Galicia (non) é unha mina: Corcoesto, a primeira batalla dun país en perigo

No céu cinzento sob o astro mudo

Batendo as asas pela noite calada

Vêm em bandos com pés de veludo

Chupar o sangue fresco da manada.

Se alguém se engana com seu ar sisudo

E lhes franqueia as portas à chegada

Eles comem tudo, eles comem tudo

Eles comem tudo e não deixam nada.

Vampiros, Zeca Afonso.

Bergantiños, terra de amplos vales e espesos montes. Fogar do río Anllóns, que no seu vagarento discorrer enche de vida unha comarca afamada por se-lo berce dalgúns dos mellores produtos agrícolas e pesqueiros de toda Galicia, así coma dun vasto patrimonio natural e xeolóxico. Todos coñecemos a excelencia da pataca de Coristanco, ou dos percebes de Corme e Malpica. Todo o mundo debería poder marabillarse algunha vez coas fermosas paraxes do Refuxio de Verdes, e senti-lo peso da historia ao entrar no Castro de Borneiro. Bergantiños, coma toda Galicia, é testemuña dunha vida ligada á terra e transmitida de xeración en xeración. Unha vida ameazada agora por eses vampiros dos que nos falaba o gran Zeca Afonso nunha das súas máis famosas composicións. A localidade de Corcoesto, na que a empresa canadense Edgewater pretende instalar unha mina a ceo aberto -o tipo de mina que xa explicamos nestoutro artigo-, converteuse, sen querelo, no epicentro dunha loita que vai máis alá das individualidades ou as ideoloxías. Unha loita que nos sitúa ao carón doutros moitos pobos do mundo, que sofren día a día as consecuencias do tan prostituído “progreso”. A de Corcoesto é unha loita polo dereito universal máis fundamental: o dereito á vida.

Edgewater, quen son?

Se buscamos na súa páxina web, “Edgewater Exploration é unha compañía de desenvolvemento mineiro con sede en Canadá, concentrada en converterse nun produtor medio de ouro”. Tamén explican que a empresa está avanzando progresivamente co proxecto aurífero de Corcoesto, do cal posúen o 100% dos dereitos. Nesta páxina podemos atopar varios documentos de interese, entre eles esta nova da TVG na que o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anuncia a creación de nada menos que 1400 postos de traballo, entre directos e indirectos. Unha cifra que non se achega moito á realidade, xa que a propia empresa anunciou que os postos non superarán os 300.

Corcoesto non é o único proxecto da mineira, xa que, segundo explica o seu presidente George Salamis, tamén son propietarios dunha mina de ouro en Ghana, país no que organizacións internacionais, coma Mining Watch, teñen reportado numerosas irregularidades relacionadas coa minería, algunhas especialmente graves, coma o desprazamento de comunidades enteiras dos seus fogares, ou o incumprimento dos contratos de expropiación e venda de terras.

Mais non será Edgewater quen leve a cabo o proxecto, senón a súa filial, Mineira de Corcoesto S.L., coñecida anteriormente como Río Narcea Gold Mines S.L. Un nome que se fará familiar sobre todo para os asturianos, que, despois de comprobar nas súas carnes o fracaso das minas de Belmonte e Salas, levan anos opoñéndose ao proxecto mineiro de Tapia de Casariego por outra filial canadense chamada Asturgold. É realmente complicado seguir o aparello empresarial destas empresas e distinguir onde remata unha e comeza a outra, porque niso se basea este negocio: filiais de filiais que limitan responsabilidades en caso de desastre ambiental.

O proxecto en cifras

Segundo o primeiro proxecto presentado, a mina de Corcoesto ocupará arredor de 700 hectáreas entre escombreiras (norte e sur), balsa de lodos e pozos de extracción. Estes últimos, que constitúen a área que será voada con explosivos, alcanzan un total de 392 hectáreas pertencentes aos montes bergantiñáns, xusto á beira das parroquias de Corcoesto, Cereo e Valenza. Para que nos fagamos unha idea, só a zona de extracción terá un tamaño semellante a todo o concello de Cangas, de 26.000 habitantes.

Vista aérea da zona mineira

Vista aérea da zona mineira

 

A mina terá unha vida útil de aproximadamente unha década, cuxa xeración de emprego será concentrada nos primeiros anos desta, e durante a cal a empresa planea extraer 100.000 onzas de ouro ao ano, unhas 34 toneladas de ouro en total. Isto xerará, entre outras cousas, uns dezasete millóns de toneladas de residuos de metais pesados e cianuro que, sen dúbida, chegarán a contaminar os acuíferos e a terra, así como máis cen millóns de toneladas de entullos rochosos, cuxo po será esparexido por toda a comarca. Unhas cifras tan estratosféricas que semellan difíciles de crer.

