A través de Nelson Mandela (II)

(Podes ler a primeira parte desta biografía aquí).

N Mandela 466/64

“O cárcere e as autoridades conspiran para roubarlle ao home a dignidade. Iso, de por si, garantía a miña supervivencia. Todo home ou institución que tente arrebatarme a dignidade sufrirá unha derrota, xa que non estou disposto a perdela a ningún prezo nin baixo ningunha clase de opresión.”

Nelson Mandela Robben Island

A illa de Robben, frente a Cidade do Cabo, onde Mandela pasou dúas décadas da súa vida
ezakwantu.com

 

Para os presos da illa de Robben, onde os reloxos estaban prohibidos, os traballos forzados eran unha constante e a abafante rutina unha obriga; os días confundíanse até o punto de que calquera podía perder a noción do tempo, e con ela, a razón. Aquel complexo penitenciario constituía, en palabras do propio Mandela, o cárcere máis brutal e represivo de todo o sistema sudafricano. Non había ningún preso branco e, como é de supoñer, tampouco ningún gardián negro. Nin sequera mestizos. Ademais, os carcereiros esixían ser chamados baas, termo que poderíamos traducir como “amo” e que deixa patente a relación que impoñían con respecto aos seus subordinados.

Cada un dos presos tiña un número asignado que encabezaba a súa cela. O ridículo espazo no que Nelson Mandela fora confinado estaba marcado coa inscrición N Mandela 466/64, que significaba que se trataba do preso número 466 chegado á prisión durante o ano 1964. Tanto el coma o resto dos presos políticos quedaran clasificados, tras ingresar en Robben, na categoría D do cárcere, a máis baixa das catro existentes. Isto conlevaba, entre moitas outras restricións, que só tiñan dereito a unha visita de 30 minutos cada seis meses, e tampouco podían recibir ou escribir máis dunha carta durante o mesmo período de tempo. As limitacións para comunicarse coa súa familia constituían unha das trabas impostas máis difíciles de resistir.

Aquel complexo penitenciario constituía, en palabras do propio Mandela, o cárcere máis brutal e represivo de todo o sistema sudafricano

Malas noticias

“No cárcere, o único que hai peor que as malas noticias sobre a familia é a falta de noticias. Sempre é máis difícil facer fronte aos desastres que un imaxina que á realidade, por amarga e desagradable que esta sexa. Unha carta chea de malas noticias sempre é preferible a non recibir carta algunha”.

As cartas, para uns presos que non podía acceder a xornais ou calquera outro tipo de información, eran a única proba de que o mundo, máis aló desas catro paredes, seguía xirando. Cun máximo de 500 palabras, número que sempre se acababa reducindo considerablemente por mor da censura, as misivas chegaban co retraso habitual e eran para os presos verdadeira auga de maio. Mais a información non sempre conseguía facerlles a vida máis levadeira. Mandela recibiu, entre 1968 e 1969, telegramas que o facían sabedor dunha serie de desgracias que estaban a asolar por completo todo o seu edificio familiar. A súa nai, Nosekeny Fanny, morría poucas semanas despois de ter feito a súa única visita ao centro penitenciario da illa; destino que tamén sufriría o fillo máis vello do primeiro matrimonio de Mandela, Madiba Thembekile, debido a un accidente de moto. Por se fose pouco, todo isto coincidía no tempo co arresto da súa esposa, Winnie, baixo a lexislación antiterrorista. Tardaría 17 meses en ser liberada e poder reunirse de novo coas súas fillas.

A noticia da morte da súa nai obrigara a Mandela a facerse moitas preguntas, a realizar un repaso introspectivo e retrospectivo da súa vida. En certo modo, esta mala nova levárao a sentirse culpable polo camiño que escollera, o da loita pola liberdade do seu pobo. Á tristura por non terlle feito a vida un pouco máis cómoda á súa anciá nai uníase a desesperación por non poder acudir ao seu enterro. Esta petición tamén lle foi denegada cando faleceu o seu fillo, que contaba só 25 anos e xa lle dera a Madiba dous netos. O inhumano do sistema que rexía as vidas dos sudafricanos quedaba patente unha vez máis, e a pena que embargaba a Mandela durante aqueles momentos xa nunca o abandonaría.

