A través de Nelson Mandela (I)

“Consagrei toda a miña vida á loita do pobo africano. Combatín a dominación branca e combatín a dominación negra. Promovín o ideal dunha sociedade democrática e libre na cal todas as persoas poidan convivir en harmonía e con igualdade de oportunidades. É un ideal polo que espero vivir, ata logralo. Mais, se é preciso, é un ideal polo que estou disposto a morrer”

Discurso de Nelson Mandela durante o proceso xudicial de Rivonia, o 20 de abril de 1964.

puño destacada

eldiario.net

O ano no que rematou a Gran Guerra veu ao mundo un gran loitador. Mais as súas batallas foron ben diferentes ás que emprenderon uns Estados contra outros, uns gobernos contra outros, unhas armas contra outras. En lingua xhosa Rolihlahla quere dicir algo así como “o que crea problemas”. Efectivamente, o seu espírito rebelde causoulle numerosas dificultades, mais se por algo se caracteriza Nelson Rolihlahla Mandela (Mvezo, Unión de Sudáfrica, 1918) é por tentar darlle solución aos problemas. Ou, mellor dito, ás inxustizas.

Un pícaro thembu

Nelson Rolihlahla Mandela naceu en Mvezo, unha aldea diminuta situada ao sudeste de Sudáfrica. A súa familia pertencía ao pobo thembu, un dos que conformaban a nación xhosa. A miúdo Mandela tamén é coñecido como Madiba, nomeamento que se lle outorga por respecto ao clan ao que pertence. Aínda que naceu nunha familia que gozaba de importancia na zona, a súa infancia estivo bastante marcada pola miseria debido a diversas circunstancias.

El mesmo recoñece que de seu pai, ademais dun físico impoñente, herdou o seu carácter insubordinado e un forte sentido da xustiza. Este era un importante conselleiro real e xefe de Mvezo que, pouco despois de nacer Rolihlahla, foi destituído por desobediencia ante un dos comisarios do Goberno estatal. Xunto coa súa nai, o pequeno Mandela mudouse a outra aldea, Qunu, onde non coñeceu certos privilexios dos que gozaran seus irmáns máis vellos. Ademais, aínda que estaba ligado á familia real, non pertencía á liña de sucesión para gobernar, como se ten dito en diversas ocasións. O seu destino era o de ser, coma seu pai, conselleiro do rexente.

Dende moi novo interesouse pola historia, mais medrando nunha tribo aprendeu que o pasado de África non era como o relataban os británicos. Alí criouse coma un neno de aldea, vivindo en plena natureza e aprendendo da observación e da experiencia. Aínda así, chegou a ir á escola, onde recibiu unha educación anglosaxona, pois a cultura africana era totalmente desprezada. O Rolihlahla thembu pasou a ser o Nelson británico, nome co que o bautizou a súa mestra, quizais, segundo o propio Mandela, como unha referencia ao recoñecido almirante Lord Nelson.

Mandela, membro do pobo thembu, criouse coma un neno de aldea, vivindo en plena natureza e aprendendo da observación e da experiencia

 Un mozo de provincias

“O inglés culto era o noso modelo, aspirabamos a ser ‘ingleses negros’, como ás veces nos chamaban despectivamente (…). Ensinábannos –e nós criámolo– que as mellores ideas eran as inglesas, que o mellor goberno era o inglés e que non había homes mellores que os homes ingleses”

19 anos.travelbeat.net

Mandela con 19 anos
travelbeat.net

Coa morte de seu pai, o rexente do pobo thembu converteuse no seu protector, o que lle permitiu recibir unha educación con valores cristiáns para nun futuro converterse en conselleiro real. Estudou nun instituto de considerable prestixio dentro da poboación africana. Era un alumno espelido, cun bo equilibro entre intelixencia e esforzo. Logo accedeu ao centro Healdtown, de rango superior, onde se moveu dentro dunha ensinanza cristiá liberal baseada no modelo inglés.

