Europa busca rei

A festa do baloncesto europeo está servida. Tras unhas semifinais que estiveron á altura, Olympiacos e Real Madrid enfróntanse nunha final na que os gregos poden repetir o seu título do ano pasado ou onde o Madrid pode recuperar o cetro europeo dezaoito anos despois. Dende as 21:00 h da noite o O2 Arena decidirá o novo campión de Europa. Antes, o aperitivo en forma de terceiro e cuarto posto entre CSKA de Moscú e o F.C. Barcelona, ese partido que ninguén quere xogar.

O venres vivimos toda a emoción no clásico español que se decidiu nos últimos minutos. Nun partido no que o acerto a canastra non foi excesivo, a defensa branca e sobre todo o dominio do rebote fixo que o Real Madrid remontara no último cuarto para acabar gañando sen excesivos apuros nos dous últimos minutos. As molestias físicas culés pesaron demasiado, así como o gran partido de Sergio Rodríguez e Felipe Reyes que foron decisivos. Horas antes, o Olympiacos cargouse ao teórico gran favorito: O CSKA de Ettore Messina. Unha primeira parte espectacular dos gregos deixou o partido visto para sentenza, xa que o equipo ruso en ningún momento soubo reaccionar. Un ano máis os gregos chegaron de tapados e deron a gran sorpresa. Nunha final onde non hai un favorito claro, dende Compostimes tentamos achegar as posibles claves dun partido que ningún afeccionado ó deporte debería perder.

As claves da final

– O ritmo do encontro: Spanoulis é xogador franquicia dos gregos. Na final four de Estambul deu clases de como manexar os encontros e esta Euroliga foi nomeado como MVP tras unha tempada espectacular. O base acostuma a controlar o “timing” do encontro ao mesmo tempo que desespera ó equipo contrario. Se Olympiacos impón o seu ritmo, será moito máis complicado para o Real Madrid. A dupla de bases Llull/Sergio Rodríguez debe acelerar o partido nos momentos claves para o equipo branco. En principio, un partido de moitos puntos e moitas posesións sería favorable para o Real Madrid.

A presión: Ao igual que pasara en Estambul, moi poucas quinielas contaban co Olympiacos como posible campión. De novo, os gregos aproveitaron esa falta de presión para motivarse e conseguir deixar fóra ao CSKA. Na final, aínda que busquen repetir título, non teñen demasiado que perder. O Real Madrid está vivindo unha das mellores tempadas nos últimos anos, pero o equipo de Pablo Laso debe ratificala con títulos. En Copa, o Barcelona puido con eles nun partido clave e agora deben demostrar que poden reinar en Europa para comezar a pechar un ano importante. As urxencias históricas, con dezaoito anos sen triunfar en Europa, tamén contan.

– O descoñecemento dos equipos: Levan tempo sen enfrontarse, o que evitará unha táctica tan elaborada como a que tiña o Olympiacos para frear ao CSKA. Bartzokas comeulle a tostada de forma espectacular a Messina e tentará facer algo semellante con Pablo Laso. O técnico branco debe demostrar que tamén está preparado para dirixir estes encontros e controlar as variantes tácticas e emocionais que se poidan producir nos mesmos.

– A suma global grega: O factor Spanoulis está presente pero o importante neste equipo é a actuación coral. Todos os xogadores suman, polo que a defensa intensa será necesaria en todo momento para os brancos. Como segunda espada grega teremos a Kostas Papanikolaou, un xogador seguido dende a propia NBA durante esta final four.

– Os exteriores brancos: Rudy, Llull, Carroll e Sergio Rodríguez. O fondo de armario do equipo de Pablo Laso é impresionante, e cun partido acertado dos seus xogadores exteriores moi poucos equipos poderían parar a maquinaria branca. Nas semifinais, practicamente só o canario estivo a gran nivel, polo que na final sería necesario algo máis de acerto. Compensando isto cun partido aceptable de Mirotic, Begic e Felipe; o Madrid tería todas as de gañar.

Pois así, en cinco puntos, tentamos resumir o que serán corenta minutos de emoción que servirán para definir o próximo campión de Europa. O Madrid busca a novena dezaoito anos despois, mentres que Olympiacos busca o seu terceiro cetro europeo. Ademais, sumarían dous consecutivos, algo á altura dos máis grandes. As cartas están sobre a mesa e mañá a esta mesma hora xa saberemos o nome do campión. Esperemos que o partido e o espectáculo do baloncesto europeo non defrauden.

*Foto de portada: Eurosport