Mandela, sinónimo de loita

“A campaña para mellorar as condicións de vida na prisión formaba parte da nosa loita contra o apartheid. (…) Enfrontábamos a inxustiza aló onde esta se atopase, sen importarnos as súas proporcións, e isto axudábanos a preservar a nosa humanidade.”

Nelson Mandela e Walter Sisulu no patio da prisión de Robben Islandezakwantu.com

Nelson Mandela e Walter Sisulu no patio da prisión de Robben Island
ezakwantu.com

O seu carácter indómito e o seu infranqueable sentido da xustiza non permitiron que Nelson Mandela abandonase a loita durante a súa longa estancia en prisión. Desde a batalla dos presos negros por poderen vestir pantalóns longos até a loita por unha alimentación decente, pasando pola defensa do dereito ao estudo, os motivos para protestar no cárcere de Robben eran abundantes e variados. Algunhas cuestións, por desgraza para os presos, quedaban fóra de toda dúbida. Unha delas era a dos traballos forzados. Mandela e os seus compañeiros, todos eles presos políticos, pasaron arredor de 13 anos acudindo case que a diario a traballar nunha canteira. En conseguiren gafas para que a luz reflectida na pedra caliza non os deixase cegos, tardaron case tres anos.

 O Goberno de Sudáfrica, consciente da importancia simbólica e intelectual de Nelson Mandela, tentou eliminalo en varias ocasións durante o seu encarceramento por medio do organismos como o BOSS (a Oficina Sudafricana para a Seguridade do Estado). Desde o poder establecido tamén se pretendeu levar a cabo outra acción: a da desunión de Mandela e o resto dos membros do ANC con respecto aos presos pertencentes a outras formacións políticas como o CPA. O certo é que, para desgraza do Goberno, a prisión era un lugar perfecto para que os diferentes presos políticos se coñecesen e deixasen atrás vellas diferenzas.

Esperanzas anovadas

“Para sobrevivir no cárcere é necesario desenvolver mecanismos para desfrutar coa vida cotiá. Un pode sentirse satisfeito lavando a roupa até que queda especialmente limpa, varrendo un corredor até que fica sen gota de pó, organizando a cela para aproveitar o espazo ao máximo…. É posible sentirse igual de orgulloso facendo cousas pequenas no cárcere que con cousas máis importantes fóra”.

Co paso do tempo, as represións propias do cárcere da illa fóronse relaxando, lenta e progresivamente. Así foi que, para os presos que así o desexaban, se abría a oportunidade de estudar, a de participar no grupo de teatro, etc. Porén, as principais afeccións de Mandela eran dúas actividades que na década previa serían impensables no ámbito de Robben: a práctica do tenis e a xardinería.

“Un xardín era unha das poucas cousas que un podía controlar estando no cárcere. Plantar unha semente, vela crecer, coidar a planta e despois recoller os seus froitos era unha satisfacción sinxela pero profunda. A sensación de ser o custodio de aquela pequena superficie de terra tiña un certo regusto a liberdade”.

Foi precisamente xogando ao tenís, actividade que ocuparía parte do seu tempo desde que os traballos forzados comezaran a ser suprimidos, como Mandela sufriría unha lesión que o faría consciente de que as cousas estaban a mudar. No hospital de Cidade do Cabo, o aínda preso fora tratado marabillosamente, tanto polo cirurxán como polas enfermeiras. A importancia da educación na formación de persoas que escapasen dos vellos e inxustos prexuízos amosábase clave para a construción dun novo país. E este novo país, aínda que a moitos lles pesase, estaba en camiño.

“O médico e as enfermeiras tratáranme coa mesma naturalidade como se estivesen tratando negros durante toda a vida. (…) Aqueles eran homes e mulleres de ciencia, e na ciencia non hai lugar para o racismo”.