“Cando abandonei Healdtown considerábame xhosa primeiro e africano despois”

Con menos de vinte anos ingresou na universidade de Fort Hare para estudar Dereito, título que non conseguiría ata moitos anos despois do previsto. Alí instruíuse dentro do movemento protestante metodista, corrente relixiosa que o marcou durante parte da súa xuventude. En Fort Hare era un mozo negro que soñaba con triunfar, pero que botaba de menos a vida no campo e non esquecía a súa natureza provinciana.

“Ser considerado no mellor dos casos unha curiosidade e no peor un intruso non é unha experiencia reconfortante”.

Coa morte de seu pai, o rexente do pobo thembu converteuse no seu protector, o que lle permitiu continuar coa súa educación

Naquela época comezou a identificarse socialmente co nacionalismo representado pola súa etnia xhosa, mais sen aínda ningún tipo de inquedanza política. Así mesmo, tomou conciencia da inxusta discriminación que recibían os negros no seu país. A súa rebeldía saíu a relucir por primeira vez na residencia universitaria, onde formou parte dun comité de alumnos e máis tarde foi membro dunha asociación de estudantes cristiáns, emprendendo diversas accións reivindicativas polémicas. No ambiente universitario coñeceu a Oliver Tambo, futuro presidente do Congreso Nacional Africano (ACN). O ACN era a organización nacional africana máis antiga do país, fundada en 1912, que co triunfo do apartheid se convertería na principal forza de resistencia política, con Nelson Mandela como un dos principais representantes.

 Un xiro cara Johannesburgo

Antes de rematar os seus estudos universitarios, Mandela fuxiu á capital sudafricana para eludir un matrimonio concertado. En Johannesburgo comezou unha vida radicalmente diferente á do brillante estudante de Fort Hare duns meses atrás. O Nelson relixioso converteuse pouco a pouco no Nelson político. No círculo do Partido Comunista e o Congreso Nacional Africano deixábase ver con frecuencia unha nova cara que evolucionou de observadora a participante activa.

mandela traxe tradicional xhosa principios 50.reuters

Mandela co traxe tradicional xhosa
Reuters

“Atopábame cada vez máis inmerso no mundo da política porque non estaba satisfeito coas miñas vellas crenzas(…) Non podo precisar en que momento se produciu a miña politización, cando souben que dedicaría a miña vida á loita pola liberación. Ser negro en Sudáfrica supón estar politizado dende o momento de nacer, sáibao un ou non.(…) A continua acumulación de pequenas ofensas, as mil indignidades e momentos esquecidos, espertaron a miña carraxe e rebeldía, e o desexo de combater o sistema que oprimía ao meu pobo”

En Johannesburgo traballaba como mensaxeiro nunha oficina de avogacía, mantendo unha vida considerablemente precaria. Á súa vez continuaba os seus estudos de Dereito na universidade pública da cidade capital, onde se relacionou con “mozos loitadores pola liberdade”. Así, a medida que avanzaba o seu compromiso político, consolidouse a súa militancia na Liga da Xuventude do ACN.

A principios dos anos 40, no medio de toda esta controversia vital, Mandela casou coa súa primeira esposa, Evelyn Mase. Pouco despois nacería o seu primeiro fillo, Madiba Thembekile; e máis tarde faríao a súa filla Makaziwe, que faleceu por mor dunha enfermidade conxénita aos 9 meses de idade. Dous fillos máis virían ao mundo da man deste matrimonio, Makgatho e Makaziwe, que recibiu o mesmo nome que a nena finada.

A principios dos anos 40, Nelson casou con Evelyn Mase, ao tempo que estudaba Dereito e avanzaba no seu compromiso político

A chegada ao poder do National Party

O 4 de xuño de 1948 foi un momento clave na vida de Nelson Mandela e na do resto dos seus compatriotas. Este foi o día da vitoria nas eleccións (brancas) do National Party (NP), data que ficaría marcada a lume como o inicio dunha das épocas máis escuras da historia de Sudáfrica. A afirmación O negro no seu lugar, un dos máis recorrentes lemas do partido vencedor, que gobernaría até 1994 sen interrupcións, era boa proba do camiño que se estaba a iniciar nun país no que a igualdade xa era unha quimera.

