Paol Keineg, bardo bretón

O poeta da Bretaña. Iso é o que representa Paol Keineg. Poeta do pobo bretón. Un pobo  ao que lle quixeron roubar a súa dignidade, o valor de ser distinto. O pobo bretón, coma o galego, sufriu, e mesmo segue a sufrir, unha terríbel carencia de estima propia. Estima que Keineg soubo recuperar con obras  como “Le Poème du pays qui a faim” ou “Le printemps des Bonnets Rouges”.

Paol Keineg naceu na Finistère bretoa, prima irmá da nosa Fisterra. Licenciado en Letras Modernas, exerceu a docencia ata 1972, momento no que o afastan por motivos políticos debido ao seu forte compromiso co nacionalismo bretón. Keineg foi un dos fundadores, o máis novo, da Union Démocratique Bretonne (UDB), en bretón Unvaniezh Demokratel Breizh.

Bandera de Bretaña

A UDB nacía no 1964, como unha escisión do Mouvement pour l’Organisation de la Bretagne e cunha clara vontade autonomista. Mais nun contexto no que os propios bretóns rexeitaban selo. Rexeitaban o seu pasado, tanto o  bo coma o malo. Rexeitaban a súa lingua, a lingua bretoa, como un camiño para acadar a modernidade. Un camiño que lamentabelmente levaba parello o esquecemento dunha identidade propia.

En 1965 publicábase o poemario “Le Poème du pays qui a faim”, o que lle reportou certa sona. Porén foi a obra teatral “Le printemps des Bonnets Rouges” do 1972 a que o converteu case nun heroe nacional. “Le printemps des Bonnets Rouges”, escrito con cólera e frustración, converteuse no manifesto do pobo bretón.

Poucos anos despois, e fuxindo do centro de atención, trasladouse para os Estados Unidos de onde non retornaría definitivamente até tres décadas despois. Alí, e de xeito clandestino xa que carecía de permiso de traballo, foi moitas cousas. Continuou a ser o poeta do seu pobo, mais tamén foi soldador, xardineiro, pintor e unha chea de cousas máis. Co tempo matriculouse na Universidade de Brown, en Rhode Island, onde se doutorou en 1981, sendo logo profesor de literatura francesa e clásica en diferentes universidades estadounidenses.

Keineg presenta nas súas obras a esencia da Bretaña e dos bretóns. A súa paisaxe, a súa xente, os seus costumes, a súa personalidade. E as semellanzas coa Galiza e co pobo galego aparecen de xeito constante na maioría das súas obras. Concretamente en “Le Poème du pays qui a faim”, onde a emigración aparece recollida como unha das peores lacras sociais.

Paol Keineg 2

A Galiza e a Bretaña sempre foron irmás. Tan semellantes. Tan iguais. A nosa cultura está chea de referencias a ela. Castelao non só escribiu  “As Cruces de Pedra na Galiza” senón tamén  “As Cruces de Pedra na Bretaña”, constatando que eran iguais. Cunqueiro levounos á Bretaña en “As crónicas do Sochantre”. E Ferrín coa súa  “Bretaña Esmeraldina”.

Mais os vínculos non só son culturais, senón tamén políticos. En 1974 firmaban a Carta de Brest a Union Démocratique Bretonne (UDB), o Irish Republican Movement (IRM) e a Unión do Povo Galego (UPG) co fin dunha Europa unida en estados socialistas e independentes. Unha carta que posteriormente tamén asinaron outras formacións a prol da autodeterminación como a Herri Alderdi Sozialista Iraultzailea (HASI) de Euskadi.

carta de brest

“Le poème du pays qui a faim”, traducido ao galego en 1978 como “O poema do país que ten fame” e publicado por Edicións do Rueiro, lévanos á Bretaña, mais tamén á Galiza.  Coñecemos ao pobo bretón ao tempo que nos recoñecemos a nós mesmos. Culturas irmás, partillamos un pasado no que existían culturas superiores e inferiores. Porén, a realidade é outra. Non hai cultura que este por riba doutra, e moito menos lingua. A cultura bretoa e galega son culturas parellas. “Le poème du pays qui a faim” fainos pensar en nós mesmos. Pensar na Bretaña e ao mesmo tempo pensar na Galiza. Sentírmonos identificados.

 

mais por ter sido vencidos

puñeronlle o freno na boca

puñeronlles o buzo nos fuciños

e os seus fillos

os seus fillos esquecedores da iauga verde dos fosos

do marmuiro da espiñeira do cacarexo das

choias

Os seus fillos esquecedores e insaciables

os seus fillos marcharonse en bancos apretados

bretóns esportados… bretóns deportados…

bretóns temporeiros en Jersey… bretóns granxeiros da Aquitania…

bretóns canalizados… esmagados… bretóns obreiros en París…

bretóns  manufacturados…  moldeados… estereotipados…

mirados calibrados desinfectados envolvidos encaixados i espedidos

bretonciños semellantes e intercambiables…

bretóns inadaptados esplotados humillados asoballados aspirados

asfisiados esquecidos… bretóns colonizados…

bretóns subdesenvolvidos…