É Chris Froome mentira?

Un nome destaca por riba do resto nesta edición do Tour de Francia 2013. Chris Froome é sen dúbida o protagonista único da rolda francesa. As súas exhibicións, tanto na montaña como nas probas contra o reloxo, sen equipo e practicamente só, son o colofón a unha temporada de éxitos, na que o británico —anteriormente queniano—  venceu en practicamente cada unha das probas que disputou. Gañou xa no Tour de Omán alá por febreiro, venceu no Criterium Internacional en marzo, o Tour de Romandía en abril, a Dauphiné a principios de xuño e gañará sobradamente o Tour de Francia neste mes de xullo. Simplemente un segundo posto por detrás de Vincenzo Nibali na Tirreno-Adriático mancha a traxectoria do ciclista do equipo Sky. Impresionante é a única palabra para definir deportivamente a temporada de Froome, un home cun estilo e posición sobre a bicicleta indescritibles e que nunca ata este ano se achegara a eses picos de rendemento.

Chris Froome gañará —salvo catástrofe— este Tour de Francia 2013. Leva vencendo desde  febreiro, algo ata agora nunca visto no ciclismo

Chris Froome (Nairobi, Quenia, 20 de maio de 1985) é un ciclista británico englobado nas filas do equipo Sky. Comezou no ciclismo profesional no ano 2007 co equipo sudafricano do Konica Minolta, pasando nos anos 2008 e 2009 polo polémico equipo metade británico metade surafricano do Barloworld. Durante estes anos Froome non destacou en nada, salvo por ser un decente rodador e un bo corredor de equipo. No ano 2010 fichou polo equipo británico de nova creación do Team Sky, coa fin de cumprir coa cota de ingleses no equipo. Durante ese ano e a meirande parte do 2011, foi gregario dos líderes do equipo Bradley Wiggins e Juan Antonio Flecha, se ben, algo cambiou na Volta a España 2011. Froome, quen viña á rolda española coa fin de axudar a Wiggins, soubo que o equipo Sky non tiña intención de renovar o seu contrato á fin da temporada. Fronte a isto, Froome púxose como obxectivo loitar e amosarse coa fin de ter un contrato no ano 2012 e vaia se o conseguiu: rematou a Volta España en segunda posición por diante do seu compañeiro Bradley Wiggins e vencendo incluso na ascensión a Peña Cabarga. O crecemento exponencial do rendemento do británico continuou no 2012, onde tan só as ordes de equipo o frearon de gañar o Tour de Francia, no que remataba segundo tralo seu líder Bradley Wiggins. Incluso na Volta a España, fóra de forma, Froome acabou na cuarta posición. Ninguén foi capaz nunca de explicarse este crecemento do queniano. El asegura que corre limpo. Ata 2012 as sospeitas foron amplas, neste 2013 son inmensas. Gañou todo o que correu. Para saber a certeza de Chirs Froome debemos analizar o que sabemos e os argumentos existentes, tanto a favor como en contra da credibilidade do británico. A continuación explicarei todas as sospeitas e realidades que atinxen a Chris Froome.

Chris Froome na contrarreloxo da 17ª etapa con final en Chorges / Fonte: zimbio.com

Chris Froome durante a contrarreloxo da 17ª etapa con final en Chorges / Fonte: zimbio.com

ARGUMENTOS A FAVOR DE CHRIS FROOME

Entre os argumentos a favor da credibilidade de Chris Froome destacan a teoría pola cal non acumula ácido láctico ademais da presumible transparencia do equipo Sky. Xunto a iso, amosa uns valores de potencia normais (5,8 vatios/quilogramo), moi distantes dos de Armstrong na súa época

 