[sobre o apartheid] Era unha palabra nova, pero resumía unha idea xa vella. Significaba literalmente ‘segregación’, e representaba a codificación nun sistema opresivo de todas as leis e normas que mantiveran aos africanos nunha posición de inferioridade respecto aos brancos durante séculos. O que ata entón fora unha realidade máis ou menos de facto ía a converterse de maneira inexorable nunha realidade de jure”

A afirmación O negro no seu lugar era un dos máis recorrentes lemas do National Party, que gobernaría até 1994 sen interrupcións

White-Area

Mostra gráfica do apartheid
africanhistory.about.com

Dous anos despois da vitoria nas eleccións eran aprobadas algunhas das medidas que definirían a loita que se libraría durante o que restaba de século. Á chamada Lei de Supresión do Comunismo (1950), boa mostra do afán autoritario e censor do partido liderado por Daniel Malan, uníanse aquelas que sentaban as bases do apartheid. Todo isto levaría a unha progresiva radicalización dos seus opositores, que converterían o Estado sudafricano nun lugar de tensións incesantes. A afirmación de Oliver Tambo, compañeiro de organización de Mandela, resumía ben o futuro que lles esperaba coa liña que o NP estaba a trazar: “Hoxe é o PC. Mañá serán os sindicatos, ou o Congreso Indio, ou a Organización do Pobo Africano, ou o Congreso Nacional Africano”.

 Antisistema

“É de sentido común que un sistema legal inmoral e inxusto só pode enxendrar desprezo cara as súas normas e leis”.

Nelson Mandela fora escollido membro do Comité Executivo Nacional do ANC no mesmo ano 50. A organización, coa chegada de savia nova con formación universitaria coma Mandela, volvérase máis combativa, mais a súa implantación social era aínda feble. Isto mudaría tras a denominada Campaña de Desafío das Leis Inxustas, de 1952, que consistía na realización de actos simbólicos tales como montar en autobuses reservados para brancos. O obxectivo final destas accións era a detención en masa dos “insurrectos” como forma de berro común, de aí o famoso lema ¡Eh, Malan! Abre as portas do cárcere, queremos entrar. Estas primeiras actuacións de desobediencia civil, inspiradas no modus operandi non violento de Mahatma Ghandi, levaron consigo que a afiliación ao ANC aumentase de 20 mil a 100 mil membros.

1952 despacho avogados. Jurgen Schadeberg

Mandela no seu despacho de avogados en 1952
Jurgen Schadeberg

O xefe zulú Albert Luthuli, elexido presidente do ANC a finais do 52, resumiu nunha soa frase o cambio de mentalidade que tivera lugar no movemento. “Quen pode negar que pasei trinta anos da miña vida chamando en van, armado de paciencia, moderación e humildade, a unha porta sempre fechada?”, preguntábase Luthuli, que fora membro do Consello de Representación Nativa do goberno sudafricano durante moitos anos. A confianza en que a participación nas estruturas institucionais podía significar un cambio para o futuro dos negros en Sudáfrica desaparecera por completo.

En 1952, e tras aprobar o exame que o capacitaba para exercer a avogacía, Nelson Mandela fundou, xunto co seu amigo e compañeiro de organización Oliver Tambo, o primeiro bufete de africanos negros de todo o Estado. E a verdade é que, polo menos durante varios anos, a cousa non lles foi mal. O traballo nunca faltou: os seus compatriotas negros, vítimas dun sistema terriblemente inxusto e inhumano, necesitaban axuda legal de urxencia. Mandela & Tambo era o lugar no que tantos e tantos cidadáns eran tratados simplemente como persoas, á vez que os dous avogados se achegaban aínda máis aos problemas dos seus compatriotas.

