O doutor que sacou ao Deportivo da UCI

9 de febreiro. O Deportivo perde de forma estrepitosa contra o Granada por cero goles a tres. A imaxe do Deportivo é pésima. Unha banda que corre coma galiñas sen cabeza. A afección xírase por primeira vez en 25 anos cara o palco e berra un histórico “Lendoiro dimisión” case ao unísono. Tamén se escoita “menos portugueses e máis coruñeses”, deixando clara a opinión cara á política de contratacións que levou a cabo o Dépor este ano. Domingos Paciencia, o adestrador que veu de Portugal coma o gran salvador do equipo perde o seu cuarto partido de xeito consecutivo e alegando falta de forzas para levantar o ánimo do vestiario deixa o equipo marchando pola porta de atrás.

O equipo está totalmente afundido, dando na Coruña xa o descenso por feito. E tal e como é a situación económica do club, en caso de baixar de categoría o risco de desaparición é enorme. Lendoiro reacciona e quince anos despois de José Manuel Corral volve a contratar a un adestrador da terra. Fernando Vázquez, un dos adestradores con máis experiencia do fútbol español e o segundo actualmente en activo con máis partidos, xusto por detrás de Gregorio Manzano, fichaba polo Deportivo. A pesar de levar varios anos parado, onde a única actividade profesional que se lle coñeceu foi ser comentarista dos partidos da Champions League na TVG Lendoiro pensou nel para enderezar o timón do Deportivo e el non o dubidou.

Gañar sete ou oito partidos. Vázquez repetía á súa chegada que era o único camiño para a salvación. O Dépor en toda a temporada tan só gañara tres, que con outros sete empates facían dezaseis puntos. Na Coruña gustaba a súa fichaxe, pero eses comentarios eran vistos coma os dun tolo, un inconsciente que non sabía o que dicía. ¿Como ía gañar o equipo oito partidos de quince, cando en todo o ano gañáronse tres de vintetrés? Poucos confiaban nas súas verbas de que quedaba moita liga, pero aínda así, nun esforzo de levar a cabo o vello dito de que a esperanza é o último que se perde, o público de Riazor aferrábase nesas palabras. O seu compromiso comezou desde o principio. Era habitual velo visionando partidos das categorías inferiores, ou parándose a falar cos seareiros que acudían aos adestramentos, o cal deixaba en moi mal lugar aos seus antecesores no cargo, que nunca tiveron esa cercanía coa xente da Coruña.

O primeiro partido foi en Sevilla, con tan só tres adestramentos e un cambio de actitude notable. O Deportivo rematou chorando varios erros defensivos, pero tamén que quizais o resultado máis xusto sería o do empate. O próximo partido era contra o Madrid, e soubo aguantar ao actual campión ata o punto de que os da capital marcaron o gol da vitoria no desconto. A grada entoou por primeira vez o “sí se puede” tras ver o cambio de actitude nos xogadores.

vázquez

Aínda así para Vázquez non foi todo un camiño de rosas. Chegou unha focha que devolvía ao equipo á realidade. Contra o Raio Vallecano, un equipo a priori do nivel do Dépor, pero que está a demostrar moito máis nesta liga o Deportivo volvía errar. Un partido aburrido que rematou co resultado inicial e que facía esvaecer un pouco as esperanzas da xente. A semana seguinte tocaba visitar ao líder que por aquelas estaba en racha negativa, pero que espertou ante os coruñeses, cun 2-0 onde os visitantes nin sequera tiraron a portería. Vázquez transmitía ilusión, pero de catro partidos tan só se conseguira un punto, se ben é certo que en tres deses catro partidos enfrontábase a rivais moi superiores.

A reacción chegou contra o Celta. Un 3-1 contra o eterno rival, que ademais de gañarlle no campo, deixábao moi tocado por outros motivos. Ese derbi para os vigueses foi abrir a caixa de Pandora. Vázquez conseguía a primeira vitoria e as súas famosas carreiras volvían á banda. Tras ese partido chegaron outras dúas ganancias máis onde os seareiros do Deportivo que tivesen problemas de corazón andarían preto do infarto.

Vázquez chegou á Coruña e adoptou o lema que levou a Obama á Casa Branca, ese “Yes We Can”, o “pódese”. Logrou transmitirlle aos xogadores un “hai que crer” que lle facía moita falta a este Deportivo, demostrando tamén que a calidade do plantel era moi superior ao que estaba a demostrar e que o fútbol é un estado de ánimo. Ademais disto logrou tamén transmitir a súa ilusión por adestrar ao que se rumorea que era o seu equipo de toda a vida a todos os afeccionados que agora volven a encher Riazor de colorido, levando ao equipo a estar nunha situación que hai un par de meses se daba por imposible.

O de Castrofeito fala de que o equipo estaba na UCI e agora mellorou o seu estado e que xa está en planta con respiración asistida. O equipo estaba en coma, e se é posible velo aínda agora con vida é sen dúbida grazas ás súas mans de doutor.