O ollar de Bretón

O ollar de José Bretón seduciu estes días a toda España. Loxicamente non no sentido amoroso clásico, pois estes ollos conseguiron namorar só unha vez. Imaxínome a Bretón nunha discoteca alcanforada de aldea, bailando con Ruth ós ritmos do sintetizador camelesco das Words de F.R. David. Daquela, ámbolos dous eran descoñecedores do tráxico destino que agora todo televidente coñece. O engado da mirada de Bretón é o engado da maldade, que en certas personaxes se condensa en tal proporción que xeran unha repulsión que, de tan forte, parecería transformarse nunha irresistible atracción.

A mirada do cordobés debe de ter algún parentesco cunha galleta típica francesa, o palet breton. O palet está feito a base de manteiga, de xeito que o seu sabor untuoso se prolonga no cumio do padal durante un tempo infinito. A pantalla dos televisores polos que medio mundo está vibrando co “caso Bretón” actúa como unha lupa e intensifica os efectos do ollar do acusado. Mais o bouquet deste ollar non é doce e melifluo coma o das galletas de manteiga, senón que a concentración de crueldade que sae desas pupilas chega a empalagar. Calquera persoa que cate a mirada de Bretón non se pode separar dela durante moitos días, chegando a ver eses ollos que bordean a psicopatía en todas partes. A vítima desta cruel atracción pasa a ver un José Bretón en cada viandante, en cada pasaxeiro do tren e mesmo en cada figura da baralla de cartas.

Bretón pasará a historia baixo algún pseudónimo rimbombante, algo do estilo de “el villano de Las Quemadillas“. Nos libros de historia negra —que é a historia que, en vez de escribirse con sangue, suor e bágoas, se escribe con bile e pus—, o epíteto escollido aparecerá canda outros, coma o de la dulce Neus ou o do asasino do rol. Seguramente os seus nomes serán máis coñecidos ca os de milleiros de científicos, artistas ou boas persoas rasas, porque chegarnos ó centro do fígado é moito máis doado ca tocárno-lo núcleo da razón.

O xuízo a José Bretón é un proceso sumarísimo, sen dúbida. O xurado popular entorna os ollos con ira e rancor cando o ve entrar declarar, o público da Audiencia de Córdoba non pode reprimir un arrepío mentres Bretón controla as testemuñas coa mirada, como querendo teledirixi-las súas palabras. Algúns medios denomínano xa “«presunto» asasino”, coas comiñas castelás brillando en todo o seu esplendor sobre a presunción de inocencia. Toda España sentenciouno xa como culpable, aínda que os expertos din que é posible que non haxa probas abondas. Mais, en democracia, é o pobo quen decide, e o pobo xa atopou a proba decisiva en contra de José Bretón: o seu ollar.