A pirámide da cobiza, SGHN

A pirámide da cobiza, SGHN

A desaparición da auga

Estímase, segundo datos da propia empresa, que a mina de Corcoesto captará, ao día, máis dun millón de litros entre augas superficiais e subterráneas. Isto equivale, anualmente, ao consumo de poboacións enteiras. A mina captaría cada ano 310.000 metros cúbicos que non devolvería, unha cantidade que supón o consumo dunhas 6.300 persoas, o total do concello de Coristanco. De feito, a explotación requerirá a desviación do cauce do Río Lourido 2,7 kilómetros, con todos os riscos que isto supón, sobre todo nunha terra de chuvia abundante como é Galicia.

Máis importante aínda que a escaseza de auga é a contaminación desta, xa que as filtracións, comúns neste tipo de minas, terán un impacto altamente negativo na saúde das persoas de boa parte da comarca. De filtrarse ao subsolo, as augas contaminadas poderían estenderse mesmo ata lugares ben afastados da zona mineira. Hai que lembrar a gravidade dos efectos da contaminación por metais pesados, e especialmente polo efecto nocivo do cianuro, non só en persoas como en animais, senón tamén na terra. As consecuencias económicas nunha zona agrogandeira e turística como é a de Bergantiños poden chegar a ser nefastas, anulando así os pregoados efectos positivos da mina –ou sexa, a creación de emprego-.

As balsas, un gran risco sen asegurar

Como ten afirmado o xeólogo e investigador Ayala-Carcedo, finado en 2004, nunhas consideracións defendidas tanto por el como polo resto de expertos do Instituto Geológico y Minero de España, calquera instalación desta clase, que supón riscos para as persoas e o medio, “debería cubrir estes posíbeis danos a través da correspondente póliza de seguro”; o que segundo el radica “na máis elemental racionalidade social ou ecolóxica: o que contamina, paga”. O propio Ayala-Carcedo sinalaba que o maior risco que se pode producir nunha explotación destas características é a rotura da balsa, como ocorreu en Aznalcóllar. Se isto ocorrese en Corcoesto, como explicou en varios dos seus informes a Sociedade Galega de Historia Natural, liberaríase un volume de lodos e augas dúas veces superior ao de Aznalcóllar, xa que a capacidade da balsa é de arredor de 11 millóns de metros cúbicos. Por se isto fose pouco, o grande desnivel e a escasa distancia ao esteiro, de 15 kms, faría case inevitábel o verquido dos tóxicos sobre a ría do Anllóns, cuxa importancia, e non a da mina, si debería ser considerada estratéxica. Ademais, segundo este científico, outro aspecto positivo é que ao teren as propias aseguradoras que fixar a poliza, analizando o risco, “incorporaríase unha salvagarda máis para os cidadáns e o medio ambiente”.

Estas afirmacións, que semellan puro sentido común, aínda a día de hoxe non están a ser tidas en conta por gobernos coma o galego; o que leva ocorrendo durante todas estas décadas nas explotacións de megaminería de calquera lugar do mundo. Nesta liña van as reivindicacións que a Sociedade Galega de Historia Natural leva meses realizando á Xunta de Galicia. A SGHN considera que o proxecto de Edgewater “debería avaliar os efectos sanitarios, económicos e ecolóxicos dos peores accidentes posíbeis, incluída a rotura das balsas mineiras con liberación total do seu contido ao río Anllóns”, polo que se tería que esixir á empresa canadense “un seguro de responsabilidade civil polo importe máximo dos danos” que poderían ter lugar na comarca. Sen este seguro, nada garante que Corcoesto non se convirta nun novo Aznalcóllar, onde a empresa sueca Boliden nunca pagou os danos causados, estimados nuns 240 millóns de euros e asumidos pola Administración; nin sequera cando en 2004 a sala 3ª do Tribunal Supremo a condenou a aportar 45 millóns en concepto de indemnización.

