O corazón tamén conta

No mundo do deporte, como na vida, os vencedores son o que escriben a historia. Porén, no imaxinario de todos os espectadores desta marabilla chamada deporte, tamén hai un oco para aqueles equipos ou deportistas que se quedaron no camiño, pero que espertaron a ilusión coa súa loita, constancia e espírito de superación. Ás veces, eses valores son os que fan que o imposible se transforme en improbable. Algo así foi que fixeron os Chicago Bulls durante estes playoffs da NBA.

Ninguén contaba con eles, tendo en conta que á baixa indefinida de Derrick Rose sumáronse as de Luol Deng e Kirk Hinrich, pero os de Chicago foron quen de superar en primeira ronda ós Brooklyn Nets en sete épicos partidos e meterse en semifinais de conferencia. Alí, para rematar a súa fazaña, lograron plantarlle cara ós Miami Heat, os grandes favoritos a alzarse de novo co anel de campións da NBA. Os Heat venceron por 4-1, pero tras gañar un encontro en Miami e rozar a fazaña noutros dous, os de Tom Thibodeau poden ir para casa coa cabeza ben alta.

Chicago partía como favorito ó anel hai xusto un ano. Tras perder con Miami a final de conferencia en 2011, por fin parecían un equipo maduro e apto para plantarse na final, ata que no primeiro partido de playoffs todo se viu abaixo. O xeonllo de Derrick Rose, que levaba unha tempada difícil polas lesións, dixo basta, e aí remataron todas as opcións dos Bulls. Philadelphia aproveitou o golpe moral para gañar a serie por catro a dous, mentres as esperanzas da cidade de Chicago quedaban no camiño. Un ano despois, os Bulls afrontaban os playoffs sen Rose (ao que aínda estamos esperando) e sen demasiadas expectativas. A tempada dos Bulls estivo chea de vaivéns, con moitas alegrías pero tamén con grandes decepcións. Con todo, alcanzaron a quinta praza da conferencia.

Se a baixa de Rose era relevante, os problemas multiplicáronse na primeira serie de playoff ante Brooklyn. Deng caeu por enfermidade e Hinrich lesionouse no xemelgo. Por se isto fora pouco, un virus estomacal afectou a Nate Robinson e Gibson, mentres que xogadores como Boozer ou Noah chegaban moi xustiños fisicamente. Os sufrimento foi constante, reflectido de forma moi gráfica durante o sexto partido, onde Nate Robinson vomitaba cada vez que se sentaba no banco para despois saír e anotar unha tripla. Poucos crían neles, pero demostraron que o corazón e as ganas tamén serven para vencer encontros, deixando en evidencia a Brooklyn, equipo de moitas estrelas e pouca alma.

Da serie ante Brooklyn debemos destacar dous partidos por enriba do resto. O cuarto no United Center, con tres prórrogas e un Nate Robinson espectacular. E por suposto o definitivo sétimo, onde os Bulls xa acumulaban todas as baixas e conseguiron vencer a domicilio xogando con practicamente seis xogadores, como se de un equipo de liga universitaria se tratase. Tres suplentes como Robinson, Belinelli e Butler actuaron nestes playoffs como auténticas estrelas, demostrando que ás veces simplemente é necesaria unha oportunidade. Robinson, un dos xogadores máis anárquicos da liga, demostrou algo insólito nel: regularidade. Belinelli, a eterna promesa do baloncesto italiano, aportou intensidade e un gran acerto exterior. E por último, Jimmy Butler fixo uns playoffs incribles en todos os sentidos, xogando 48 minutos por partido e presentándose en sociedade na NBA. Na pintura, Joakim Noah fíxose inmenso e erixiuse no líder espiritual dun equipo que nunca daba un balón por perdido. Boozer e Gibson completaban este sexteto de homes que loitaron ata o final. O resto de xogadores, exceptuando quizais Hamilton, tiveron un papel testemuñal.

Tras gañar en Brooklyn, os Bulls chegaron a Miami para enfrontarse a un equipo descansado e preparado para todo. Porén, os Bulls volveron a facelo sen practicamente descansar. Baseando o partido na defensa, con Butler secando a LeBron e con Noah dominando na pintura, leváronse o primeiro partido e deron un serio aviso aos Heat. Os de Miami puxéronse as pilas e gañaron os seguintes catro encontros, pero sen dúbida que os beach boys tiveron que poñerse o mono de traballo para rematar co soño dos Bulls. Aínda así, ata o último segundo os de Chicago non deixaron de loitar e tiveron ata tres oportunidades de forzar unha prórroga no quinto e definitivo encontro. Extenuados por xogar tantos partidos con tan poucos homes, os de Thibodeau despedíronse da NBA por este ano.

Os logros non sempre se corresponden co recordo. Dentro duns anos, cando moitos consulten a historia da franquicia dos Bulls, unhas simples semifinais de conferencia parecerán pouco, pero non o será así para todos os que puidemos vibrar con este equipo. Para o recordo quedará a loita, o corazón e o convencemento en que todo é posible. Tamén, a ilusión do que puidera pasar se Rose, Deng e Hinrich estiveran na cancha, aínda que iso é algo que nunca saberemos. O que sabemos é que os Bulls despiden a tempada cun sorriso e cun futuro prometedor, sempre e cando se recuperen todos e manteñan esta capacidade de loita. Pero de momento, o único seguro é que os Bulls volveron a demostrar que entre crer e crear simplemente hai unha letra de diferencia.

*Foto de portada: Reuters