En 1952, Nelson Mandela fundou xunto con Oliver Tambo o primeiro bufete de africanos negros de todo o Estado

 O endurecemento do apartheid

eldiario.net1956

Nelson Mandela en 1956
eldiario.net

O envilecido sistema do apartheid empeoraba a cada paso. Así ocorreu coa fase de reasentamentos, provocada polo desaloxo completo de barrios negros, algúns deles tan emblemáticos como o bohemio Sophiatown, centro da cultura africana en Johannesburgo. O ACN cumpriu unha función de coordinación das protestas, e tamén freou a insurrección violenta de todos aqueles que contemplaban como as súas casas eran derribadas e se vían obrigados a abandonar os seus barrios. Os dirixentes da organización estaban de acordo en que aínda non era o momento de enfrontárense ao poder establecido cara a cara, xa que as súas posibilidades de éxito eran nulas. Á vez, o NP estaba cada vez máis preocupado polo que eles denominaban Swart gevaar (O perigo negro). Así chegaron as proscricións. En 1953, Mandela recibiu a súa. A orde, amparada na lei anticomunista, ideoloxía coa que el non se identificaba, impedíalle saír do distrito de Johannesburgo así como participar en reunións e mitins durante dous anos. Víase obrigado a dimitir do comité do partido e a comezar o traballo na clandestinidade.

Ante a situación definida pola doutrina do apartheid, o ANC decidiu tomar unha postura activa, impulsando unha convención a nivel estatal coñecida coma o Congreso dos Pobos. A intención última, a de redactar unha constitución realmente democrática coa que calquera cidadán, independentemente da súa raza ou cor, se puidese sentir identificado. Varias organizacións de indios, mestizos e incluso brancos en defensa dunha nova Sudáfrica libre uníronse á redacción do documento que, con fins claros e certo ton poético, reclamaba un futuro máis xusto para o país. Sufraxio universal e igualdade de dereitos para todos os cidadáns eran algúns dos obxectivos básicos da denominada Constitución da Liberdade.

 “[sobre o ACN] O noso credo era a creación dunha nación a partir de moitas tribos, o derrocamento da supremacía branca e o establecemento dunha forma de goberno xenuinamente democrática”

Sufraxio universal e igualdade de dereitos para todos os cidadáns eran algúns dos obxectivos básicos da denominada Constitución da Liberdade

boxeador década 50.reuters

Mandela practicando boxeo na década dos 50
Reuters

Xa en 1956, e tras só uns meses de liberdade, Mandela era obxecto doutra proscrición que de novo limitaba os seus movementos ao distrito de Johannesburgo, mais neste caso durante todo un lustro. O seu traballo clandestino seguiría a ser compaxinado co bufete que compartía con Tambo e coa práctica do boxeo, que tiña lugar no ximnasio ao que acudía co seu fillo case todas as noites. O exercicio físico foi unha constante durante a súa vida, tamén durante as longas etapas que pasou no cárcere

A finais dese mesmo ano, 156 activistas de diferentes razas e ideoloxías eran encarcerados nunha prisión de Johannesburgo baixo a acusación de conspiración para derribar o goberno de xeito violento e substituílo por un Estado comunista. Nelson Mandela estaba entre eles, que unha vez máis era acusado de comulgar coa doutrina marxista cando ao longo da súa vida deixou claro que esta ideoloxía, aínda que en certos aspectos puidese servir como inspiración para o ACN, non era aplicable ás circunstancias político-sociais africanas. Así, durante dúas semanas, todos eles conviviron na prisión, fortalecendo lazos de cara á loita futura. Xa non eran zulúes ou xhosas, indios ou africanos, dereitistas ou esquerdistas. Eran homes unidos nunha empresa común: a da liberación do pobo sudafricano.

“Naquel momento algo moi fondo moveuse dentro de nós, algo poderoso e íntimo que nos vinculou a uns con outros. Naquel momento todos sentimos sobre nós a man do gran pasado que nos fixera o que eramos e o poder da causa que nos unira”.