A importancia da educación na formación de persoas que escapasen dos vellos e inxustos prexuízos amosábase clave para a construción dun novo país

Aires de cambio

Campaña lanzada polo ANC de Oliver Tambo en 1980Reuters

Campaña lanzada polo ANC de Oliver Tambo en 1980
Reuters

Cando o mes de marzo de 1982 chegaba ao seu fin, a vida de Nelson Mandela, xunto coas dos seus camaradas Walter Sisulu, Raymond Mhlaba e Andrew Mlangeni, deu un leve xiro positivo. Todos eles foron trasladados, sen previo aviso nin mediando razón algunha -posiblemente se tratase dun intento de dispersar os presos políticos por parte do goberno-, ao cárcere de alta seguridade de Pollsmoor, ao sudeste de Cidade do Cabo. Resultaba estraño, incluso inquietante, o feito de se enfrontaren a un cambio tal tras viviren dúas décadas rodeados polos mesmos muros. Mais en Pollsmoor os barrotes eran máis finos. Alí, Mandela podía relacionarse cos seus fieis compañeiros con absoluta facilidade, gozaba de maior espazo para estudar e facer exercicio e incluso chegou a plantar un enorme xardín na cuberta do edificio co que abastecía de comida a toda a prisión. Pero, sen dúbida, o feito que marcou un punto clave nesta nova etapa foi que, despois de vinte e un anos sen ter contacto físico coa súa esposa, permitíronlles manter un vis a vis. Malia todo, Mandela seguía a ser un preso; máis aínda, un preso político.

En 1985, o presidente Botha ofreceulle unha vez máis a liberdade a cambio de que abandonase a violencia. Aínda que o intento resultou falido, deixou entrever o inicio dun longo proceso de negociacións entre Nelson e o goberno para lograr a súa ansiada liberdade e, sobre todo, a do seu pobo. Foi nesta época cando comezou a estreitar a súa relación con Kobie Coetsee, ministro de Xustiza pertencente ao National Party. Illado xa dos seus compañeiros, Mandela recibiu diversas visitas deste alto cargo político co obxectivo de achegar posicións, mais a consecución dun acordo estaba aínda moi verde e, por se fose pouco, o proceso no que se sumerxera levantaba certas desconfianzas entre os seus compañeiros.

“Quen dita a forma de loita é sempre o opresor e non o oprimido (…) Correspóndelles a vostedes e non a nós renunciar á violencia”

Froito da forte axitación popular e da crecente presión internacional sobre Sudáfrica, en 1986 decretouse o Estado de excepción. No país comezaba a burbullar un cambio que levaba cocendo a lume lento durante décadas. Mentres, Mandela continuaba ascendendo nos seus privilexios como preso, se é que un recluso pode considerarse nalgún momento privilexiado. Para que as negociacións se formalizasen, formouse un grupo segredo de traballo, un comité de altos funcionarios encabezado polo propio Kobie Coetse.

Mandela lembra vellos tempos en Victor Verster co seu chef, Jack Swart.

Mandela lembra vellos tempos con Jack Swart, o seu chef de Victor Verster
Anna Zieminsky (AFP)

O caos social ía en aumento e as empresas estranxeiras abandonaban Sudáfrica a fume de carozo en vista do empeoramento da situación. Aínda así, o National Party e a dereita en xeral reafirmaban unha e outra vez a súa forza entre a poboación. Mandela atopábase entón nunha especie de paraíso presidiario. Logo de contraer tuberculose, fora ingresado nun sanatorio, onde o trato que lle proporcionaban era notablemente mellor que en calquera centro penal. De alí trasladárono á prisión de Víctor Verster, onde pasou a súa última etapa como preso nunha casiña para el só.

O cambio seguía cociñándose. En 1989 Botha dimitiu como presidente do NP e uns meses máis tarde faríao tamén como líder do goberno. O seu sucesor, F.W. de Klerk, chegou ao poder cunha maior vontade de abrandar o sistema do apartheid, que pouco a pouco se foi desmantelando sistematicamente. Comezaron a ser liberados algúns presos políticos, entre eles a cuadrilla que durante anos acompañou a Mandela día tras día, primeiro en Robben Island e logo en Pollsmoor.

“Un sistema opresor non pode ser reformado, debe ser totalmente abandonado”

F.W. de Klerk, chegou ao poder cunha maior vontade de abrandar o sistema do apartheid, que pouco a pouco se foi desmantelando

Liberdade

En febreiro de 1990 unha comparecencia no parlamento de De Klerk tornou o curso do país da noite para a mañá. “Chegou a hora das negociacións”, anunciaba. Así, despois de décadas actuando na clandestinidade, o ANC e outras moitas organizacións antiapartheid foron legalizadas. Decretouse a liberación dos presos políticos, aboliuse a pena capital e levantáronse certas restricións do Estado de excepción, que aínda así seguiu vixente. Unha semana máis tarde, o Presidente reuniuse con Mandela para anunciarlle a súa posta en liberdade, que se produciría o 11 de febreiro de 1990. Despois de vinte e sete anos abriuse a porta dun longo e escuro camiño cara a liberdade, no que Mandela esgotou perto de 10.000 días coas súas noites, e no que viu como de adulto pasaba a ser ancián, aínda que conservase o mesmo espírito de loita do mozo que un día chegou a Johanesburgo con ansias de combater a inxustiza.

