“Posiblemente deixe pronto o Campionato de España”

A caravana do Vallejo Racing parecía o sitio ideal para un exercicio de confesión. Luz tenue e unha mesa apañada. Sergio Vallejo, o Lobo de Meira, respostou ás preguntas arredor da súa carreira calado nunha visera negra e co mono de competición posto. Na mirada azul dun estadarte do motor galego todavía se albiscaba unha mestura de rabia e impotencia por abandonar o Rallie de Ourense. Nin as peticións de autógrafos evitaron palabras sobre Nupel ou Luís Moya, nin o improvisado do encontro contivo as frases de cansazo no Campionato. Nada que non permitise un repaso en profundidade pola súa traxectoria para os lectores de Compostimes:

Dibujo

UN ABANDONO NA CASA

Un mal día…

Si, mal día. Hai días bos, hai días regulares e días malos…

 Alguén que está acostumado a estar nas primeiras posicións, ou polo menos, na parte alta da táboa, como leva un abandono coma este na casa?

Lévase mal pero realmente case podo dicir que estou máis acostumado a esto que a estar no podio, por desgraza. Sempre se fala da mala sorte de Carlos Sainz, pero todos os que practicamos deportes de motor, sobre todo nos rallies, hai moitos momentos de mala sorte. A uns acontécennos máis a miúdo pero creo que é unha cuestión deste deporte.

Sempre se fala da mala sorte de Carlos Sainz, pero nos rallies todos sufrimos eses momentos

 Máis nos rallies que na Fórmula 1.

Si porque nos rallies está todo moito menos controlado. Hai tramos que adoitan ser carreteras abertas ao tráfico. Neste caso, pinchamos unha roda por unha zona onde había moitas pedras soltas e en fin, é máis complicado.

 Que pasou esta mañá? (a mañá do Rallie)

Había unha zona de pedras e pinchamos un pneumático traseiro, e iso no noso coche é un lastre insalvable porque temos que poñer a roda dianteira no sitio da que estaba dañada e a roda de emerxencia diante. Esa operación leva arredor de tres minutos e en cada quilómetro perderiamos moito tempo con esa montura de rodas. A fin de contas, suporía unha perda de 7 minutos.

 Como di miña avoa: “sae máis caro a salsa que o peixe”

Claro. Co presuposto que temos non interesaba seguir porque gastamos moita pasta en pneumáticos para facer un rallie no que difícilmente rematasemos entre os dez primeiros.

 A LENDA DO LOBO

Cambiamos de tercio. De donde ven eso de Lobo de Meira?

Ven dun rallie que fixemos na Coruña e marcamos un scratch (mellor tempo nun tramo) cun coche moi modesto, un Peugeot 309 de serie, de noite e con moita néboa. Ao día seguinte estabamos na entrega de premios, na praza María Pita de A Coruña, e os compañeiros e mais outros pilotos apareceron cun xornal dese día. A portada dicía: “Lobos na Serra de Meira”. Daquela dicían que como non íamos gañar os tramos se tiña vista de lobo! Era o ano 87 ou 88. A partires dese día, quedou o do Lobo de Meira.

OURENSE

Ourense para ti é como unha segunda casa.

Sí, a primeira vez que cheguei aquí era o ano 85. Cando cheguei á Escudería (Ourense) para pedir o roadbook (libro de ruta) e Diego (seu irmán e copiloto) viña conmigo con doce anos para facer os recoñecementos case nos botan da Escudería porque pensaban que iamos pedir pegatinas (ri). Collemos unha boa amizade coa xente da Escudería cando comezamos a correr asiduamente o campeonato de España deixamos a Escudería Miño de Lugo para competir coa Escudería Ourense. A Escudería é a nosa segunda casa, coñecémolos a todos.

 Nembargantes, Ourense ten algo especial respecto doutros rallies?

En parte porque durante moitos anos no Campionato de España o rallie máis cercano era este, logo Vigo. A día de hoxe, tamén está Ferrol, pero teño moitos amigos de Lugo que me ven neste rallie.

