Paulo Carlos López: ”O nacionalismo ten máis forza separado que unido”

Partidos políticos, rexeneración democrática e futuro converxen nun punto común; a mocidade. Nestes días de desafección política, cando alguén nos di que forma parte dun partido automaticamente facémonos moitas preguntas, e máis se é novo. Que fai dentro do partido? Con quen traballa? Ten algún poder decisorio? Tras falar con Arturo e con Chema,  tócalle o turno a Compromiso por Galicia (CxG) e ás súas organizacións xuvenís afíns. Reunímonos con Paulo Carlos López, politólogo, xornalista, membro da Executiva Nacional de CxG, e exsecretario xeral da Mocidade Nacionalista Galega (MNG) desde o día 27 de Abril, a unhas semanas da realización da entrevista. Salientando o que diferencia as relacións de CxG cos sectores máis novos do resto de partidos, isto foi o que falamos con el.

UN ESPAZO PARA A MOCIDADE GALEGA

Por que entraches en Compromiso por Galicia? Como soubeches que era o teu partido?

Non falamos de nós
mesmos, senón de temas
que son de interese común

Comecei na política logo de concienciarme do desastre do Prestige. Tras un proceso de reflexión entendín que a participación sociopolítica era a mellor forma de actuar. Despois optei por afiliarme ao nacionalismo galego e tras un xiro, decidín unirme ao proxecto galeguista de Compromiso por Galicia, que ten a súa transacción xuvenil na Mocidade Nacionalista Galega.  Decanteime por CxG porque era o que eu defendín, galeguismo integrador con vocación de goberno e un proxecto que intenta dotar a Galicia das ferramentas do seu mellor autogoberno.

As organizacións de Anova ou Xuventudes Socialistas
seguen a vivir na estratosfera política,
non están coa xente nova e cos seus problemas

Para coñecer un pouco o funcionamiento das Mocidade Nacionalista Galega, que actividades desenvolvedes?

Charlas afectivo-sexuais, concienciación sobre a corrupción política, desenvolvemento de xornadas políticas con créditos de libre configuración dentro da universidade, actividades de lecer e tempo libre, charlas, coloquios e participar da vida organizativa… O que nos diferenciou das mocidades doutros partidos é que non falabamos de nós mesmos senón que tratamos temas que son de interese común como poden ser o emprego xuvenil, a renda básica de emancipación… Entón nós tiñamos unha radiografía de asistentes aos nosos actos que non respondía ao patrón doutras organizacións de mocidade, que era que a nós víñanos máis xente de fóra que de dentro e que nós eramos quen de ter máis simpatizantes que pertencían a xente moza que xente da propia organización. En troca, se ti vas a un acto de organización de Anova, ou de Xuventudes Socialistas, non atopas nin unha persoa que non sexa da organización…. Por que? Porque esas organizacións seguen a vivir na estratosfera política, non están coa xente nova e cos seus problemas. Debaten cuestións total e absolutamente irrelevantes.

Que papel teñen aqueles rapaces e rapazas de MNG afíns a CxG dentro do propio partido?

Hai xuventudes como as do Partido Popular que son unha ferramenta de construir cadros políticos, cunha visión infantil, con perspectivas de crecer internamente, e actuando de xeito paternalista sobre os mozos aos que tratan coma críos. Nós temos unha relación de independencia entre CxG e MNG, pese ao cal os mozos de MNG teñen representación directa dentro dos órganos de CxG e no Consello Nacional. Temos en exclusividade o desenvolvemento das políticas xuvenís do partido, é dicir, que estas políticas son decididas por xente moza e para xente moza entre membros de MNG, aínda que insistimos na necesidade de manter certa independencia a fin de evitar actitudes paternalistas.

Que che achegou e que achegaches ti ás Mocidades?

Achega satisfacción porque ves que es quen de transformar esas inquedanzas que tes para mellorar a sociedade. Realmente o que estás facendo é achegar o teu gran de area para que a mocidade teña mellores condicións materiais e vitais e así facer avanzar o teu país. Sei que pode ser dificilmente comprensible, sobre todo pola xente que non milita, pero tes esa sensación de que estás facendo avanzar algo. Eu sempre lle contesto a xente que unha vez que estás metido na política é moi pracenteira se ves que a xente que tes a teu arredor ten mellores condicións materiais de vida.