“Cando estiven entre a multitude levantei o puño dereito e produciuse un ruxido. Non puidera facer aquel xesto en vinte e sete anos, e unha ondada de forza e xúbilo atravesou as miñas veas”

Nelson Mandela, por fin libre, camiña xunto a Winnie

Nelson Mandela, por fin libre, camiña xunto a Winnie
AP

Ata que saíu polas portas da prisión e se viu sorprendido por unha inmensa multitude que clamaba o seu nome, Mandela non foi consciente do fenómeno que supuxera a súa loita dentro –e fóra– do país. Tanto foi así que o seu desexo de volver á vida cotiá e recuperar o tempo perdido coa súa familia non puido verse cumprido, pois unha masa humana perseguía a esta especie de mesías alí a onde fose, un feito que o chegou a incomodar seriamente.

“Quería expresar ante o pobo que non era ningún mesías, senón un home corrente que se convertera nun líder por circunstancias extraordinarias.”

Así ocorreu cando era conducido cara a praza de Grand Parade de Cidade do Cabo para dirixirse ao xentío que o agardaba dende había horas. O coche no que viaxaba quedou paralizado polos centos de persoas que tentaban abalanzarse sobre Mandela, ata que con axuda da policía puido chegar ao seu destino. De novo, o seu puño dereito erguido en alto, símbolo do ANC, fixo que a praza enteira soltase un forte berro de satisfacción.

“Durante a miña estancia no cárcere a miña ira cara os brancos diminuíra, pola contra, aumentara o meu odio cara o sistema. Quería que toda Sudáfrica vise que amaba ós meus inimigos, aínda que aborrecía o sistema que nos enfrontaba”.

Pouco a pouco, Mandela buscaba encamiñar ao seu país cara unha nova etapa, fóra de vinganzas e carraxes. O seu obxectivo era unir ao pobo sudafricano en igualdade e liberdade, sen -como rezou sempre o ANC- “botar ao inimigo ao mar”. Emprendeu unha xira por diversos países de África e visitou ao exiliado Oliver Tambo en Estocolmo, onde se viu sorprendido polas súas palabras: “Debes ocupar o posto de presidente do ANC. Eu non fixen máis que manterche a cadeira quente”. Liderar o ANC era un feito que Mandela desbotaba por completo naquel momento.

ANC-leader-Nelson-Mandela-007 Russell Boyce Reuters

Margaret Thatcher recibindo de xeito oficial a Nelson Mandela
Russell Boyce (Reuters)

Logo saltou a Europa e América do Norte. No vello continente entrevistouse con presidentes de todas as cores, desde a Francia de Françoise Mitterand, cuxa muller –Danielle– era unha fiel loitadora contra o apartheid; ata a Gran Bretaña de Margaret Thatcher, que adoptara unha polémica postura en contra das sancións económicas aplicadas á Sudáfrica do National Party. Tamén aterrou do outro lado do Atlántico, nos Estados Unidos de George Bush pai. Foi neste percorrido onde Mandela demostrou o seu espírito diplomático, mantendo encontros cordiais incluso con líderes políticos cos que non compartía certos puntos de vista, como era o caso de Bush ou a Dama de Ferro británica.

Vaivéns de paz

En agosto do 90 o ANC e o goberno firmaron o coñecido como “Comunicado de Pretoria”, polo cal o principal partido antiapartheid se comprometía a suspender –que non poñerlle fin– á loita armada a cambio de certas cesións por parte do NP. Previamente a isto producírase un feito histórico na no país sudafricano, cando tivera lugar unha reunión do National Party co ANC, o Partido Comunista e outras forzas antiapartheid. Froito dela nacera o acordo coñecido como “Comunicado de Grote Schuur”, polo cal se comprometeran a emprender un proceso de negociacións pacíficas, comezando por levantar o Estado de excepción.

