De feito, ata os dezaseis anos, o seu contacto co fútbol limitábase a xogar coa pelota nas rúas de Lagarto, a vila brasileira onde se criou. As categorías inferiores foron algo descoñecido para el, xa que chegaría directamente ao Barcelona de Ibiuna coa única formación de vivir o fútbol na rúa. A súa primeira experiencia profesional foi no Sporting de Braga, aínda que sería cedido ao Peñafiel no 2006, onde comezaría na segunda división portuguesa.

Algo tiña que ter Diego Costa, un dianteiro loitador e que tentaba utilizar o corpo e a forza como a maior das virtudes, para chamar a atención dos dirixentes do Atlético de Madrid no mercado invernal dese ano. Costa quedaría cedido no Braga onde tivo unha actuación moi discreta. Sete partidos de liga sen anotar e unha lixeira aparición na UEFA onde marcaría ante o Parma italiano, foi o resultado na cidade do norte de Portugal. Con estas credenciais, o brasileiro presentouse no Manzanares e comezou o seu periplo por España a base de cesións que, dunha forma ou doutra, o remataron convertendo no xogador que é actualmente.

Diego Costa celebra o seu mellor gol coa camiseta do Celta, nos Pajaritos  | ©Faro de Vigo

Diego Costa celebra o seu mellor gol coa camiseta do Celta, nos Pajaritos | ©Faro de Vigo

De punta a punta de España

Diego Costa visitou Balaídos no verán de 2007. Foi no Trofeo Cidade de Vigo e daquela aínda tiña esperanzas de convencer a Javier Aguirre para quedar en Madrid. Tras unha pretempada discreta, Costa regresaría a Vigo onde marcou 6 goles en 28 partidos. O brasileiro mostrou quizais as súas dúas caras máis opostas na cidade olívica, a habilidade co balón e o pouco amoblada que tiña a cabeza por aquela época.

Todos os celtistas recordarán o día que descubrimos de verdade a Diego Costa. Foi ante o Xerez, nun dos poucos partidos tranquilos daquel ano onde o Celta gañara 3-1. No desconto, Diego Costa decidiu poñerlle máis picante ao asunto regateando a medio Xerez mentres facía xestos coas mans. A resolución foi a esperada: patada e pequena tángana que acabaría co brasileiro pelexando contra medio equipo rival antes de ser expulsado. Unhas semanas despois agrediría a Weligton en Málaga, pisándolle a cabeza no chan. Por se isto parecía pouco, despois diría que non o fixera a posta pero que o defensa malacitano “o merecía”.

En Vigo mostrou dúas caras opostas: a habilidade co balón e o pouco amoblada que tiña a cabeza

Os celtistas recordan iso, pero tamén algunhas mostras de calidade. Especialmente, o día no que foi capaz de vencer en solitario ao líder en Soria. O Celta estaba con dez e pechado atrás, pero Diego Costa foi capaz de burlar a toda a defensa local e rematar marcando o gol da vitoria celtiña. No balance final, remataría sendo pitado e pouco querido por unha afección que non puxo pegas ao seu retorno ao Manzanares. Ao ano seguinte, Costa sufriu unha nova cesión no Albacete con mellores números (10  goles) pero coa mesma madurez (catro expulsións).

Diego Costa na súa etapa en Vallecas  | ©As.com

Diego Costa na súa etapa en Vallecas | ©As.com

As seguintes cesións do brasileiro foron moito máis frutíferas. Pouco a pouco a súa cabeza foise asentando e ao mesmo tempo disfrutou dos focos da máxima categoría do fútbol español. Primeiro aterrou en Valladolid, onde acabou sendo titular indiscutible a marcando nove goles. Foi unha referencia clave no ataque pucelano, mentres os seus ataques de tolemia foron menos evidentes e continuos. Esa boa actuación fíxolle un oco a tempada seguinte con Quique Sánchez Flores no Atlético, pero con Forlán e Agüero por diante tiña moi difícil xogar algúns minutos.

En Vallecas, ao lado de Trashorras e Michu, foi onde se converteu de verdade en futbolista

Na campaña seguinte, e tras unha dura lesión en pretempada, sería cedido no mercado invernal ao Rayo Vallecano. E foi en Vallecas, nunha filosofía de club loitador e traballador, onde de verdade Diego Costa se converteu en futbolista. Ao lado de Michu e Trashorras aprendeu moito, ao tempo que se convertía nunha peza chave na salvación sobre a bucina do Rayo na última xornada ante o Granada.

Diego Costa celebra un gol no Sánchez Pizjuán ©José Pablo González

Diego Costa celebra un gol no Sánchez Pizjuán | ©José Pablo González

O Atlético do “Cholo” e a súa explosión

Tras a boa impresión en Vallecas, Costa por fin afrontaría unha tempada con garantías nun estadio máis céntrico de Madrid. Aínda así, as cousas non serían sinxelas con Falcao e Adrián por diante na rotación de Simeone. Co tempo, o Cholo rematou por atoparlle un oco na aliñación por diante do asturiano. Non foi unha elección sinxela, pero probablemente Simeone non se sinta tan identificado con ningún outro xogador do seu equipo. Costa pelexa todas, polo civil ou polo criminal, e convértese na primeira baza de presión dun equipo que marca deste xeito a súa forma de xogar. O brasileiro foi o acompañante perfecto de Radamel Falcao, a estrela do equipo, e firmaría un final de campaña excelente co consecución da Copa do Rei no Santiago Bernabéu ante o Real Madrid. Diego Costa marcou e pedía galóns ante a inminente marcha do seu compañeiro de dianteira.

Costa arrebatoulle o posto de titular a Adrián. Despois, foise convertendo nun dos xogadores máis importantes do equipo de Simeone

E eses galóns chegaron na tempada actual. Por primeira vez non foi unha pretempada incerta, e por primeira vez sería titular indiscutible, agora ao lado de David Villa. O brasileiro é o líder do ataque do seu equipo e xa suma oito goles, sendo o pichichi de primeira empatado con Leo Messi. E ademais, o seu nome comeza a soar para xogar coa selección española ou coa brasileira, coa que xa xogou un amistoso. O nove atlético deberá decidir nos próximos meses, pero se continúa neste nivel será un fixo de calquera dos dous seleccionadores na lista do mundial de Brasil.

Das rúas de Lagarto ao Estadio Maracaná podería ser o colofón a un despertar dunha carreira que estaba parada, enganchada nunha cabeza inmadura que acababa por desesperar a un xogador traballador e cargado de condicións. Unha cabeza, que ás veces ten os seus retazos do pasado como nalgún enfrontamento con Sergio Ramos, pero que parece centrada en levar ao Atlético do Cholo Simeone a loitar por obxectivos moi grandes. O Cholo manda, e o xogador co que se sinte máis identificado sempre acaba respondendo. O futuro é incerto, pero o presente de Diego Costa é máis prometedor que nunca.