 O PORSCHE E OS GT

Aínda que non sexa o día maís indicado para preguntar polo coche, cando pasaches da montura do S1600 ou S2000 aos GT, como foi o cambio? Que se sinte ao manexar unha besta coma o Porsche nun tramo como o de Peares? Está a altura dos mortales?

(ri) Ao principio parecíame complicado, pero despois de facer un rallie bastante serio cun Porsche 996 xa vin que no coche había moitos cualidades positivas. Despois a reglamentación permitiunos empregar os 997 Cup cunha boa caixa secuencial. Adaptámolo ben para rallies e é unha auténtica gozada. Sen dúbida podo dicir que é o coche máis agradable para un piloto. É difícil pero á vez o máximo para un piloto.

Competir co Porsche é o máis agradable para un piloto

 Recordo unha vez que estaba no tramo de San Pedro de Rocas. Pasaches de frenada e fixeches un 0 (xiro de 360 graos). Eu daquela era o único que o grabara en vídeo co móbil e todos os que estaban naquela curva viñeron onde estaba eu. Supoño que os coches como o Porsche, o Lotus de Muñiz ou o Mini WRC  de Monzón atraen máis xentes ás cunetas. É outra forma de ver os rallies?

Sí, son coches que transmiten mellor cara fóra o que pasa dentro do coche. Hai coches nos que dentro vas ao límite pero que logo non se moven o non fan ruido e son menos divertidos. Estes coches derrapan e divirten doutra forma.

 Entre outros, ti pilotaches un Seat Panda, un Peugeot 309, un Peugeot 106 Rallye, un Citröen ZX, un Citröen Saxo, un Fiat Punto, un Mitsubishi Lancer, un Porsche do Team Oreca e mais do Nupel e un Ford Fiesta S2000. Con cal te quedas?

Co Porsche sen dúbida. Por moitos motivos, pero pensando nas sensacións pilotando e dentro do coche para min o mellor é o Porsche. Posiblemente non sexa o máis rápido nalgunhas situacións pero é o máis agradable. Tiven sorte de correr algún rallie cun WRC e facer test con coches do Mundial e daban sensación de correr pouco. Os chasis e a suspensión son moi bos pero non te esixen tanto.

 E cal é o coche no que tes mellores recordos? Tamén o Porsche?

Bueno, teño un gran recordo do Citröen Saxo Kit Car. Era un coche pequeno e moi lixeiro. En auga era superior a coches máis grandes e, en teoría, máis competitivos.

ol

O MERCHANDISING E A AFECCIÓN

O que vexo eu nestes días, respecto doutros moitos pilotos, é o do merchandising no Vallejo Racing, que axudou a crear un sentimento de pertenza a todo aquelo relacionado cos irmáns Vallejo. Como manexades iso? Trátase dun Red Bull en pequeno?

(ri) É que unha cousa leva a outra. Realmente non foi nada pensado nin preparado. Sempre trato de ter cercanía coa afección, porque nós tamén somos afeccionados. É ser un mesmo e pouco máis. Nunca me nego a unha foto ou a un autógrafo por moi enfadado que estea. Non é unha cousa que se logre dun día para outro. A xente ve que es natural e por iso a xente se sinte identificada. Dentro do noso equipo todos os compoñentes levámonos moi ben e somos xente agradable, de aí comezamos vendendo camisetas e a día de hoxe é unha parte importante do noso ornamento.

En Galicia cando baixas as revolucións notas os berros. Ese apoio é máis satisfactorio que as vitorias

Cando corres un rallie sempre se oe o tópico de “aquí en X lugar sentimos o calor da xente”. Entón eu penso para min: estes homes que van a velocidades altísimas onde o resto non pasamos de 50, como van sentir o que fai a xente?

Pero captamos eso. Notas como a xente move os brazos e cando o motor baixa de revolucións notas os berros. En Ourense, en Vigo e en Galicia en xeral ese apoio é moi grande, pero non só aquí. En Canarias alucino e en Andalucía tamén. Non me podo queixar, iso é máis satisfactorio que as vitorias.

 Antes xa me deches pé a pregunta que ven a continuación. Podería dicir que eres como unha especie de Carlos Sainz ou Fernando Alonso.  galego?