As Xuventudes do PP teñen unha
visión infantil e paternalista

Eu comecei no nacionalismo xuvenil no ano 2003 , cando comecei a militar tamén no BNG. Estiven en correntes de Galiza Nova que logo desembocaron nas Mocidades Nacionalistas Galegas…

CONTRASTE DE TEXTURAS 

Pódese observar que os diferentes enfoques do nacionalismo galego foron distanciándose  entre si nos últimos anos, non sería máis positivo unirse para facer política contra o Partido Popular e o Partido Socialista Galego?

Hai probas de que o nacionalismo totalmente unido ten un tope electoral, proba de iso é o 25% obtido no ano 97. Ademais é san que haxa diferentes sensibilidades para que os votantes teñan diferentes alternativas ás que votar. O que nos diferencia é bastante, eu creo que o nacionalismo separado, desde un punto de vista organizativo, ten máis forza de expansión na sociedade que o unido sempre.  Sempre é viable facer acordos postelectorais para loitar contra as políticas de austeridade.

Con Anova temos unha relación normalizada

E CxG axústase a esa fórmula?

Nós estamos en proceso de construción, pero conseguimos algunhas cousas como aspirar a ser patrimonio da cidadanía. Estamos nese camiño. Elaborar primarias abertas, por exemplo, foi percibido como unha mensaxe de que CxG tiña moito que dicir na política.

Rafa Cuíña é unha persoa
profunda e absolutamente
de esquerdas

Falando das relacións que tedes cos partidos, como están as cousas con Anova despois da ruptura co BNG?

As relacións con Anova, alén das relacións persoais que poidamos ter con eles, é cordial. Temos unha relación normalizada, como dúas forzas políticas do sistema político galego que somos. Nada máis. É unha relación entre dous partidos que comparten algunas visións e que non coinciden noutras.

Paulo Carlos CxG

Asóciase a CxG a mesma actitude que a UPyD, non amosar de maneira clara se as súas ideas son de un lado ou doutro. Que posicionamente ten o teu partido?

Non temos nada que ver con UPyD. Non estamos no medio entre dúas augas, entre o PP e PSOE, ou entre o BNG. Nunha sociedade en crise, as ofertais electorais polarízanse, iso é evidente. Pero somos xente con compromiso, coherente, xente que ten un plan a longo plazo, o que se paga sempre na política é non ser consecuentes, e nós somos consecuentes. Non é o mellor momento para plantexar un proxecto socialdemócrata nun partido nacional galego, pero estamos sementando e logo recolleremos o que sementamos. Eu estou total e absolutamente seguro. Non miramos os retos electorais a curto plazo, porque se o quixesemos a curto plazo, nas anteriores eleccións teriamos feito outras cousas ben diferentes e agora podería haber militantes de CxG no Parlamento Galego. Pero desta forma, non seríamos consecuentes con nós mesmos, coa militancia e sobre todo a medio e longo prazo co proxecto político que queremos desenvolver para a cidadanía.

Unha figura como  Rafa Cuíña, procedente da dereita, é consecuente coa idea do partido?

Se Rafa Cuíña aceptou os posicionamentos de CxG, un partido de centro esquerda e nacionalista, eu non lle vou a preguntar a xente de onde vén, senón a onde quere ir.

Pouco podo criticar a CxG

Pero non cres que a imaxe que da afecta directamente ó partido? 

Si, pero tamén temos que contextualizar a Rafa Cuíña dentro da familia na que estaba e dentro das súas relacións persoais. Se o coñeces persoalmente daste de conta que é unha persoa profunda e absolutamente de esquerdas. Independentemente de que por cuestións vitais tivera que militar no PP. Dígocho con total convencemento e coñecéndoo.

Persoalmente, estarás de acordo e en en desacordo con certas cousas do partido. Que cambiarías actualmente de CxG?

