Contabilidade creativa

Cando un cre que o Partido Popular non pode sorprendelo máis, sempre acaba pasando algo que fai que supere os límites da imaxinación sobre canto pode ser o humano de incompetente ou descarado. No momento no que semella que podemos baixar un pouco a garda aparecen da nada Fernández Díaz, Montoro, Báñez e compañía para demostrarnos que non só seguen aí, senón que teñen pensado quedar todo o tempo que lles deixen. Pero aínda hai máis, porque cando non disfrutamos de actuacións estelares de ministros ou dun Aznar que pretende reencarnar ao Cid Campeador a cabalo, coñecemos algún detalle das Gurtel ou de Bárcenas. Non vaia ser que nos aburramos.

A semana pasada o xornal Infolibre desvelaba que o PP pagara a Miguel Blesa, o ex-director de Caja Madrid recentemente metido en prisión, servizos por valor de preto de 600.000 euros. O que parecía unha máis na sucesión de infamias cometidas dentro das tramas de corrupción e nas presuntas irregularidades da contabilidade do Partido converteuse en pouco tempo nun dos casos máis ridículos que poderiamos imaxinar.

Resulta que o Partido Popular saiu ao paso das acusacións cunha escusa case tan peregrina como inesperada, e quizá polo esperpéntico da mesma ninguén poida cuestionala, pois semella que hai que ser moi cazurro para facer tal cousa. A explicación que dá o partido é que no ano 1994 efectivamente si que fixo un pagamento a Miguel Blesa en concepto de concesión dun servizo, mais recoñécese que foi por unha cantidade que se aproxima aos 9.000 euros. Esa transferencia xerou un apunte contable cun código, e nese apunte contable con ese código pasaron a agregarse outros pagamentos a provedores de servizos determinados para as sedes das diversas localidades nas que teñen presenza. Ou sexa, ese apunte converteuse nun  caixón de xastre no que podía meterse desde a luz da oficina de Barcelona ata a empanada da campaña en Ourense.

Blesa pensando que xa ten abondo co seu sen que lle anden a imputar cousas raras

Blesa pensando que xa ten abondo co seu sen que lle anden a imputar cousas raras

Calquera persoa que estea lendo isto e vira un balance e un libro de contas dunha empresa ou sepa máis ou menos en que consiste, pode arrepiarse ante esta situación de agrupar varios pagamentos a diferentes proveedores co nome dun só deles. Esta sucesión de acontecementos déixanos ante catro posibles escenarios, dos cales ningún parece demasiado favorable:

1. O PP minte. Isto daríase se de verdade realizase todos eses pagamentos a Blesa. Parece a menos probable, aínda que só fose porque se necesita ter demasiado enxeño para urdir unha desculpa desa natureza en pouco tempo e agora mesmo todos lle predispoñen moi poucas luces ao partido do goberno.

2. O PP realiza ese artificio contable a mantenta. Acontecería se atribuise pagamentos a Blesa a sabendas de que non se lle fixeron a el. Semella case un exercicio de política-ficción. Ademais de que isto sería delito, tendo en conta que o exbanqueiro sempre foi afín ao partido non tería sentido metelo no medio nuns pagamentos que agocharían algún asunto truculento.

3. A neglixencia contable é real. Isto torna realmente grave se pensamos que estamos a falar do partido do goberno, un goberno que no caso español move arredor do 50% da economía estatal. Que credibilidade ten un partido que calcula o déficit de todo un estado, controla todo un sistema fiscal e planifica unha grande economía se non sabe nin xestionar unha empresa relativamente pequena coma a súa propia? Desde logo, este suposto non os deixa en bo lugar.

4. A neglixencia só se produce nos libros que se lle pasaron ao xuiz que investiga o caso Bárcenas, ou na presunta filtración que chegou a Infolibre. Aquí poderían quedar mal tanto o filtrador (que se salta o segredo de sumario) coma a persoa que realiza os libros a entregar.

Finalmente o asunto semella quedar en nada e, se queremos ser bos e deixar de atizarlle por un só día a Rajoy e compañía, podemos facer gala dese costume tan español que é matar ao mensaxeiro e asumir que todo foi un infeliz malentendido dunha prensa que sempre está disposta a meter os fuciños onde ninguén a chama.