Un monte cheo de arsénico: a neglixencia da Xunta

Nun informe encargado en 2009 pola Conselleria de Medio Ambiente á Universidade de Santiago alertábase da necesidade de realizar un “forte control” en todas aquelas terras nas que se superase unha concentración de arsénico no solo de 50 miligramos por kilo. No caso de Corcoesto, como xa se ten sinalado, a media de concentración de arsénico, substancia altamente velenosa, é de 494 miligramos por kilo, é dicir, 10 veces máis que o tope que neste informe científico se fixa para que sexa preciso estar alerta. Porén, o responsábel de Avaliación Ambiental da Consellería, Justo de Benito, fixo ouvidos xordos a todas estas cuestións sinaladas nun informe encargado pola propia Administración e autorizou a extracción de ouro, á espera do permiso de Industria, que non semella difícil que se dea cando a Xunta xa cualificou a mina de “proxecto estratéxico”.

Cartel de alerta no lugar onde se atopaba a antiga mina inglesa. Foto: El País

Cartel de alerta no lugar onde se atopaba a antiga mina inglesa. Foto: El País

De Benito e o resto da Consellería de Medio Ambiente tamén deixaron correr a auga cando tiveron coñecemento da publicación doutro informe, este elaborado por científicos do CSIC e da Universidade de Vigo, sobre a sorprendentemente alta dose de arsénico que o Anllóns verte no seu esteiro cada ano. 850 kgs, nada máis e nada menos, que proveñen da explotación aurífera que os británicos puxeron a andar na parroquia de Corcoesto hai xa un século; unha cantidade proporcionalmente superior á dos grandes ríos industrializados de Europa. Preocupante, cando menos, xa que se trata dunha desembocadura oficialmente protexida pola súa grande riqueza tanto desde o punto de vista paisaxístico e medioambiental como do puramente produtivo. Pero tanto ou máis preocupante foi a resposta da empresa, rexeitando estes estudos científicos e negándose a publicar os datos das análises da auga en tempo real.

Apoio institucional e financeiro

edgewater spain map

O propio executivo autonómico tamén acaba de tramitar, hai agora 15 días, sete licencias de exploración máis que multiplican por 10 a área xa fixada, acadando un total de 8070 hectáreas que se reparten entre os concellos de Cabana, Ponteceso, Coristanco, Malpica e Carballo; afectando de maneira directa a vivendas e familias. Semella que isto será a tónica xeral nos próximos meses, xa que Edgewater está a investigar unha franxa de 150 kilómetros que denominan como a “Malpica-Tui Gold Belt”.

Ao incondicional apoio que a Xunta está a amosar a Edgewater para que desenvolva o proxecto súmase o da Administración central, que hai un par de meses lle outorgou unha axuda de 150.000 euros á empresa. Con isto, os canadenses xa levan recibidos 350.000 euros en forma de subvencións públicas en só dous anos, o que semella chocante nun momento de crise sistémica como o que estamos a vivir, e máis se analizamos cara a onde se está a dirixir o gasto social.

Unhas subvencións que semellan aínda máis innecesarias cando se teñen en conta os créditos xa concedidos polos bancos Credit Swiss e Barclays por un valor superior aos cen millóns de euros.

Implicación do concello e presións aos veciños 

O terceiro pé deste banco do apoio institucional á explotación de Corcoesto chega dos alcaldes dos tres concellos con terras afectadas, especialmente, segundo afirma a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, de José Muíño, rexedor de Cabana de Bergantiños, cuxo concello foi acusado de prestar apoio á empresa en numerosas ocasións, como por exemplo servindo de instalación de recollida de currículos da propia empresa.

Grazas a isto, Mineira de Corcoesto S.L. tivo carta branca para realizar catas e prospeccións sen permiso, como denunciaron veciños da zona, así como para presionar aos habitantes da parroquia para que estes vendan de xeito express. A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños considera que a empresa está “acosando de xeito individualizado aos veciños para forzalos a vender” a base de contratos cos que se establece unha opción de compra sobre o monte a 1’20 €/m2. Segundo denuncia a propia plataforma, as persoas que asinen “renuncian aos seus dereitos sobre o monte” para así recibiren, no momento que se produza a compra -cando a Xunta autorice definitivamente a explotación-, “un 10% do prezo tratado en concepto de prima de opción”. Tamén sinalan que con esta estratexia, a empresa trata de “enganar” aos donos dos terreos facéndolles ver que evitarán os custos da expropiación, cando en realidade, en caso de que esta se producise, os prezos que recibirían serían moi superiores. Dun mínimo de 7, afirma a plataforma, poderían chegar até 12 euros/m2, 10 veces máis que o fixado pola empresa, co que isto conlevaría para as súas arcas.

