Unhas semifinais de luxo

Dous partidos separan a Bayern de Múnich, Barcelona, Borussia Dortmund e Real Madrid da final de Wembley. A Champions volta a non decepcionarnos e regálanos dous semifinais que calquera espectador firmaría antes de comezar a competición. España e Alemaña rífanse dous billetes para Wembley, nunha recta final de competición que promete ser apaixonante. Para abrir boca e facer máis curta a espera, dende Compostimes xa podemos comezar a trazar as pinceladas básicas destes catro partidos que serán clave nesta tempada. Ademais chegan co aliciente de que os catro equipos vanse centrar con todo nestas semifinais, xa que a Bundesliga e a Liga BBVA hai tempo que están decantadas. As expectativas son altas e os partidos parece que van a estar moi igualados. En cinco claves básicas, tentamos explicar os detalles que poden definir cada eliminatoria.

Bayern de Múnich – FC Barcelona

© News fútbol

© News fútbol

Por primeira vez en moito tempo o Barcelona non afronta unha eliminatoria de Champions co cartel de favorito. Tras tombar á Juventus con facilidade en cuartos e decidir a Bundesliga a seis xornadas para o final, o Bayern de Múnich parece un equipo temible e moi sólido. Iso si, nesta Champions tamén tivo o seu borrón: a volta de oitavos ante o Arsenal.  Con todo, queren demostrar que xa lles toca ser campións de Europa tras perder dúas finais nos últimos anos.

O Barcelona tocou fondo e parecía morto en Milan, pero cunha remontada histórica meteuse con máis problemas dos esperados en cuartos. Alí, a lesión de Messi e o PSG complicaron unha eliminatoria que tamén resolveu nos minutos finais. Coa Liga BBVA practicamente decidida, Tito poderá rotar de cara a estes 180 minutos que significarán a sexta semifinal consecutiva na Champions para o equipo culé. Os precedentes son bos, xa que nos últimos anos impares o Barcelona rematou levándose o torneo.

As claves da eliminatoria:

-Messi. Non é unha clave táctica, pero nun sistema de xogo articulado en base ó astro arxentino a súa presenza antóllase fundamental. O descanso que ofrece esta semana vaino axudar a recuperarse mellor da súa lesión e, con sorte, poderá estar ó máximo nivel. Se Messi está a tope, a balanza da eliminatoria podería decantarse xa un chisco polo Barcelona. Para frealo, Heynckes deberá apostar por un plan no cal as axudas do mediocentro defensivo do equipo ós centrais deben ser continuas. Luis Gustavo ou Javi Martínez poden ser os encargados de cumprir esa función.

-Mediocentros. Quen se impoña neste terreo terá medio encontro gañado. Schweinsteiger e Javi Martínez deberán controlar a Xavi, Iniesta e Busquets pero non podemos descartar que Heynckes intente reforzar esta parcela. Cando máis se xunten as liñas en torno á medular mellor será para o Barcelona, xa que os espazos beneficiarán ó Bayern que é un equipo rápido e perigoso á contra. O mellor Xavi, que apareceu na volta ante o Milan pero que estivo desaparecido ante o PSG, parece imprescindible para estes encontros.

-A presión do Bayern. Foi clave ante a Juventus e deberá de selo ante o Barcelona. Tapar a Xavi como fixeron con Pirlo parece imprescindible. Con Kroos lesionado, parece que Müller será o encargado de facer esa labor. Pero a baixa quizais máis sensible para o Bayern atópase en Mandzukic, que se perderá a ida por sanción. O polaco aporta dinamismo, verticalidade pero sobre todo é o que inicia a presión. Heynckes deberá decidirse por un dianteiro dunhas características opostas como Mario Gómez, ou por algo máis similar pero que ofrece máis dúbidas como Pizarro. O Barcelona dominará o esférico, pero se o Bayern consegue que non o faga con tranquilidade todo pode cambiar.

-As baixas en defensa do Barcelona. Con Puyol e Mascherano lesionados e con Adriano sancionado, Tito terá que apostar por Bartra. O rapaz saído da Masía fixo boas actuacións nas súas aparicións co primeiro equipo, pero nunca nun partido deste calibre. Cunha defensa que durante todo este ano non demostrou unha seguridade clara, aquí pode estar o problema para o Barcelona.

