Do que non interesa falar

Hai seis días, Bernd Schuster sorprendía a propios e a estraños cunhas declaracións á revista xermana “Sport Bild Plus” nas cales defendía a dopaxe como un medio de recuperación. Entre outros titulares, o carismático técnico do Málaga afirmou “que algúns xogadores levan máis pílulas e comprimidos que desodorizante ou perfume” e sobre todo que “non se trata de que un xogador teña máis rendemento que o habitual, senón que consiste en que volva ao seu nivel o antes posible”. Por último, afirmou que no seu tempo “todos tomaban algo, pero non estimulantes no sentido estrito”. En resumo, o recoñecemento dunha sospeita que moitos xa temos dende hai algún tempo.

“Todos tomaban algo, pero non estimulantes no sentido estrito” Bernd Schuster

Estas declaracións chegaron a España, pero non da forma en que moitos as esperabamos. Non foron portada, nin tiveron repercusión, e por suposto ninguén se parou a analizalas como se debería. O motivo é que para os medios de comunicación maioritarios quizais non interese falar de algo así en portada. O fútbol vende demasiado e os propios medios non queren tirar pedras contra o seu tellado. O problema é, que por culpa diso, algúns esquecen o que é a ética xornalística.

Bernd Schuster durante esta campaña no Málaga  |©Libertad Digital

Bernd Schuster durante esta campaña no Málaga |©Libertad Digital

O día seguinte, a través dun compañeiro de redacción, atopamos unhas curiosas declaracións de Paul Breitner nas cales ía aínda máis alá nas teorías de Schuster. O internacional alemán afirmou textualmente na canle Servus TV que “sería un erro se, como futbolistas, afirmamos que só houbo dopaxe entre atletas e nadadores. Non”. No fío do estudio filtrado este mes sobreao dopaxe sistemático pola antiga Alemaña Occidental dixo que “a dopaxe xa era un tema presente no fútbol, o que queira negalo é un fariseo”.

“A dopaxe xa era un tema presente no fútbol. O que queira negalo, para min é un fariseo” Paul Breitner

Se a Schuster aínda se lle fixo algo de caso en España, por aquilo de que adestra no Málaga e ten un certo prestixio, o nome de Breitner non o puidemos atopar por ningunha columna da prensa deportiva española. E iso que o tiñan fácil, xa que as declaracións aparecían recollidas pola axencia DPA.

O fútbol sempre terá un trato especial e, no que se refire a dopaxe, por suposto que tamén. Mentres Breitner e Schuster propoñían un marabilloso tema para investigar e tentar contrastar, a prensa deportiva prefería desviar a mirada e falar do prezo de Gareth Bale ou da misteriosa lesión de Leo Messi. Temas por suposto moito máis relevantes e con moitos máis valores para os lectores habituais.

Por desgraza mañá aparecerá un positivo en ciclismo ou en atletismo, deportes con moitos máis controis e moito máis sinalados, e será portada con todas as da lei. Hai meses, este xornal publicaba un artigo onde un compositor tiña moi claro que non debemos crer no deporte de elite. Declaracións como esta, aínda que algúns as queiran esconder, non son máis que outro motivo para ter máis claro iso. E cando falamos de deporte de elite falamos de todas as disciplinas, e non simplemente daquelas minoritarias. Porque este século XXI é así, un tempo onde cada un fala do que lle interesa, ou mellor dito, do que “parece que interesa”.