Sendo membro da executiva de CXG e Secretario Xeral das Mocidades Nacionalistas de Compromiso por Galicia e sendo amigo íntimo do secretario xeral, pouco podo criticar a CxG. Pero é unha organización nova que ten que medrar. O que lle falta a CXG é unha coordinación comarcal moito mellor. O que lle falta é expandirse territorialmente, pero claro, é unha organización nova.

VIRTUDES FUTURAS DOS HOMES, DESEXOS DOS MOZOS

Nótase un descenso da confianza na política entre a mocidade?

Brutal. Todas as organización estamos tendo unha baixada de militantes. Cada vez que te presentas a alguén e dis que non eres político, senón que participas nunha asociación xuvenil, xa xeras rexeitamento. Creo que a desafección entre a xuventude e a clase política é cada vez maior. Esa mocidade demanda unha forma nova de facer política, igual que a xente maior. Nós intentamos combatir isto evitando que haxa persoas imputadas nas listas de CxG, celebrando unhas primarias cun censo controlado entre os candidatos á Presidencia da Xunta, nelas puideron participar simpatizantes e militantes sen distinción.

Non se aproveita a capacidade da
mocidade á hora de conectar coas
novas formas de pensamento

Notas que a xuventude coa que tes relación nestas asociacións teña vontade de traballar en política?

Non, non hai esa visión porque compartimos a idea de que a profesionalización da política non é o camiño axeitado, no sentido de que aquelas persoas que traballen na política deben ter tras deles unha serie de características que avalen a súa excelencia. O que queremos evitar é que os políticos que saian das diferentes facultades da universidade non pasen a ser asesores ou liberados. Ten que haber algo máis detrás se queremos unha rexeneración democrática.

Cres que os partidos galegos deberían empregar máis a imaxe das súas mocidades para reclamar a xente nova?

O traballo das xuventudes dos partidos foi empregada para pegar e suxeitar carteis. Non se aproveita a súa capacidade de conectar coas novas formas de pensamento.

Os partidos e a cidadanía
están cada vez máis alonxados

Neste momento de crisis, como é percibido o futuro político dende os sectores máis novos?

O futuro vese moi fastidiado. A crise puxo á descuberto que a mocidade é un dos sectores máis vulnerables. A sociedade necesita cambiar e o motor disto ten que ser a mocidade. Viuse no 15-M e noutros movementos sociais onde o actor fundamental foi a mocidade. A crise mostrou que a vella oligarquía e as vellas formas de facer política non o van conseguir. Se non entendemos isto dende o principio, non conseguiremos ningún cambio.

Cres que os partidos políticos están a canalizar axeitadamente o descontento cidadán?

Non están, ou mellor dito, non estamos sendo quen de canalizar ese sentimento. Os partidos e a cidadanía están cada vez máis afastados, a solución é implicar a mais elementos ademais dos partidos políticos e cambiar o modelo tradicional de partido político. Estamos a vivir unha reformulación do propio sistema de partidos. Baixou o apoio ao PP. A cuestión é atopar unha fórmula que encauce as solucións aos vellos problemas.

Un político que admires do teu propio partido e doutro partido?

Eu admiro a Xoán Bascuas, a súa entereza, a capacidade, a súa visión política, o seu traballo, a súa xenerosidade e máis cousas que podería dicir que están fora de toda dúbida. E a quen admiro doutro partido?… Vou dicir do panorama internacional. Eu teño moita admiración por Lula da Silva. E tamén teño moita admiración por Olof Palme, primeiro ministro sueco, asasinado nunhas circunstancias moi estrañas. Ámbolos dous conseguiron desenvolver unhas políticas socialdemócratas que conxugaron moi ben a igualdade e a liberdade.

Non é o mellor momento para
propoñer un proxecto socialdemócrata
nun partido nacional galego

E despois do panorama político galego? A que político podo admirar? A dúas políticas do sistema político español. A Uxue Barkos, portavoz de Geroa Bai, unha loitadora a nivel persoal e profesional. Logo a Mònica Oltra, voceira do Parlamento Valenciano de Compromís del país Valencià.

Entrevista realizada por Roi A. Sebio Puñal,  Adrián González Placer e Irene Picallo Doce.