Xa non eran zulúes ou xhosas, indios ou africanos, dereitistas ou esquerdistas. Eran homes unidos nunha empresa común: a da liberación do pobo sudafricano

1958.casa con winnie mandela.reuters

Casamento con Winnie Mandela en 1958
Reuters

O sistema xudicial sudafricano, ademais de ser inxusto, non se caracterizaba pola súa celeridade. Os acusados foran postos en liberdade baixo fianza tras dúas semanas, mais o proceso xudicial non se iniciaría até case tres anos despois, e finalizaría coa declaración de inocencia por falta de probas en marzo de 1961. Durante todo este tempo tivera lugar un grande número de asasinatos coa sinatura do Goberno (véxase a masacre de Sharpeville), e o NP declarara o Estado de excepción durante cinco meses, que os 156 pasaran de novo no cárcere. A nivel particular, a vida de Nelson Mandela tamén mudara. En 1958, o político sudafricano casábase por segunda vez. A súa nova esposa, Nomzano Winnifred, máis coñecida como Winnie, sería forza e inspiración para Mandela durante os duros tempos que o agardaban. Winnie, con quen Mandela tería dúas fillas –Zenani e Zindziswa– tería que compaxinar a loita á que tamén se unira e que a faría pasar en varias ocasións polo cárcere coa crianza das dúas rapazas case que en solitario.

A súa nova esposa, Winnie, sería forza e inspiración para Mandela durante os duros tempos que o agardaban

 Loita armada e clandestinidade

“O opresor é o que define a natureza da loita”.

A situación que se vivía no Estado sudafricano e se agravaba progresivamente levou ao ACN a abrir un novo debate: o da loita armada. O propio Mandela foi quen levou o asunto ao comité do partido. Mandela xustificaba a necesidade de adoptar esta nova táctica en base a que a radicalización da sociedade xa era un feito. Boa proba disto era a formación de unidades armadas independentes en diferentes barrios. Nelson tivo que lidar duramente coa cúpula do partido para que a súa proposta fose aceptada, xa que a non-violencia fora sempre tomada como un principio inviolable. Mais a violencia por parte do goberno xa comezara e non se ía deter. Para Mandela, a decisión máis intelixente sería a de controlar a insurrección, de xeito que os obxectivos fosen estratéxicos -símbolos do poder- e non persoas. Tras grandes discusións, a súa proposta rematou por ser aceptada e foille encargada a función de conformar un exército de liberación, que na medida do posible sería autónomo do ANC. Mandela, inexperto nestas lides, comezou a súa formación, e con Joe Slovo e Walter Sisulo recrutados para o alto mando deu nacemento á Umkhonto we Sizwe (A Lanza da Nación), máis coñecido como MK.

1962.clandestinidade regreso estranxeiro.gamma.

Mandela tra-lo regreso da súa xira por África
Gamma

Sobre Nelson comezara a pesar, aló por 1961, unha orde de busca e captura. Mais nesta ocasión non se ía deixar atrapar tan facilmente. Pasou varios meses coordinando adestramento e primeiras accións da MK e mudando de residencia constantemente, até que en febreiro do 62 emprendeu unha viaxe clave tanto para a organización como para el mesmo. Mandela percorreu África de punta a punta, entrevistándose cos gobernos de practicamente todos os Estados libres, para dar a coñecer as accións do partido e para buscar apoio, financiamento e instrución militar para a MK. Etiopía, Ghana, Alxeria, Mali, Senegal… Estes só foron algúns dos países que Nelson Mandela visitou, ademais de achegarse a Londres para establecer contactos co influínte mundo británico. Á súa volta, a liberdade da que gozara nos últimos meses cortouse de raíz. En outubro do 62 Mandela volvía ser encarcerado, e neste caso, o xuíz condenábao a cinco anos, tres por incitación á folga e dous por abandonar o país sen pasaporte. Porén, a loita iniciada xa non había quen a frease. “A historia amosa que o castigo non detén aos homes cando a súa conciencia espertou”, afirmara Mandela durante o xuízo.

