A educación popular como educación transformadora

“Todos nós sabemos alguma coisa. Todos nós ignoramos alguma coisa. Por isso, aprendemos sempre.”

“Estudar não é um ato de consumir ideias, mas de criá-las e recriá-las”.

Paulo Freire

Partirmos do que sabemos para transformar a nosa realidade. Afondarmos  no coñecido para mudar o mundo. Eis a máxima da educación popular, que fortemente vinculada aos movementos sociais dos pobos indíxenas de América Latina,  nacía a comezos dos anos 60 do pasado século como a educación para a liberdade.

Situando o propio, o ancestral, a importancia da autonomía dos pobos no seu núcleo esencial, a educación popular propón a caracterización das problemáticas específicas de cada pobo  como unha vía descubridora de alternativas ao sistema imperante. Facendo unha crítica concreta ao actual modelo económico, político, social e educativo. Ao capitalismo e á educación bancaria. A educación popular, como educación transformadora, pretende formar conciencias críticas e comprometidas.

Todos aprenden de todos

Neste sentido a metodoloxía é chave:  pedagoxía práctica. A educación popular comeza e remata, nun proceso circular, na práctica; cobrando especial relevancia o diálogo. A comunicación e a interacción entre todos e cada un dos participantes, educadores incluídos. Aquí todos aprenden de todos. É  aprendizaxe mutua. Mais para partir da práctica, para poderen afondar nela, para coñeceren cada unha das lacras dun pobo, os educadores deben ser coñecedores de primeira man. Deben coñecer a forma propia de vida, cultura, lingua e relixión.

educacion popular II

 A educación popular vai dirixida aos pobos oprimidos. Os seus destinatarios son os sectores populares da sociedade. Estes, a partir da creación dunhas enormes láminas nas que aparecen representadas escenas da vida cotiá, dispóñense ao diálogo. E deste xeito as inxustizas van aparecendo de maneira continua. E os conceptos concretos dan paso a outros máis abstractos, chegando a través do diálogo e a discusión  a outras e renovadas formas de actuación. Da práctica á práctica novamente. Bebendo do imaxinario colectivo, de referentes teóricos anteriores, valores culturais e experiencias compartidas. Dándolle unha especial importancia á cultura e a identidade dos pobos. Coñecéndose e recoñecéndose a si mesmos. Revalorizando o propio.

A educación popular vai dirixida aos pobos oprimidos

Na educación popular as persoas non son picheis aos que encher con conceptos teóricos de fácil e rápido esquecemento. Ao contrario, son creadoras de ideas. Xeradores de coñecemento,  con vontade analítica e reflexiva. Mais sen esquecer, por parte dos educadores, as ferramentas intelectuais tan necesarias para o cambio. A educación popular propugna un sistema de relacións horizontais e un trasvasamento de información multilateral.

A comezos dos anos 60 o educador brasileiro Paulo Freire sentaba as bases, sen sabelo, do que hoxe se coñece como educación popular. Segundo transcorría  a década,  as asociacións que crían neste modelo educativo foron en aumento de xeito paulatino, co seu fortalecemento na década posterior. Nos 80 optouse por unha maior profesionalización dos educadores co fin de mellorala.  Porén, nos 90 sufriría unha grave crise por mor das numerosas críticas a súa metodoloxía. Revivindo cando xa  a década tocaba a súa fin.

Paulo Freire

Paulo Freire

A educación popular hai que entendela como un produto do seu tempo, influenciada polo momento histórico e político. O triunfo da Revolución cubana do 1959, por unha banda. E o xurdimento da Teoloxía da Liberación, corrente cristiá orixinaria de América Latina defensora dos oprimidos e con vínculos co marxismo, por outra. Experimentando un momento álxido durante os gobernos revolucionarios sandinistas de Nicaragua de finais dos 70 e a década dos 80.

Inventa un novo futuro

Na actualidade, é aplicada nas Escolas Secundarias Rebeldes Autónomas Zapatistas do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN). Así coma nos Movementos dos Sen Terra (MST) no Brasil. Na Universidade Popular das Nais da Praza de Maio e nos bacharelatos populares na Arxentina. Continuando a pór o acento no étnico e indíxena. Na idiosincrasia de cada pobo. Sendo atravesada na América por moitas outras correntes.

A educación popular inventa un novo futuro. Tenta poñer fin ao mantemento do status quo. Busca unha sociedade sen opresores nin oprimidos e respostas á necesidade dos pobos indíxenas de ser libres. Sen aceptar nada a priori.   A educación popular continua na constante procura dunha sociedade máis xusta.  Con loita, resistencia e rebeldía. Camiñando distinto para o cambio verdadeiro.