Cara a cara: falso nove, si ou non?

A favor: Gonzalo Da Cuña

José Mourinho comentou un día que se non podías ir a cazar co can o mellor era que utilizases o gato. Polo tanto, señor Rodríguez, en España será mellor non levar  cazar a ningún animal se están tan en baixa forma como os nosos dianteiros.

No mundo do fútbol a táctica é unha das variables máis importantes, pero creo que o estado de forma dos xogadores é fundamental. España chega á Copa Confederacións con tres dianteiros que fixeron unha tempada moi irregular. Deixando os números aparte, nin Torres nin Villa tiveron continuidade nos seus equipos. De feito, os dous acabaron perdendo o posto de titular en moitos momentos da tempada. Soldado, como todo o Valencia, fixo unha campaña moi semellante ao percorrido dunha montaña rusa. Ademais, debemos ter en conta que o dianteiro valenciano non ten unha grande experiencia en partidos importantes. Partindo desta base, e tendo en conta que o propio Del Bosque non está convencido con ningún, o mellor sería xogar con falso nove.

O verán pasado, o seleccionador apostou por Cesc nesta posición con resultados excelentes. O equipo tivo un gran control durante todos os encontros da Eurocopa nos que apostou por esa fórmula. Con ela, completou un dos partidos máis brillantes que se recordan da selección na gran final ante Italia. Co falso nove España gaña presenza e control en medio campo. Ademais, xera unha sensación de continua incerteza nas defensas polos cambios de posición entre xogadores. Con Cesc, Xavi, Iniesta, Silva ou Pedro movéndose con total liberdade por diante de Busquets e Javi Martínez, o gol está asegurado. Ademais, se as cousas se complican, sempre tes tres dianteiros de diversas características no banco.

Con Cesc, Xavi, Iniesta, Silva ou Pedro movéndose con total liberdade por diante de Busquets e Javi Martínez, o gol está asegurado

En resumo, non se trata por apostar pola figura dun nove de referencia ou non, xa que España funcionou de forma maxistral con esta fórmula no principio da súa dinastía mundial. David Villa converteuse no máximo goleador histórico da selección e Fernando Torres tamén fixo grandes números, pero ningún dos dous volveu a ser o mesmo tralas súas graves lesións. Polo tanto, e á espera do crecemento dos noves do futuro ou outras apostas como Michu ou Llorente, a mellor solución é sen dúbida o falso nove.

O nove (Fernando Torres) deixándolle o seu lugar ó falso nove (Cesc Fàbregas) / Fonte: ellahoy.es

O nove (Fernando Torres) deixándolle o seu lugar ó falso nove (Cesc Fàbregas) / Fonte: ellahoy.es

En contra: Roi Rodríguez

A ver, Gon, que te teño por un tío que sabe de fútbol, que para algo xogas na primeira división universitaria. Que invento é ese do falso nove? Un seis do revés, que se lle das a volta é un nove? Un dianteiro mala pécora, do que non te podes fiar, e por iso é falso?

Sexa como for, o certo é que co nome de falso nove o inventor non tivo moito que pensar. Porque a verdade é que se ó media punta de toda a vida lle chamamos falso nove, non sei onde imos quedar. Porque esa é a súa posición, un xogador que arranca en tres cuartas partes do campo pero sen ninguén por diante. Unha formación defensiva, aburrida e propensa ó embotellamento no xogo, máis aínda nunha selección como España que xoga sen bandas.

Cando España xoga con esta variante Fàbregas é quen ocupa esa posición. Acompañándoo, como xa vimos no pasado, habitualmente Busquets, Xavi, Xabi Alonso, Iniesta e Silva. Seis mediocampistas para tocar o balón, manter a posesión e xogar ó cerocerismo máis puro. O novo catenaccio, o amarrateguismo co balón. A posesión inútil. Máis aínda cando España conta con algúns dos mellores dianteiros e extremos do mundo para xogar a outra cousa.

Se España quere elaborar un xogo bonito e marcar goles para gañar debe xogar cunha referencia clara no ataque

Porque con Aragonés España xogaba diferente. Tiña a posesión, como é normal nun equipo con Xavi, Iniesta ou Cesc. Pero atacaba e fixaba unha referencia co dianteiro (ou dianteiros incluso cando coincidían Villa e Torres). Certo é que Torres non merecía estar nesta Copa Confederacións (saúdos a Negredo) e as lesións lastraron a Villa nos últimos tempos, pero o asturiano é un cazagoles e debe ter unha oportunidade. E vaia, claro, aínda por diante deles, o señor que debería ser o dianteiro titular. Un killer da área, que fixa defensas, remata con ambas pernas e de cabeza e un mago do desmarque. Efectivamente falo de Soldado, un dianteiro como a copa dun pino e que este ano marcou 31 goles (1 cada 121 minutos). Meritocrasia que diría o señor Mourinho.

Coa cantidade de ocasións que xera esta selección a figura do 9 vólvese, polo tanto, indiscutible. Un rematador que aproveite o xogo dos catro homes da segunda liña é vital, pois a alternativa é volver ó xogo do Mundial, do 0-0, a crenza, a épica e San Casillas. A ese xogo onde Navas centraba sen atopar rematador ou onde no centro do campo se amontoaban sen moito xeito Xavi, Cesc, Iniesta, Busquets e Alonso en menos de 10 metros cadrados. Con isto, está claro: se queres xogo bonito, marcar e gañar con contundencia dado o gran nivel da selección, xoga con Soldado ou Villa. Se queres sufrir a ver que pasa, tira unha moeda ó aire.