Mandela percorreu África de punta a punta buscando apoio, financiamento e instrución militar para a MK

A illa de Robben, na que Nelson Mandela pasaría moito máis tempo do que ninguén -nin sequera el mesmo- podía imaxinar, convertérase no destino de numerosos presos políticos. Tras nove meses de penalidades nesta prisión onde as agresións infrinxidas polas autoridades eran a tónica xeral, Mandela e outros 10 activistas relacionados co ANC e a MK foron chamados de novo ao tribunal. Neste caso, as acusacións de sabotaxe e os documentos atopados, entre eles o da Operación Mayibuye -borrador non aprobado que facía referencia á posible instauración, mais non a curto prazo, dunha guerra de guerrillas-, non facían presaxiar un desenlace feliz para os acusados. Na súa primeira reunión, os avogados da defensa, liderados por Bram Fischer, confirmáronlles que o Estado pretendía solicitar a pena de morte para todos eles. Acusacións menores xa levaran a moitos outros a ser condenados a cadea perpetua.

Black man, white court: o xuízo de Rivonia

1966. robben island.cosendo.the guardian

Nelson Mandela cosendo a súa roupa na prisión de Robben Island,1966 The Guardian

O proceso prolongouse até o 12 de xuño de 1964. Cada día no que os acusados eran chamados a declarar, unha multitude exaltada agardábaos nos arredores do Palacio de Xustiza. O caso transcendera as fronteiras sudafricanas e cando se achegaba o desenlace, medio mundo estaba pendente do resultado. Incluso o Consello de Seguridade das Nacións Unidas, con catro abstencións entre as que se contaban Gran Bretaña e Estados Unidos, instaran ao Goberno sudafricano a que declarase a amnistía para os acusados. Nelson Mandela, que xa se convertera nun símbolo mundial da oposición ao apartheid, esperaba o veredicto mentres realizaba -e aprobaba- exames para a consecución do doutoramento pola Universidade de Londres, o que pode facer ver como de incalculable é a medida deste loitador pola liberdade. O seu discurso do 20 de abril, cun final memorable que é o que inicia este artigo, obtivo grande publicidade tanto a nivel nacional como internacional. Nel aclarou que a forza só chegara a ser usada para defenderse da forza que o Estado impulsaba contra eles, e que o único que solicitaban os africanos era a igualdade de dereitos para poder desempeñar un papel na sociedade. A loita era a “do pobo africano, impulsado polo seu sufrimento e experiencias (…) polo dereito á vida”.

O venres 12 de xuño chegara. Tanto a sala, onde se atopaban a muller e a nai de Mandela, como as inmediacións do Palacio de Xustiza estaban colapsadas. Porén, e contra o agardado por moitos, a presión internacional fixera o seu efecto. Nelson Mandela, Walter Sisulu, Ahmed Kathrada, Govan Mbeki, Andrew Mlangeni, Billy Nair, Elias Motsoaledi, Raymond Mhlaba e Dennis Goldberg eran condenados a cadena perpetua. A pena capital fora desestimada polo xuíz afrikáner Quartus de Wet, e todos excepto Goldberg, que pola súa condición de branco sería levado a outro centro penitenciario, quedaban fechados nas celas da prisión local de Pretoria. Uns poucos días despois, os presos do coñecido como Xuízo de Rivonia eran trasladados a un novo lugar, que Nelson Mandela xa tivera a desgraza de coñecer: a illa de Robben. Alí pasarían, illados e en penosas condicións, boa parte das súas vidas.

Os presos do coñecido como Xuízo de Rivonia eran trasladados a un lugar que Mandela xa tivera a desgraza de coñecer: a illa de Robben

“Non se debe xulgar a unha nación por como trata aos seus cidadáns máis eminentes, senón por como trata aos máis humildes. Sudáfrica trataba aos cidadáns africanos encarcerados como a animais.”

robben island

The Guardian

(Podes ler a segunda parte desta biografía aquí).

Todas as citas textuais recollidas neste artigo pertencen á obra autobiográfica de Nelson Mandela Long Walk to Freedom ou foron extraídas dos textos, cartas e reflexións recollidas en Conversations with Myself.

David Fontán e Olalla Liñares