Politizar a dor

Aínda non pasaron 30 horas desde o accidente ata que me sentei a escribir. Unha noite dura compartindo o timón do Twitter de Compostimes cos compañeiros e unha xornada de traballo dedicada a labores que pouco teñen que ver co xornalismo pasaron ata este momento. Neste tempo só puiden comprobar que a única realidade verdadeiramente identificable que existe arredor deste caso é a dor da que todos somos parte. A inmensa dor dos familiares, que se nos contaxiou implacablemente entre a xente de dentro e fóra Galicia, inundaba a atmosfera e semellaba facer pesar o aire arredor de cada un de nós. A inquedanza atenazaba os estómagos e facíanos pasar un dos peores días da historia recente do país. Cara onde ollaramos, só podiamos ver dor.

Esta catástrofe xerou millóns de comentarios: de tristura, de incredulidade, de enfado, de desgarro polos seres queridos que se foron, de admiración por todos os heroes que axudaron desde que se produciu o incidente, de indignación con algúns medios de comunicación… Pero os que máis terribles me pareceron foron aqueles que pretenderon capitalizar a dor desde unha perspectiva política, fora cal fora a cor do argumento.

Son incapaz de pasar esta traxedia polo prisma da ideoloxía

Coido que é mesquiño aproveitar que os feitos están a flor de pel para facer un alegato en favor ou en contra de X ou Y. Repudio do mesmo xeito o escudo liberal que levantaron os que pregoaban que se o mercado ferroviario fose libre isto sería tachado de “crime do capitalismo” có discurso dos que lle faltou tempo para sacar a bandeira dos “recortes”. Condeno coa mesma enerxía aos que argumentan que la prueba de que los gallegos se sienten españoles es que donan sangre para gente de todo el país cós que pensan que só os nacidos nesta terra somos quen de ter os arrestos de reaccionar coa nobreza que o fixemos a unha desgraza deste calado. Particularmente, nestes momentos só fun capaz de admirar a partes iguais aos profesionais da sanidade pública que traballaron arreo para que isto non fose aínda peor, aos bombeiros que racharon a súa folga para participar no rescate, aos veciños que axudaron na medida das súas posibilidades, aos milleiros de persoas que colapsaron o Centro de Transfusións de Galicia e aos hostaleiros que ofrecían aloxamento gratuíto aos familiares das vítimas. Adoro escribir de política e defender ante quen sexa o meu punto de vista da realidade, mais hoxe son incapaz de intentar pasar esta traxedia polo prisma da ideoloxía. Só sinto dor e angustia.

Con todo, neste asunto hai algo medianamente bo que subliñar. Semella que por unha vez, é só me atrevo a afirmalo ata o momento da publicación deste breve artigo, os políticos galegos estiveron á altura da situación. Tanto a Xunta coa xestión desta crise, en todos os eidos, coma os partidos e figuras da oposición, estiveron impecables. Agardo que lles dure.