Mais todos estes avances cara á democracia eran contrarrestados por unha terceira forza que non estaba disposta a que a supremacía branca desaparecese. Todo apuntaba a que estaba liderada por altos cargos da policía e do exército co firme apoio da dereita, que coa súa resistencia estaban dando lugar a unha espiral de violencia con graves consecuencias para a poboación.

En xullo de 1991 o ANC celebrou a súa primeira conferencia anual dentro de Sudáfrica en trinta anos. Nela Nelson Mandela foi elixido presidente do partido. A súa tarefa era difícil, pois debía converter un movemento ilegal e clandestino de liberación nun partido de masas, sumándose a este reto as diferenzas loxísticas e ideolóxicas que había no seu seo. Como representante do ANC asistiu á Convention for a Democratic South Africa (CODESA), un foro de negociación no que participaban os diferentes movementos políticos sudafricanos, desde o NP ata o propio ANC. O que os partidos antiapartheid buscaban con estas xornadas de negociación era estableceren as bases para redactar unha nova Constitución que amparase unha democracia multipartidista de sufraxio universal. Mais a consecución deste obxectivo topou con moitos vaivéns polo medio, principalmente propiciados por unha posición inestable do NP con respecto ao cambio de paradigma; eran demasiados anos aferrándose –ilexitimamente– ao poder como para cedelo todo de golpe. Así, despois de diversos tira e afrouxa e en plena celebración da CODESA2, o ANC optou por romper definitivamente coas negociacións.

En xullo de 1991 Nelson Mandela foi elixido presidente do partido. A súa tarefa, converter un movemento ilegal e clandestino de liberación nun partido de masas

A estratexia adoptada entón polo partido de Mandela centrouse en emprender accións masivas para desestabilizar o poder, como manifestacións ou boicots, culminando coa maior folga política da historia de Sudáfrica, á que se sumaron máis de catro millóns de traballadores. A situación virou tensa e os ataques por parte da dereita cara os militantes do ANC trouxeron consigo decenas de mortos, o cal obrigou ó partido a retractarse e volver optar pola liña do diálogo. Deste xeito naceu o acordo “Record Undertanding”, onde ao fin ANC e NP decidiron convocar eleccións. Nelas os votantes elixirían catrocentos representantes para unha asemblea constituínte, que redactaría unha nova Constitución e actuaría á súa vez como Parlamento. Tra-la súa convocatoria, escolleríase un presidente.

O caos

Naquela época, ademais de asistir a un caos político, Mandela tamén estaba a vivir un caos persoal. En 1992 separárase da súa muller, Winnie, poñendo en evidencia de novo o seu postulado de que un home de nación non pode ser un home de familia, algo que lamentaría durante toda a súa vida.

Mandela e De Klerk, recollendo xuntos o Nobel da Paz de 1993David Levenson (Getty Images)

Mandela e De Klerk, recollendo xuntos o Nobel da Paz de 1993
David Levenson (Getty Images)

“Estou convencido de que a vida da miña esposa mentres eu estaba en prisión foi máis dura que a miña, estouno de que o meu regreso foi máis difícil para ela que para min. Casárase cun home que non tardara en deixala soa. Aquel home convertérase nun mito, e de repente o mito volvera á casa e resultara ser tan só un home”

Dous anos máis tarde sorprendérao outro duro golpe emocional, como fora a morte do seu incondicional compañeiro Oliver Tambo, enfermo desde un tempo atrás. No medio, unha alegría. En 1993 foille concedido, xunto con De Klerk, o premio Nobel da Paz; converténdose no terceiro surafricano que recibía tal galardón. Para moitos foi un feito curioso que estas dúas figuras, rexidas por unha especie de amor-odio, compartisen algo tan significativo coma un Nobel da Paz. Pero ante este feito Mandela tiña unha opinión moi firme: “para firmar a paz co inimigo é preciso traballar con el. A partir dese momento, o inimigo convértese nun compañeiro”.