  • Medios de comunicación quenianos publicaron o ano pasado unha información segundo a cal Chris Froome apenas acumula ácido láctico nas súas pernas, o cal lle permite subir cunha frecuencia moito maior de pedaleo sen cansar apenas. Isto sería debido a que de pequeno comeu moitos melocotóns (si, é certo) dunha árbore centenaria preto da súa casa. Eses melocotóns conterían unha encima, a THC_2, que inhibe a produción de dito ácido. Isto sería o mesmo que lles ocorre ós corredores quenianos de fondo.
  • A simple vista, o equipo Sky destaca pola súa transparencia coas autoridades antidopaxe. A claridade na explicación dos seus métodos fai imposible pensar que o Sky teña unha parte escura como o US Postal de Armstrong. Ademais, xornalistas especializados en dopaxe como David Walsh ou Paul Kimmage foron invitados ás concentracións do equipo coa fin de amosar publicamente a súa forte conciencia antidopaxe, a cal proclaman habitualmente nas súas declaracións.
  • Coa chegada do pasaporte biolóxico debemos falar sen dúbida duns métodos antidopaxes máis fiables, o que non quere dicir infalibles, xa que as sospeitas de dopaxe xenética ou a aparición de novas substancias como o RhGas6 están aí, mais é indubidable que o pelotón está máis limpo que a finais dos 90 (a época da EPO).
  • Os detalles. A insistencia do equipo Sky en que espremen cada un dos factores referentes á biomecánica ó máximo leva a pensar que é verdade. Os pratos ovalados ou os maillots “ultratranspirables” que utilizan poden levar a pensar que parte da diferenza radica aí. Cando hai igualdade entre ciclistas, calquera detalle importa.
  • O réxime de Chris Froome. O inglés insiste en que cumpre con cada unha das premisas dos médicos, sendo incluso obsesivo con cada gramo de comida que inxire. A súa delgadeza extrema unida á súa preparación exhaustiva invita a pensar que o seu crecemento de metade de pelotón a estar cos mellores sexa algo máis real.
  • A potencia. Na etapa con final no Mont Ventoux Chris Froome moveu unha potencia de 5.88 vatios por quilogramo. Isto afástase dos 6.7 vatios por quilogramo que Michele Ferrari lles dicía a Armstrong e Hamilton que eran necesarios para gañar o Tour, cifra que os estadounidenses conseguían grazas á EPO. Froome, pola contra, non se achega nin de preto a eses valores de potencia media, sen embargo, si é sospeitoso que chegue a unha potencia máxima de máis de 9 vatios por quilogramo nos cambios de ritmo.
Chris Froome durante a súa etapa no equipo Barloworld / Fonte: velonews.com

Chris Froome durante a súa etapa no equipo Barloworld / Fonte: velonews.com

ARGUMENTOS EN CONTRA DE CHRIS FROOME

O pasado de Froome xoga na súa contra. A nula confianza nel do seu director e a súa aparición desde a nada invita a pensar mal. Os críticos co británico atacan ademais a súa posición e estilo na bicicleta, pois nunca se viu a ninguén ser capaz de atacar subindo piñóns e a máis de 100 pedaladas por minuto

 

  • O estilo na bicicleta. Pode parecer unha parvada, pero a posición sobre a bicicleta de Froome leva a pensar que non pode ser normal o que está a realizar sobre a bicicleta. Capaz de atacar sentado, no Ventoux amosou algo nunca visto no ciclismo, atacar subindo piñóns, ou sexa, atacar con menos desarrollo, cunha frecuencia de máis de cen pedaladas por minuto nunha das maiores ascensións do ciclismo. O seu estilo é o mesmo que no Giro de Italia 2010, no que foi expulsado na penúltima etapa da carreira, na ascensión ó Mortirolo, por agarrarse a un coche. Coa mesma posición sobre a bicicleta, Chris Froome pasou en menos de dous anos de loitar por aguantar cos sprinters (cos máis lentos) nunha ascensión do Giro a gañar unha ascensión na Volta a España.