Para nada teño esa sensación. O fenómeno Carlos Sainz foi unha pasada para a xente que nos gustaban os rallies. Era como unha especie de deportista abanderado, como Ballesteros no golf ou Nadal no tenis. É unha lenda viva. Eu xamáis tiven esa percepción. Trato de practicar o deporte que me gusta, estar cos meus amigos e coa afección.

 MARCA GALICIA

O outro día Nadal gañaba o seu oitavo Roland Garros e a os xornais do día seguinte abriron dicindo que Nadal era un dos mellores representantes da tan famosa “Marca España”. Non pensades que os irmáns Vallejo son representantes da “Marca Galicia”?

Iso é un piropo moi grande. Non sei (suspira). Xa me gustaría que fose así pero o noso deporte é moi distinto. En tódolos deportes, os que gañan teñen unha compensación económica. Nós gañando o Rallie de Vigo recibimos 0 euros. Claro que me gustaría ser unha imaxe de Galicia pero non nos sentimos apoiados. A Federación é un desastre, en definitiva, toda a montaxe do automovilismo e un desastre.

Cando coñecín a Luis Moya caéuseme un mito

 Incluido en Galicia, claro…

En toda España. Mundialmente as federacións de automobilismo son un desastre. Agora din que se votou nunha reunión da Federación que os pilotos non percibiran premios económicos. Pois tamén queremos unha reunión onde poder votar que os directivos da Federación non cobren. É un menosprecio cara os pilotos.

Dibujo2

NUPEL, LUÍS MOYA, DORRIBO E OS VOITRES

Xa que falabamos antes de Carlos Sainz, ti non tes de copiloto a Luís Moya. Que foi para ti Luis Moya?

(sen titubear) Unha decepción grandísima. A caída dun mito. Para min era un galego bicampeón do mundo, un ídolo para min. E cando o coñecín personalmente comezouse a derrubar o mito.

 Xa dende o minuto 1?

Moi pronto, a verdade. Despois houbo diferencias insalvables. Eu teño o meu carácter pero non me pisa ninguén por moi bicampeón do mundo que sexa. Coa verdade por diante e cuns principios, dame igual ante quen estea. Chegou un momento no que me tiven que plantar diante del e pasou o que pasou. Imaxino que un día pedirame disculpas pero se non o fai, alá el…

 Lía estes días nas hemerotecas que estabas descontento coa evolución do coche cando corrías con Nupel. É dicir, como se o equipo non estivera ao 100% para que te proclamaras campión de España. Que hai de certo nisto?

Mira, simplemente eran tantas cousas, tantas! Eu pensei que o tempo colocaría a cada un no seu sitio. Era un cuestión de esperar, de seguir o meu camiño á marxe de toda esta xente. Un ano despois viuse como acabou todo e por iso digo que as cousas, a historia, están aí para ver. Supoño que Luis Moya darase conta dos seus erros, de quen se tiña que fiar e con que tiña que ser considerado. Despois todos vimos o que pasou, non fai falta que diga eu nada.

 Pouco despois da túa saída de Nupel tivo lugar a coñecida “Operación Campeón”. Case te colle dentro do equipo…

Sí, sí pero era algo que se vía vir dende moito tempo antes. Non deixa de ser un patrocinio dunha empresa. Realmente non tes que dubidar da súa procedencia.

En Nupel vin que a cousa ía estourar desde o minuto 1

 Pero cando estabas dentro do equipo, percibías que dun momento a outro todo aquelo ía estourar?

Sí, esa sensación xa a tiven dende o minuto 1. Pero bueno, segues e vas vendo que ata os políticos máis importantes dábanse cobadazos para facerse fotos co patrón de Nupel (Jorge Dorribo). Por un lado ves cousas pero por outro pensas: “igual todo é real”. Aínda que se vía vir.

 Hai como tres correntes: hai quen pensa que deixas o equipo Nupel só por motivos deportivos, outros cren que é fundamentalmente por motivos extradeportivos e logo existe un terceira “corrente” que fai un mix das dúas primeiras.

