Marc Márquez: Aspirante ás primeiras de cambio?

Na vida, os períodos de adaptación son un elemento moi importante para poder adaptarnos ó medio. Cando somos nenos non temos máis remedio que acostumarnos a ir á clase pouco a pouco, porque os cambios custan e porque non é sinxelo aprender as novas rutinas de traballo. Porén, existen persoas ou nenos que non necesitan eses períodos de adaptación en ningún momento da súa vida. Este ano, no mundial de motociclismo estamos descubrindo a unha destas persoas, Marc Márquez.

A historia de Marc Márquez é unha historia cargada de éxito e velocidade dende moi pequeno. Aos catro anos pediulle ós reis unha moto de gasolina, demostrando que o da precocidade ía con el. Tras pasar polo Enduro e o Campionato de Velocidade de Catalunya, acabaría aterrando no Campionato de España de Velocidade (C.E.V.) en 2007.  A súas actuacións no C.E.V. servíronlle como impulso para chegar ao Mundial de Motociclismo na seguinte tempada. Tres anos na categoría de 125 c.c. chegáronlle para ser o español máis novo en levarse ese mundial. Subiu a Moto2 e alí simplemente necesitou dous para alzarse co campionato. Se a progresión segue e se cumpren as estatísticas Marc Márquez podería ser campión este ano de Moto GP. Aínda que para iso aínda queda moito por andar.

As maneiras de Márquez sempre pareceron de campión dende os seus inicios nas motos, pero poucos poderían esperar un comezo de campionato tan espectacular como o está realizando o de Cervera. Despois de tres grandes premios lidera o Mundial e xa foi quen de mollarlle a orella ós tres grandes: Rossi, Pedrosa e Lorenzo. O catalán non se baixou do pódium e demostrou que pode levar á súa Honda ó máis alto do campionato. Moi poucos poderían esperar un comezo deste calibre, xa que o cambio de moto era importante e sempre os pilotos necesitan un período de adaptación. Pero Márquez demostrou que esas palabras non existen no seu vocabulario.

O pódium de Qatar foi un comezo incrible, pero a vitoria en Austin superou tódalas expectativas. Marc dominou o Gran Premio de venres a domingo e sumou con autoridade o seu primeiro triunfo en Moto GP, converténdose no piloto máis novo en levarse unha carreira. E por se alguén aínda tiña dúbidas de que Márquez non viña a gañar o campionato dende o primeiro día, Jerez despexounas todas. Márquez chegaba á última volta terceiro, pegado á roda de Lorenzo, pero o catalán non se conformou con ese posto e na última curva meteulle a moto ao de Yamaha. Os dous puideron ir ó chan pero Márquez arriscou e levouse unha segunda praza de campión, nunha manobra que recordou moito á de Rossi para adiantar a Sete Gibernau no mesmo circuíto. E se Rossi pode facelo, por que Márquez non? O neno chegou á elite para quedarse e parece que vai loitar cóbado con cóbado con Lorenzo e Pedrosa por un Mundial apaixonante.

Aínda así, a tempada é moi longa e o de Cervera pode sufrir aínda os contratempos do cambio de categoría. As caídas por pilotar unha moto máis pesada, o desgaste dos neumáticos nos momentos máis importantes da carreira e tamén a falta de experiencia poden pesar. Pero isto último, como ben demostrou o domingo, é algo que se pode superar con ganas e valentía. Polo tanto, creamos máis ou menos nas posibilidades de Márquez para ser campión na tempada do seu debut, todos os afeccionados ao deporte debemos felicitarnos. Con Márquez chegou a categoría raíña o campión do futuro. Un campión que promete emoción e espectáculo como ben demostrou na súa traxectoria nas motos ata o día de hoxe. E a emoción non é algo que entenda de idades nin de períodos de adaptación.