  • Ser capaz de manter a forma durante seis meses. Neste 2013 Froome leva medio ano sendo capaz de manter o ritmo endiañado nas subidas, gañar probas contra o reloxo e incluso mellorar os tempos de ascensión de Lance Armstrong (dopado) no Tour de Francia. Ningún ciclista ata Froome fora capaz de manterse en forma e gañar probas ó longo de seis meses. Os picos de forma adoitan duran dous meses, permitíndose o ciclista dous picos ó longo da temporada. Algúns ciclistas estiran o momento álxido de forma ata os tres meses, mais Froome leva seis.
  • Os seus comezos no ciclismo non foron para nada prometedores. Non destacou en júniors nin en sub-23, e simplemente chegou a profesionais grazas ó equipo continental do Konica Minolta e o seu obxectivo de promover o ciclismo africano. Correu sen pena nin gloria antes de chegar ó equipo Barloworld, co que en dous anos o seu mellor resultado nunha proba de nivel foi o de 14º nunha proba contra o reloxo no Tour de Francia. Ata o seu segundo ano no equipo Sky destacaba por moverse ben no terreo chairo, máis a súa aparición na Volta a España 2011 poderíase relatar como o maior Sputnik nos últimos anos do ciclismo. Sen facer nada, Froome apareceu ós 26 anos para quedarse. Peter Sagan, Nairo Quintana, Tejay Van Garderen ou Pierre Rolland poderán ir máis ou menos limpos, pero polo menos teñen un pasado detrás, non apareceron da nada.
  • Xa mesturado coa polémica desde os seus inicios. Durante o Tour de Francia 2008, o primeiro que correu Froome, o conxunto Barloworld foi salpicado pola dopaxe. Moisés Dueñas, corredor español relacionado co Doutor Losa (o cal se buscades, atoparedes relacionado tamén co fútbol), deu positivo por EPO. Do resto de compoñentes do equipo, Félix Cárdenas estivo relacionado co Kelme na época de Eufemiano Fuentes. Christian Pfannberger deu positivo un ano despois, no 2009. Enrico Gasparotto aparece no Caso Armstrong relacionado co médico italiano Ferrari. Mauricio Soler e Robert Hunter tamén estiveron relacionados con equipos sospeitosos. No seu paso ó equipo Sky, Froome correu con Michael Barry, outro que confesou a súa dopaxe nos anos que correu con Armstrong.
  • Os papeis filtrados do equipo Sky. Quizais este sexa o argumento máis forte na contra de Chris Froome. Durante o ano 2011 filtráronse uns papeis segundo os cales Dave Brailsford (mánager do conxunto Sky e seleccionador inglés de ciclismo) puntuaba ós seus corredores segundo o futuro que tiñan no ciclismo. Dados os coñecidos métodos de análise biomecánica e de todo tipo de factores do equipo Sky, os papeis deberían corresponderse coa realidade. Na táboa aparecen os corredores segundo as súas iniciais, colocando de forma horizontal ós corredores segundo a súa idade e máis arriba ós que máis futuro tiñan. Os que estaban por riba da liña, amosaban un rendemento maior ó correspondente á súa idade. Se están por debaixo, á inversa. A gráfica dividía ós corredores en cinco grupos: o 1) onde está a xente con gran futuro e talento, como EBH (Edvald Boasson Hagen) ou GT (Geraint Thomas), o 2) onde estaban os corredores no pico das súas carreiras, como BW (Bradley Wiggins), o 3) onde estaban os veteranos que aínda podían aportar ó equipo , como DC (Darío Cioni) ou JAF (Juan Antonio Flecha), o 4) onde non estaba ninguén e serían os veteranos que rendían menos do que deberían e o 5) ou último nivel, no que está CF (Chris Froome). Un grupo que o propio director Dave Brailsford definía como “o de rapaces que non chegaron ó que apuntaban, pero que son boa xente e cumpren como gregarios. Ademais, que contan bos chistes”. Isto pensaba o director do equipo Sky sobre o grupo de Froome, grupo no que está MP (Morris Possoni) ou JLA (John-Lee Augustyn) e no que por debaixo de todos eles, está o ciclista surafricano. Podemos concluír dicindo que Chris Froome era, no 2011, antes da súa explosión na Volta a España, o peor corredor do equipo para o director Dave Brailsford. Hoxe é o líder indiscutible do equipo Sky.

