As mulleres non interesan no deporte

O deporte é unha cousa de homes e só de homes. Este é o pensamento de moita xente en pleno século XXI. E aínda que non o pareza está máis estendido do aparente. Os rapaces soen ter os seus respectivos ídolos deportivos e buscan chegar a ser algún día coma Nadal, Pau Gasol, Messi, Michael Jordan, etc. As rapazas pola súa banda rara vez teñen algunha figura feminina coa que comparar a súa carreira. Pouco se escoita que unha rapaza se queira parecer a Yelena Isinbayeba, Lisa Leslie, Joane Somarriba ou Gemma Mengual, por exemplo. Isto débese a que ás rapazas non lles gusta o deporte ou a outros factores que debemos ter en conta?

Historicamente as mulleres sempre foron discriminadas no eido deportivo. Por exemplo, nas primeiras olimpíadas modernas en 1896, non puideron participar debido a que se consideraba que o deporte era “pouco feminino”. Despois dunha gran loita social nas de 1900 en París logrouse que puidesen participar 13 mulleres, fronte a máis de 1.300 homes, o que vén sendo menos dun 1%. Por sorte esta situación reverteuse e nos últimos xogos olímpicos o número de mulleres era un 46% do total de competidores e algo que debería ser normal converteuse en novidade. O equipo olímpico dos Estados Unidos pola súa parte levaba á capital británica por primeira vez máis mulleres ca homes.

“En 1900 en París logrouse que puidesen participar 13 mulleres”

Está claro que a nivel social a muller ten máis ou menos as mesmas oportunidades que un home de poder facer deporte e poder competir, pero a nivel mediático parece que o deporte feminino non é de interese para os medios e polo tanto para os espectadores. Segundo un informe do Consello Audiovisual de Andalucía a atención recibida polo deporte feminino na televisión é que por cada minuto que se fala del, fálanse 19 minutos de deporte masculino. Tamén analizou o CAA 325 telexornais deportivos e nas 24 horas de duración total tan só 44 minutos foron adicados ás mulleres. Para a mostra foron tidas en conta unha televisión pública (La 2), unha televisión pública autonómica (Canal Sur), as desconexións de La 1 en Andalucía e outra televisión privada (La Sexta).

“En 24 horas de 325 telexornais deportivos tan só houbo 44 minutos adicados ás mulleres”

Este estudo foi realizado en Andalucía pero os números poderían ser similares no resto do estado. Se xa é preocupante a situación dos deportes minoritarios, máis preocupante é a situación do deporte feminino. Se un deporte recibe pouca atención mediática vai atraer menos ao espectador, polo que para subsistir terá moitos máis problemas.

Tanto na prensa escrita como na radio e Internet a situación é moi similar á da televisión, xa que só temos noticias dos logros das mulleres ou o interese informativo enfocando a elas cando fan algo realmente excepcional. Logo están os xogos olímpicos, ese quince días cada catro anos nos que parece que se trata a todos por igual.

Noutros países, tomando como exemplo Estados Unidos de novo, as mulleres reciben un protagonismo similar ao recibido polos homes na prensa, sendo habitual que nas portadas das seccións deportivas dos xornais se fale tanto de mulleres coma de homes. Ese protagonismo dado na prensa provoca que nos deportes de base a asistencia aos eventos deportivos sexa similar se son dun ou doutro sexo. De igual maneira nas retransmisións, pois se ben é certo que os deportes que máis apoio popular reciben son os masculinos (fútbol americano, béisbol, baloncesto e hockey), as ligas femininas tamén son emitidas polas canles de TV.

Marca-waterpolo femenino

Portada do Marca o día despois de que a selección de Waterpolo feminino lograse ser o primeiro equipo feminino español campión do mundo | Fonte: marca.com

A conclusión de todo é que en España o deporte feminino está demasiado maltratado, a cobertura que se dá del é pésima, pero cando unha rapariga ou un equipo de rapazas gaña algo a nivel internacional a prensa é a primeira en sacar peito e presumir de que son españolas, esquecéndose ao día seguinte do que fixeron.

Foto de portada: Joane Somarriba. Fonte: biografiasyvidas.com