É un mix, claro. Foi un mix. Mira, cando hai alguén que ten a capacidade económica para montar o que se montou, é normal que salgan moitos voitres ou como lle queiras chamar, que todos queren chuchar dese frasco. E se ademáis ves lixeireza á hora de gastar os cartos, de despilfarrar, mentres todo o mundo lle fai a pelota ao que gasta a pasta, eso rebenta seguro! Pero todos eses voitres foron os que dende o primeiro minuto dixeron que non tiñan nada que ver e que non sabían nada. Coño, como non sabiamos nada?! Era evidente! É que che podo dar mil nomes: Xevi Pons, Roberto Méndez, Luis Moya…

 Acudiron coma voitres a un nido de cartos…?

Aquelo era unha xaula de…en fin. Un ano despois, Dorribo vai ao cárcere e todos estes non coñecían a Dorribo. Venga home…en fin…

 DIEGO VALLEJO

(Despois dun incómo silencio) Como é ter un irmán á dereita no coche, de copiloto tantos anos?

(volve rir distendido) Na relación piloto-copiloto ten que haber moita complicidade e compenetración, pero ademáis este é un deporte de tensión en moitos momentos, no que actúas baixo presión. Sempre é positivo contar con alguén co que teñas mutua confianza. Podes dar unha mala contestación ou un mal comentario pero se te coñeces ben sabes que é cuestión dun momento.

Dibujo3

CIRCUITO GALEGO XA!

Parece que está algo difuminado, pero houbo un tempo no que un movemento, “Circuito Galego XA!”, pedía a construción dun circuito en Galicia. Contando coa numerosa afección galega que se dá lugar nas cunetas, nas subidas…que opinas dun proxecto coma este?

Sí, hai moita afección ao mundo do motor pero o momento era outro, no que había máis bonanza económica. Só hai que ver casos de circuitos españois, ou en Reino Unido ou Francia; é moi complicado que sexan autosuficientes. Se non fas un circuito que pretende albergar a Fórmula 1, que é ao que todos aspiran, é insostible. En Valencia está o Circuito de Cheste e está prácticamente abandonado, porque o GP de F1 faise nas rúas de Valencia. É un erro de plantexamento facer megaproxectos así.

 Aínda así, o Motorland (en Teruel, alberga MotoGP) funciona ben?

Sí, algo máis normal para categorías menores onde os afeccionados poidan rodar.

Se aínda os rallies desen un bo rendemento económico poderíame plantexar seguir moitos anos. Ó non ser así, probablemente o deixe pronto

 Claro, estamos falando de circuitos onde un fin de semana vén o campionato de Fórmula 1 e reporta moitos cartos. Pero hai outros modelos, como o de A Pastoriza. Non verías convinte facer un circuito de medio tamaño con esa filosofía?

O funcionamento do circuito de A Pastoriza é ideal porque hai actividade tódalas semanas: probas de coches, concursos de conducción, a escola PTC…Que faltaría entón? Pois un circuito un pouco máis grande para que coches potentes collan algo máis de velocidade. Pero a xestión do circuito é idea, sen pensar en grandes eventos.

RETIRADA?

Xa rematando, para canto temos Sergio Vallejo?

Ah, non sei. Por exemplo, con Campionato de España, coa tensión que conleva, o presuposto, os medios, o equipo…a verdade, e sendo sinceros, estoume a cansar. Se aínda puidésemos sacar un rendemento económico interesante podería plantexarme seguir moitos anos. Iso non é a realidade e estou bastante canso de estar no Campionato de España, así que posiblemente o deixe pronto. Posiblemente, non sei. Creo que será dun día para outro no que direi: “non me apetece seguir”. Pero dende logo non farei o que a maioría dos pilotos porque ser piloto está no sangue e morres sendo piloto. Moitos anuncian rolda de prensa, retirada…non! Eu non me vou retirar nunca. Podo apartarme do máximo nivel pero seguirei facendo carreiras sempre que poida ata que físicamente me sexa imposible.

 Agradecementos a Santiago Peleteiro pola súa colaboración e as fotografías.