Gráfico do previsible rendemento dos corredores do equipo Sky /Fonte: ciclismo2005.com

Gráfico do previsible rendemento dos corredores do equipo Sky /Fonte: ciclismo2005.com

  • Descubriuse hai non moito que Chris Froome sufriu no ano 2011 un episodio de bilharzia (tamén chamado esquistosomiasis), unha enfermidade producida por vermes e que Froome contraería nunhas vacacións en Quenia. Habitualmente produce altas febres, mais a Froome non lle foi diagnosticada ata meses despois no 2011, pois sentíase débil e non sabía os motivos. Para isto, a medicación é unha forte mestura de antibióticos que como resultado, altera os valores sanguíneos e polo tanto, anula a labor do pasaporte biolóxico. Non se soubo nada disto ata que Froome declarou no 2012 que sufrira o ano anterior un episodio de bilharzia, sobre o cal se tiña que medicar periodicamente e do cal aínda non estaba curado. “A medicación mataba todo o que tiña no corpo”, engadiu o queniano. Casualmente ou non, trala bilharzia o rendemento de Froome disparouse na Volta do 2011. Podedes e debedes ler máis aquí.

  • UK Postal. A variante británica do US Postal. O nome é orixinal de Sergio, do imprescindible blog Ciclismo2005.com, e fai referencia ó poderío do equipo durante a temporada ciclista. Xa o manifestaron durante o ano pasado, pero este ano, tanto en Dauphiné, como en Romandía ou en Tirreno, os gregarios do equipo Sky foron capaces de esnaquizar (a tradución galega de destrozar) pelotóns. Aínda sen ser un crecemento na montaña tan alarmante como o de Froome ou Wiggins, é de resaltar que nunca ata a súa fichaxe por Sky David López, Xabier Zandio, Dario Cataldo ou Geraint Thomas subiran como na actualidade. Un dato máis que invita a pensar na relevancia dos detalles e a biomecánica ou pola contra, en que o equipo enteiro vai presuntamente dopado. Fronte a estas sospeitas, o rendemento do equipo nesta edición do Tour 2013 está deixando moito que desexar, tendo como resultado a un Chris Froome loitando practicamente só contra os líderes e gregarios rivais.
  • Os crecementos estraños no conxunto Sky. Bradley Wiggins, Chris Froome, Richie Porte e Peter Kennaugh. Que teñen en común estes corredores? Todos comezaron destacando no terreo chan, algúns derivados da pista (Wiggins e Kennaugh) e outros porque destacaron desde os seus comezos como rodadores e contrarreloxistas (Porte e Froome). Coa fichaxe polo equipo Sky, todos comezaron antes ou despois a subir como anxos e destruír pelotóns enteiros. Wiggins sufriu a transformación a escalador no equipo Garmin, se ben rematouna no Sky, co que gañou o Tour de Francia do 2012. Porte logrou este ano subir cos mellores despois de nunca lograr resultados destacados na montaña, mentres que Kennaugh comeza a demostrar que está capacitado para subir cos grandes.

CONCLUSIÓN

Os dous últimos puntos recordan sen dúbida ó US Postal, onde os gregarios de Armstrong (Hamilton, Landis, Azevedo) acababan entre os mellores e eran capaces de loitar por triunfos nas grandes voltas. Sen embargo, hai unha esperanza. Os argumentos están sobre a mesa. Posiblemente o pasado ciclista e as casualidades que envolven a Chris Froome invitan a pensar de xeito negativo, se ben non podemos xulgar a ninguén en canto non se demostre a súa culpabilidade. Esperemos que o novo ciclismo exista de verdade e Froome sexa o primeiro que o encabece. Valverde, Contador ou Kreuziger están xa manchados pola dopaxe. Polo momento Froome non. As probas non xogan no seu favor, se ben está na cabeza de cada un pensar o que queira. A incógnita, de momento, seguirá presente.