Desinformación mediática e a plataforma promina

É curiosa a actuación dos máis importantes medios de comunicación de Galicia, a TVG e La Voz de Galicia, con respecto ao tema da mina de Corcoesto.  Á parte dunha escasa cobertura do tema, e unha serie de informacións claramente partidistas, dous feitos chaman a atención pola súa evidente gravidade. O primeiro ten que ver coa televisión pública e a campaña Salvemos Galicia,  que xa leva acadadas máis de 200.000 firmas na plataforma Change.org. Un fenómeno viral na rede pero invisible para este medio, como alertaba hai uns días eunonmanipulo, o blog creado por traballadores da propia canle como método de denuncia fronte á súa utilización como instrumento político.

A segunda trátase dun caso tan sangrante coma escandaloso. A plataforma ExVoz, formada por antigos traballadores do xornal La Voz de Galicia, informaba hai uns meses da relación existente entre Xosé Lois Blanco, director do xornal; Navia Franco, responsable de comunicación de Edgewater en Galicia; e o seu pai, o avogado e escritor Xosé Luís Franco Grande, quen criticou no xornal a oposición de AGE –e en particular de Xosé Manuel Beiras- á explotación. Dáse a casualidade de que Xosé Lois Branco e Navia Franco son marido e muller, e que Franco Grande é o seu pai. Como vemos, todo queda en familia.

Máis rechamante, se cabe, é o caso da plataforma Corcoesto Si, Mina Si. Á parte da súa evidente falta de argumentos –como se puido comprobar no debate da semana pasada en Radio Coruña-, a plataforma deixa entrever tamén unha notoria falta de membros físicos, xa que boa parte deles son persoas de fóra de Galicia relacionadas co ámbito da minería, ou traballadores da empresa, como denunciaron en numerosas ocasións as plataformas contrarias á mina. Isto quedou patente a semana pasada, cando unha marcha nocturna para presentar en Santiago unha recollida de firmas a favor da mina tivo unha participación tan escasa que apenas superaba a trintena de persoas. A pesar disto, a Xunta acaba de regalar 300.000 euros aos grupos promina, o cal poderíamos considerar outra subvención indirecta á empresa. Desde logo, do que non cabe dúbida é de quen goza das simpatías do goberno de Núñez Feijóo.

En resumo, riqueza para uns poucos e miseria para todos

Como vemos, todas as pezas van encaixando neste crebacabezas, que se vai asemellando cada vez máis ao do resto de lugares do mundo nos que a megaminería está causando estragos. Non importa que isto sexa Europa, e non África ou Sudamérica; isto xa sucedeu en Italia e está a suceder en Grecia. O método de actuación destas empresas é sempre o mesmo: connivencia co goberno de turno e cos medios de comunicación, que posibilita unha avaliación precaria e interesada dos riscos e a utilización das tecnoloxías máis contaminantes para obter os maiores beneficios a costa da saúde das persoas, da terra e da auga. Todo enmarcado nun contexto de crise que permite que empresa e gobernos frivolicen coa creación de postos de traballo que a xente tanto precisa.

Até que punto compensa todo isto? Vale a pena hipotecar o presente e o futuro dunha comarca enteira por un pouco ouro que nin sequera revertira na riqueza da zona? Hai uns días, Salvemos Cabana presentou un plan de desenvolvemento sostíbel para toda a comarca de Bergantiños de cara a dar un pulo ao sector primario e ao turismo de calidade desde a sustentabilidade e o respecto á terra. Fica claro que se hai vontade, outro futuro é posíbel para o noso país.

O de Corcoesto é un proxecto clave porque aquí se está a librar a primeira batalla dunha guerra que se prevé longa. Santa Comba, a Fonsagrada ou Zas son algúns dos nomes que xa se están a apuntar con letras de ouro nas axendas de Edgewater. Parar esta explotación significaría un forte golpe para os intereses da multinacional canadense e animaría a seguir na loita con todo o que está por vir. En Famatina, Arxentina, saben ben que é duro. Tamén ben perto de aquí, en Tapia de Casariego, coa súa loita pola dignidade que xa dura unha década.

A manifestación nacional de mañá, convocada polo grupo Contraminacción, que partirá ás 12 da Alameda compostelá, é un bo momento para saír á rúa e reclamar nada máis e nada menos que o que é de todos nós, o dereito á vida e a un futuro digno no noso país. Porque sen saúde, terra nin auga non hai vida; e vida é o que máis precisa Galicia nestes momentos.

1360872372371mina-oro-corcoestoc4

Vista de Corcoesto. Foto: Salvemos Cabana

Artigo realizado por David Fontán e Alejandro Gándara.