 

Camiño da gloria

Mandela, en pleno discursoDon Mcphee (The Guardian)

Mandela, en pleno discurso
Don Mcphee (The Guardian)

O 27 de abril de 1994, Mandela votou por vez primeira nas tamén primeiras eleccións non racistas do seu país. Durante a campaña electoral as enquisas dábanlle a vitoria ao ANC, que se presentaba baixo o lema “A better life for all”. Tratouse dunha campaña complicada, na que os partidos debían expoñerlle o seu programa a unha poboación altamente analfabeta que nunca se enfrontara a uns comicios. Ademais de “pedirlles o voto”, habían ensinarlles a votar. En xeral era un período preelectoral convulso, no que cidadáns e partidos se movían nun terreo aínda virxe. Finalmente, o ANC acadou o 62,6% dos votos, sen chegar a lograr os dous terzos necesarios para gobernar en solitario, polo que se estableceu un mandato de unidade nacional formado por diversos partidos –entre eles o NP– encabezados polo ANC.

“Recordeilles a todos, unha e outra vez, que a loita pola liberación non fora unha batalla contra outros grupos ou outras cores de pel, senón contra un sistema represivo”

O 10 de maio de 1994, aos 75 anos de idade, Nelson Mandela tomou posesión como presidente dunha nova Sudáfrica, libre do lastre do apartheid que mantivo á maioría da poboación sometida ás inxustas e ilexítimas normas dunha minoría branca. No seu xuramento do cargo, Mandela rezaba:

“Nunca, nunca, nunca xamais, experimentará outra vez esta marabillosa terra a opresión do home polo home. O sol endexamais se porá para tan glorioso logro humano. Que reine a liberdade. ¡Que Deus bendiga África!”

O 10 de maio de 1994, Nelson Mandela tomou posesión como presidente dunha nova Sudáfrica, libre do lastre do apartheid

Nelson Mandela e Graça Machel no concerto benéfico de Hyde Park (2008)Gareth Davies (Getty Images)

Nelson Mandela e Graça Machel no concerto benéfico de Hyde Park (2008)
Gareth Davies (Getty Images)

Durante o seu mandato, Mandela centrou as políticas gubernamentais na supresión dun racismo institucionalizado, na reducción da pobreza e na loita pola igualdade de oportunidades entre todos os sudafricanos, que poucos anos antes semellaba tan quimérica. En 1999, e tras ter abandonado a dirección do partido dous anos antes, Mandela deixa a Presidencia sen intención de seguir a traballar no ámbito da política institucional. Mais este incorrixible libertario, que en 1998 se casara coa activista mozambicana Graça Machel, nunca tería un verdadeiro retiro. No novo século, o seu combate centraríase, da man da Fundación Nelson Mandela, en erradicar a terrible lacra do SIDA e en impulsar o desenvolvemento rural, ademais de erguerse en voceiro pola paz mundial, radicalmente en contra das intervencións armadas de Occidente.

Despois de encamiñar ao seu país cara a liberdade, que como el mesmo ten dito é “un longo camiño que aínda non rematou”, Mandela converteuse nun auténtico mito na loita contra o racismo, equiparable ao seu tan admirado Martin Luther King. Empeñou a súa vida en defender un ideal, o que o condenou a 27 anos na cadea. Mais non se afixo aos barrotes nin tampouco gardou rancores. Volveu nacer cando xa pasaba dos setenta e decidiuse a liderar a loita pola reconciliación nacional, outorgando o seu perdón aos causantes de tanto mal. Plantou na Terra o xermolo dunha árbore que expandiría moreas de ramas de liberdade polas conciencias de todo o globo. E hoxe, aos 95 anos, o gran Madiba loita contra os castigos do tempo cunha saúde xa débil. Dende a súa cama descoñece que incluso nas pequenas vilas coruñesas de Negreira e Perillo o seu mito se mantén vivo, en cadanseu recunchiño que leva por nome Rúa Nelson Mandela.

“Ninguén nace odiando a outra persoa pola cor da súa pel, ou a súa orixe, ou a súa relixión. O odio apréndese, e se é posible aprender a odiar, é posible aprender a amar, pois o amor xorde con maior naturalidade no corazón do home que o odio”.

southafrica.net

southafrica.net

Todas as citas textuais recollidas neste artigo pertencen á obra autobiográfica de Nelson Mandela Long Walk to Freedom ou foron extraídas dos textos, cartas e reflexións recollidas en Conversations with Myself.

David Fontán e Olalla Liñares