O cambio social na internet

  “O acceso directo á información que ofrece interntet é, de xeito inherente, politicamente subversivo”

Howard Rheingold

 

 A Primavera Árabe, os ataques de Anonymous a grandes empresas coma Visa ou Amazon, as filtracións de Wikileaks, o 15M no Estado español, Occupy Wall Street en Nova York ou o movemento Yo Soy 132 en México son algúns dos exemplos máis recentes nos que se reflicte a importancia do ciberactivismo. O espazo físico e o virtual están a confluír coma nunha especia de simbiose. Un feito que propiciou que a ética hacker non só impregnara  a maioría de movementos sociais, senón tamén a case toda a sociedade no seu conxunto. Unha ética que nacía vai xa unhas cantas décadas dun xeito paralelo a internet. Unha ética que se caracteriza pola defensa dun libre acceso á información e na crenza de que a informática mellora a vida das persoas.

Internet e as redes sociais virtuais -que non as físicas que existiron sempre- fan que calquera persoa poida ser potencialmente un activista. Que calquera poida mostrar a súa opinión sobre un tema. O seu apoio a un movemento. A súa frustración cun sistema político e económico que  non vale senón para satisfacer os intereses dunha minoría. Os intereses duns particulares. Un “Estado do Malestar.” Do mesmo xeito, aquelas persoas ligadas aos movementos sociais xa non forman parte de colectivos moi concretos, moi definidos, como acostumaba a acontecer. Xa non son xente, na súa maioría, ligada intimamente ao movemento obreiro, a grupos antiglobalización…

ciberactivismo 2

A primeira vez que se puxo de relevancia a importancia da rede no cambio social foi en 1999 na cidade estadounidense de Seattle, durante as protestas contra a Organización Mundial do Comercio (OMC). Nesta ocasión púidose comprobar como as novas tecnoloxías da comunicación axudaban á propagación do movemento. Aínda así, xa con anterioridade, tiveran lugar unha serie de reivindicacións da ideoloxía en internet levadas a cabo por grupos autodenominados ciberhackers ou ciberpunks.

As redes sociais permiten autoorganizarse, cooperar, comunicar, difundir información… Outro xeito de facer política, en definitiva. Mais para isto é preciso que haxa retroalimentación entre as redes e a realidade física. As redes socias virtuais foron e son, sen dúbida, unha ferramenta de grande utilidade para o cambio social. Mais só unha ferramenta. Unha ferramenta dunha enorme utilidade, cuxa existencia foi a causa principal da enorme difusión de determinados movementos sociais. Mais que, ao fin e ao cabo, está profundamente sobrevalorada. O que leva á infravaloración da acción humana. Non sempre houbo redes sociais dixitais, mais si houbo movementos sociais propiciados polas persoas. Algúns deles moi masivos.

Aínda que as elites actuais do poder están bastante á marxe destas ferramentas, certos políticos coma o presidente dos EUA, Barack Obama, comprenderon o seu emprego con fins políticos. As súas dúas vitorias, especialmente a primeira, explícanse en grande medida precisamente a isto. O seu equipo creou unha páxina persoal do candidato demócrata na que se ían contando as novidades da campaña, enviaban correos personalizados e mesmo crearon unha base de datos dos seus potenciais votantes. Souberon empregar, e de que xeito, as novas tecnoloxías á perfección.

ciberactivismo 1

Porén, as elites xa non son as únicas construtoras da realidade, do discurso. A rede ofrece unha verdadeira  liberdade de información. Unha  información que é considerada polas persoas máis verídica que a producida polos propios medios de comunicación de masas.  Un feito que non resulta estraño se se  ten en conta a actual situación da maioría deles. A rede propicia a autonomía cidadá. O monopolio mediático do poder político, e sobre todo financeiro, xa non é tal. Polo menos non en tan alto grao.

A sociedade é, na actualidade, moi activa politicamente. Fálase de política no bar, no autobús, nos xantares familiares… E, sobre todo, nas redes sociais. Unha actividade política que é preciso sacar á rúa. A xente está indignada pola xestión política, e económica, da crise. Está farta de ser ignorada polo poder político, económico e pola maioría dos medios de comunicación. Farta de deficiencia democrática, quere finalizar cos privilexios dos políticos, quen xustamente pretenden criminalizar todo tipo de movementos sociais. Mais os criminais son outros. Existen moitos tipos de violencia. Violencia é que te boten da túa casa, que che paguen 500 euros no traballo, que malle en ti a policía… Iso si é violencia. A masa crítica, a intelixencia colectiva do conxunto da sociedade, pode agora traspasar as barreiras dos grandes medios, do poder político e máis económico. Pode tomar o espazo urbano. Pode cambiar as cousas.