Da tolemia de Mourinho á caída do Real Madrid

Cando Jose Mourinho vencía no Camp Nou e en Old Trafford hai pouco máis de dous meses era venerado polos afeccionados madridistas e elevado polos medios da yihad branca (Marca e As) a algo incluso superior ó posto de mellor adestrador do mundo, un semideus coñecido por esa época como “The Special One”. Era a etapa en que Iker Casillas caera lesionado e en que o Barcelona sufría ante o Milan ameazando cunha caída tamén na liga. Mourinho vencía ó Barcelona sen recorrer tan sequera ó seu famoso triángulo de presión alta (tamén coñecido como trivote para os equipos menos top). Cun gran fútbol referendaba a liña continuísta do estilo que comezaba coa final de Copa gañada co gol de cabeza de Cristiano Ronaldo.

Agora, setenta días despois, pasa a ser todo o contrario. A loita contra Mourinho achégase por momentos ó “Pellegrini vete ya” (ola Eduardo Inda). O portugués segue ocupando portadas, mais nun abrir e pechar de ollos o amado mellor adestrador pasou a ser un odiado tradutor. Que pasou entre medias? Partindo de que nunca foi un santo, si podemos dicir de Mourinho que controlou á prensa ó seu antollo desde a súa chegada. Con máis ou menos barbaridades saíndo pola súa boca sempre protexeu ós seus, unha sensación favorecida polo apoio total da yihad madridista comandada polo Marca. Pero un problema apareceu no camiño de Mourinho. Casillas recuperábase pero o bo momento de Diego López (e o malo de Casillas antes da lesión -recordemos o toque de Mourinho dándolle a titularidade a Adán-) impedíalle ó de Móstoles, o capitán de todo un Real Madrid xogar de novo. A yihad madridista debía escoller. Comandada polo Marca e o As (e co apoio de movementos case sectarios como Punto Pelota) Casillas era o elixido (segundo se di por aí é o encargado das filtracións á prensa, de aí a decisión). E Mourinho, sen saber como apagar o lume, probou coa gasolina, con falacias como a de que quería a Diego López desde o primeiro ano. Entre medias, catro goles recibidos en Dortmund cun plantexamento horrible (Khedira-Modric-Özil-Alonso xogando por dentro), puñan ó portugués no disparadeiro. E Mourinho saíu da peor forma que puido. Dando paus de cego, sepultando a un Casillas que era o que competía con el en ser o mandamáis e dilapidando diversas declaracións de Cristiano Ronaldo e Pepe. Co último, incluso, ocorreu o que nunca debe ocorrer no fútbol. O persoal colocouse por riba do profesional. Deixou de entrar nas convocatorias e nunha final de Copa con Varane lesionado non chegou nin a ocupar un posto no banco dos suplentes, chegando a ocupar ese posto o defenestrado Carvalho incluso antes ca el.

A yihad madridista nunha das últimas accións pro-Mourinho. Hai un mes aínda moitos o querían

A yihad madridista nunha das últimas accións pro-Mourinho. Hai un mes aínda moitos o querían

Todos sabemos que como adestrador Mourinho ten moitos problemas. Ás veces non le correctamente os cambios co partido en marcha, ou no plantexamento inicial peca de defensivo. Incluso poderíamos dicir que ás veces é proclive a acumular xente polo centro. Pero ante todo, o principal, é que ten que estar por riba de todo o mundo. Ten que ser o líder incuestionable do grupo ó que adestra. Así foi no Oporto, Chelsea e Inter. Alí, os capitáns, desde Paulo Ferreira a Materazzi, pasando por Lampard ou Terry, eran os segundos de a bordo. Sen discutir que “The Special One” era o capitán do barco. Aquí, en canto os pesos pesados (Casillas, Ramos) pareceron intocables todo ía correctamente. Foi sentar a Casillas e comezaron os problemas internos. Porque no Real Madrid hai a costume de respectar ós ídolos, entrando nese respecto o de que deben de xogar por decreto. Polo menos así o entende gran parte do público. E mentres Giggs ou Scholes, Materazzi ou Córdoba, Maldini ou Costacurta, Del Piero ou Totti, aportaban e aportan aínda algúns veteranía nos últimos anos, saber estar e axudan ós máis novos, no Real Madrid é costume dinamitar o vestiario desde dentro. Ocorreu con Sanchís, con Hierro e especialmente con Raúl. E agora parecemos vivir a raulización de Casillas. Non quero defender con isto a un Mourinho que se autodestruíu só e xa está máis fóra que dentro do Madrid, senón que quero facer ver que quizais o cancro do Real Madrid non son só os adestradores e os proxectos, senón tamén na última década (ou máis atrás, pero freado polos éxitos das Copas de Europa) a retroalimentación da prensa e os ídolos. E así, mal que me pese, o Real Madrid non vai a ningures. Gañará, porque de vez en cando os millóns traerán éxitos, pero os espectáculos vergoñentos e propios da España cañí serán o máis habitual no club máis laureado de España.

E chegado este momento debemos volver ó partido da noite de onte. Minuto 125. O árbitro sinala o final. A única palabra na boca de todos, de madridistas, culés, celtistas, deportivistas, xetafenses e ata atléticos é Mourinho. O Bernabéu oe un irónico “Mourinho quédate” cantado pola afección colchoneira. Ninguén se acorda tan sequera de Cristiano Ronaldo autoexpulsándose dez minutos antes. Mou está na boca de todos. É o tema do que todo o mundo sabe. El da corda, os xornalistas estírana e o 99% de nós salta nela. Entre mentres, o Real Madrid podrece, axudado un pouquiño por todos. Polos ídolos, polos cuestionados, polos directivos, pola prensa. A yihad madridista non se da conta de que día a día pasa a ser máis a yihad merdentista. Para Mourinho está claro que chegou o seu final. Caerá e o madridismo seguirá. Pouco se pode facer con este proxecto visto o visto. Game Mouver.

Un fénomeno habitual nos comandantes da yihad madridista: vender o peixe antes de pescalo

Un fénomeno habitual nos comandantes da yihad madridista: vender o peixe antes de pescalo

Pero hoxe non debía ser o día deste artigo. O Atlético acaba de gañar un título e merece que o público fale del. Por fin, comandado por Simeone e Falcao o conxunto  colchoneiro consegue ser un equipo serio. Hoxe non debe ser outro día máis de Mourinho nas portadas. Porque hoxe é o día doutro gran adestrador que cambiou unha tendencia. El é The Special simeOne.

Foto de portada: halamadrid123.wordpress.com

Fotos do artigo: lalibretadentito.blogspot.com