-Os socios de Messi. Pedro e Villa sumaron dous goles decisivos nas dúas eliminatorias previas, pero os dous necesitan aportar algo máis neste cruce. A presión, ofrecer espazos e ter moita mobilidade para así despistar a defensa bávara, son claves para que o sistema do Barcelona teña sentido. Na outra área, a produción de Robben e Ribery tamén parece decisiva de cara ó resultado final.

Borussia Dortmund – Real Madrid

© Rtve.es

© Rtve.es

Víronse as caras na primeira fase, con bo recordo para os alemáns, e os dous viven situacións paralelas na súa competición doméstica. O Madrid pasouno fatal en oitavos ante o Manchester en Old Trafford, onde só dez minutos de inspiración sazonados cunha expulsión, fixeron que superara ó equipo de Alex Ferguson. En cuartos, deixaron todo resolto no Bernabéu, aínda que pagaran cun susto importante a súa desconexión en Turquía ante o Galatasaray. Agora, o equipo de Mourinho, non quere fallar na súa terceira oportunidade consecutiva de plantarse nunha final.

O Borussia partiu co cartel de favorito nas dúas anteriores eliminatorias, algo que quizais pesoulle a un equipo novo como o de Klopp. O Shakhtar Donetsk puxo problemas, e o Málaga estaba clasificado no minuto 90 no Westfalenstadium. Dous pelotazos e algo de fortuna meteron ó Borussia nas semifinais a última hora. Agora, sen a presión de ser favoritos e coa inxección de moral de remontar unha eliminatoria no desconto, parecen máis perigosos.

As claves da eliminatoria:

-Mesmo esquema, diferente filosofía. O 4-2-3-1 é o esquema utilizado polos dous técnicos pero non é entendido do mesmo xeito. O toque está presente en ámbolos dous equipos, pero os alemáns acostuman a combinalo co xogo vertical. Para comezar ese xogo, a recuperación de Hummels parece fundamental. Os merengues disfrutan ó contragolpe e con espazos para correr con Ronaldo, Di Maria, Özil ou Higuaín. O primeiro gol marcará a dinámica do encontro.

-A seguridade defensiva do Madrid. Varane e Sergio Ramos demostraron ser unha parella de centrais moi solventes nos partidos clave desta tempada (ante o Manchester e o Barcelona) pero agora terán que verse as caras cun dianteiro como Lewandowski. O manexo de balón de costas a portería que ten o polaco será unha nova proba para Raphael Varane, que sofre ante xogadores deste estilo. Vímolo ante Drogba na volta dos cuartos, pero nese encontro faltaba Ramos.

-A loita no mediocentro. Se o partido se pecha nesta parcela o Madrid sairá gañador. Gündogan é unha marabilla de xogador pero o tándem Khedira-Alonso parece superior, e máis tendo en conta que ó lado do mediocentro alemán estarán Kehl ou Bender, bos xogadores pero algo lentos para as transicións brancas.

-Parar a Ronaldo. Parece complicado, pero esa será a tarefa de Piszczek, un lateral que acostuma a destacar en tarefas ofensivas. Nesta ocasión, o polaco deberá esquecelas. Once goles en dez partidos é a media goleadora dun Ronaldo que se segue coa súa xeira pode ser letal para o Dormund.

-A creatividade. O duelo Özil-Gotze pode ser marabilloso. Calidade teñen de sobra pero o seu problema seguen sendo as súas aparicións intermitentes. Buscar un socio para combinar con eles é clave. Di Maria e Reus serán os encargados de aportar dinamismo e velocidade para axudar a dous xogadores que poden decantar a eliminatoria en poucos segundos.

En resumidas contas, catro propostas futbolísticas diferentes pero que tamén teñen os seus puntos en común. Catro equipos goleadores e vistosos, dominadores das súas ligas nos últimos anos pero dos cales só o Barcelona logrou triunfar na Champions nos últimos tempos. Os prognósticos serían aventurados, como demostran as cotizacións das casas de apostas, e o que está claro é que a Champions League vainos agasallar con catro noites de fútbol para o recordo. Cinco, xa que o 25 de maio e o Estadio de Wembley xa están na mente dos catro. Pero iso, xa será outra historia.